25 discos galegos

25 anos de Troita Armada e 25 discos galegos para compartir, por Emilio Barreiro

Pídenme un texto para celebrar os 25 anos da Troita Armada. Por diversos motivos ando un pouco desvinculado dela nos últimos tempos, pero para min a Troita foi moi importante, así que, como negarme? O caso é que non sabía moi ben de que escribir, mais como a case todas as socias da Troita lles gusta moito a música, pareceume boa idea comentar con elas 25 discos para celebrar este tempo que levamos xuntas. Por falar acerca de que foi o que me gustou moito, se cadra descubrirvos algún disco e, se os comentamos nalgún momento, para que digades que vos pareceron ou o que consideredes. Por suposto que non é un canon nin unha historia da música galega, nin nada que se lle pareza. Para nada! Son só 25 discos que me levan acompañando estes anos e que quero compartir con vós, cos meus compañeiros da Troita Armada. Os únicos criterios que seguín son que están editados en formato físico nos últimos 25 anos, cantados maioritaria ou exclusivamente en galego, e dos que teño copia, o cal exclúe un montonazo de discos que me parecen extraordinarios pero que, desgraciadamente, non teño. Outros tampouco aparecen porque xa figura algún membro da banda con outro proxecto (casos da Psicofónica de Conxo / Narf ou Dios que te crew /García MC, por exemplo) pero tamén poderían figurar. Por desgraza, quedáronme moitos fóra. Cando iniciei a lista pensei que 25 serían suficientes. Comprobei que non. Familia Caamagno, Esposa, Chicharrón, Xoana, The Homens, Musel, Sechu y los invisibles, Espiño, Safari Orquestra, Eladio y los seres queridos… a lista dos que que tamén poderían estar é inmensa… quedan para os seguintes vintecinco anos, compañeiras! Teñen maior peso os discos dos últimos anos, dende o 2007 a hoxe. A verdade é que me parece que o nivel dos discos editados aumentou moitísimo co tempo e tamén é certo que compro máis música ultimamente. Desculpade, porque pode que haxa algún erro nos anos de edición e nas discográficas, xa que moitos son coeditados ou autoeditados e non sempre é fácil poñer a referencia. A lista non segue ningunha orde. Fun ós CD e ós vinilos que teño na casa, empecei a fedellar… e isto foi o que saíu.

DAS KAPITAL. Ruído negro (Autoeditado_Lp 12”_2011) Creo que a idea de Das Kapital xorde para un concerto homenaxe a Lois Pereiro que se fixo na antiga (e que tanto botamos de menos) sala NASA en Compostela. En todo caso, os afortunados que estivemos nesa homenaxe e que si puidemos ver ó trío compostelán co seu estupendo cantante á fronte, O Leo, poderosísimo, quedamos abraiados… Kraut rock á galega? Non o sei, en todo caso, unha estupenda proposta que desgraciadamente durou demasiado pouco. Edición preciosa, por certo, con portada negra.

GUADI GALEGO. O mundo está parado (Altafonte_Lp 12”_2017) Calquera dos tres discos que leva sacados Guadi en solitario son extraordinarios. Os seus traballos anteriores tamén, claro (Espido, Berrogüeto, ACadaCanto…) Escollo este marabilloso vinilo da artista que hoxe por hoxe vexo con maior capacidade para atraer a todo tipo de públicos, capaz de encher un teatro ou tocar en calquera festival. Vímola o ano pasado no Principal, en Compostela. Está nun momento boísimo!

OH! AYATOLLAH! Volve a canción protesta (TREMENDO_Lp 12”_2018) Unha das sorpresas máis agradables dos últimos anos. Humor, moito humor, e estupendo pop é o que propoñen estes mozos e mozas, penso de Ourense e da Mariña, aínda que con sede en Compostela. Produce Hevi o disco. Se seguen nesta liña, van ser moi grandes.

GARCÍA MC. Abaixo e de pé (Ouvirmos_cd-ep_2012) Podería traer toda a producción de Dios ke te crew, polo grandes que foron, e por como dignificaron o hip-hop en galego feito dende as vilas, neste caso Ordes. Traio o estupendo ep do que fora membro, García. Cinco cancións para bailar e pensar e unha estupenda portada. Galicia e América unidos pola música.

ATRÁS TIGRE. Fainos saír (Triunvirato_Lp 12”_2017) Atrás Tigre para min son unha das grandes noticias do pop en galego. Moi bos músicos, a voz de Pedro Solla é preciosa e, sobre todo, teñen unhas letras fantásticas, pura poesía. O seu debut en vinilo (tiñan unha casette antes) está moi guai. Mágoa que nos teñan un pouco abandonados. Mozas, queremos máis!

OS AMIGOS DOS MÚSICOS. Idem (Gran Derby_Lp 12”_2016) Para min a banda que mellor recolle a herdanza do son americano. Vinos coa súa primeira formación no mítico Cachán en Compostela e flipei. Non era nada habitual un grupo cantando en galego e con esas referencias. Colaboran en máis discos (por exemplo nun magnífico cd de homenaxe a Magín Blanco) e teñen algún cd-ep editado, pero gústame especialmente este disco polo que significou. Ademais ten un deseño moi chulo. A min gústanme moito este tipo de bandas, nas que practicamente todos os membros cantan, dánlle moita variedade á proposta. E tamén quería comentar unha debilidade persoal, Dani Alonso, (Blood Filloas, O Neno Elliott… ) un dos guitarristas e cantantes, para min, unha das voces máis emocionantes que escoitei. No disco canta entre outras, As pantasmas… unha preciosidade.

ATAQUE ESCAMPE. Disco vermello (Discos da Máquina_cd_2014) Para min a gran banda da última década. Penso que este era o seu cuarto cd. Calquera dos anteriores podería figurar nesta lista (así como gravacións posteriores), pero escollo este porque me parece que está un punto por riba do resto. Último disco co cantante co que se iniciou a banda, Alex. Humor particularísimo e letras de altísimo nivel. Ademais, ten un deseño gráfico do disco caralludo. Aínda hoxe, varios anos despois, ségueme parecendo unha obra mestra, sen dúbida.

XABIER DÍAZ. Coplas para Icía (Salitre_cd_2007) Para min, Xabier Díaz é o grande cantante galego dos últimos anos. Ultimamente ten moito éxito de público e crítica, e iso é unha estupenda noticia, ver alguén con tanto talento encher auditorios, pero a min emocióname moito “Coplas para Icía.” En formato trío, con Pedro Lamas e Suso Iglesias, paixón e voz. O meu favorito de toda a súa obra, incluíndo obras mestras que ten con Berrogüeto, Espido, ACadaCanto… Moi, moi grande Xavier Díaz!

NARF. Tótem (Falcatruada_cd_2007) Éme moi difícil falar de Fran. Fóisenos demasiado pronto. Fran Pérez foi (é) outro dos grandísimos talentos da música galega. Escollo para esta escolma Tótem, porque foi un disco que escoitei moito cando saíu. Aínda que de Aran podería escoller todo. Escoitei tamén moito no seu tempo os dous discos da Psicofónica de Conxo, que sempre me pareceron moi avanzados. Tocou con moita mestría moitos paus, e sempre era elegantísimo en directo.

CAXADE. A dança das moscas (Discos da Máquina_cd_2014) A irrupción de Caxade hai uns anos foi, para min, unha das mellores noticias da música galega. Cunha formación orixinalísima (percusión, trompeta, bombardino, acordeón e a marabillosa voz de Alonso Caxade) asinaron un dos mellores discos dos últimos tempos. Presentación en directo moi chula tamén.

EMILIO JOSÉ. Agricultura livre (Foehn_cd triple_2016) Como era aquilo de queres caldo? Pois toma dúas tazas… Aquí transmutado en tres. Nada máis e nada menos que un cd triple do talento de Quins. Emilio José, o grande heterodoxo do pop galego, atrévese con todo, pop, afrobeat, hip hop… inabarcable e xenial.

OS DIPLOMÁTICOS DE MONTE ALTO. Avante toda! (Fonomusic_cd_1994) Para min a obra mestra destes vintecinco anos. O quinteto de Monte Alto en estado de gracia, coa súa formación máis estable. Producido por Kaki Arkarazo, teno todo… é divertidísimo, bailable, cunhas letras xeniais. Mesturou todo, dende o pop-rock máis clásico, ó punk ou ás rancheras. Eu sígoo escoitando e non lle atopo un só pero. Ademais, para min, xúntase que foi tamén a mellor banda en directo deste período, e defenderon sempre este disco con moita dignidade. Eles cantando explicáronnos a moitos, por se nos esquecera, de onde viñamos e quen eramos… maxistrais… Sen dúbida, o meu favorito.

MALANDRÓMEDA. Idem (Temazo.org_single 7”_2008) Que dicir de Hevi? Para min a gran figura da música popular galega dos últimos anos. O MC galego é moito máis que un extraordinario cantante. Letrista, produtor e cunha personalidade que arrasa. Os seus discos teñen un nivel incrible, pero é que probablemente eu nunca vin a ninguén que me guste tanto en directo, boísimo!!!! Podería meter toda a súa discografía, pero non cabe… así que polo cariño que lle teño meto o primeiro disco que lle comprei, o single de 7” do mesmo nome e que inclúe o seu famoso Festa Malandrómica. Ademais viña con unhas gafas para ver en tres dimensións a portada… moi chulo… obxecto de culto, pero vamos, con Malandrómeda metería, sen dubidalo, todo o que ten editado… Moi grande.

FLUZO. Idem (Autoeditado_Lp 10”_2010) Para min un disco moi, moi adiantado ó seu tempo, e iso que é relativamente recente. Novamente o xenio de Hevi, neste caso co seu amigo Javi Álvarez, outro talentazo, asinan unha obra mestra. Todo é boísimo neste disco, dende a suxerentísima portada ás letras ou a música deste par de xenios. Impresionante, é unha mágoa que non teña máis continuidade. Música galega de altísimo nivel para o século 21, si señor.

THOMAS DYLAN. Chove (Verso libre _ Lp 10”_2016) Penso que pode ser o menos coñecido de toda a lista. Pero creo tamén que inmerecidamente. Disco de hip hop dunha enorme sensibilidade, a min cativoume dende a primeira escoita. Deseño tamén moi chulo, con libro de fotos no interior. Penso que está un pouco parado e é unha mágoa, porque o seu proxecto debería ter máis percorrido.

GALICIAN BIZARRE_III. (Autoeditado_Lp 12”_2019) Non se pode deixar de lado todo o movemento xurdido “fóra” da industria chamémoslle oficial. Todo o que se ten xerado por centros como o Liceo Mutante en Pontevedra ou a Nave 1839 na Coruña, ou colectivos como A Seara, asociacións como Desconcerto, movementos como a Metamovida, festivais como o de A Melona en Compostela ou de Saumede, en Ourense. Neste contexto de autoxestión e dende o underground incluiría eu os tres discos de Galician Bizarre. Todo o que se coce no subsolo musical galego está aí. Escollo o último, o terceiro, precioso vinilo, porque inclúe moitas das miñas bandas favoritas: Esposa, Oh Ayatollah, Pantis, Atrás Tigre…

CARAPAUS. Déixao andar (Autoeditado_cd_2017) Infelizmente, non lle presto toda a atención que merece á música tradicional, aínda que si me gusta moito e procuro ir a concertos sempre que podo. Non teño moitos discos, pero este si me fai moita ilusión. É da banda na que toca o grandísimo amigo da Troita Oli Xiráldez. Paseino en grande sempre que os puiden ver, a última vez na Capitol en Santiago.

CINTA ADHESIVA. Idem (Audoeditado_cd_2017) Nos últimos anos as propostas que xuntan poesía e música proliferaron en todo o país. A min a de Silvia Penas, Cinta Adhesiva, é probablemente a que máis me impresionou. Ten moi bos textos, unha música moi axeitada, e a súa presentación en directo é espectacular.

A CARICIA DA SERPE. O sorriso do diaño (Wonderland_cd_2007) Spoken word á galega? Pode. A proposta de Lino Braxe foi, que eu saiba, única no seu momento. Poesía, música e humor, moitísimo humor. Acompañan Miguel Ladrón de Guevara, XL Saqués e Rómulo Sanjurjo (que penso que estivo en todas as formacións dos Diplomáticos de Monte Alto). Lamentablemente, como outras moitas, tampouco tivo continuidade.

SU GARRIDO POMBO. Quedo a vivir aquí (M_cd_2018). Vina en directo hai un ano, e gustoume moito. Defende a súa proposta cunha voz moi chula e guitarra. Penso que tamén ten proxectos paralelos, un deles Son Trío. Mestura música tradicional galega con pop, música sudamericana… unha auténtica batedora musical de altísimo nivel.

CARMEN REY. Meu (Audia_cd_2007) Nun xénero que non goza de moitos seguidores, como é o nu-soul ou o jazz vocal, e ademais facelo en galego, o mérito de Carmen Rey é enorme. Escollo este disco, o primeiro que tiven dela. Un descubrimento! Fai bolos con regularidade e tamén ten/tiña un cuarteto de jazz vocal, E-jazz, que está moi ben.

LORETTA MARTIN. Idem (Falcatruada_cd-single_2005) Ou como durante unha década a banda de Brais Morán e Pablo Sanz logrou facer bailar a Galicia co seu funk. Escollo o primeiro cd que sacaron, un single de tres cancións, xa que naquela época vinos moitas veces e sempre me resultaron moi frescos.

VV.AA. Manifesto Dobarrista (A regueifa_doble cd_2007) Grande parte do indie galego rendéndolle merecidísima homenaxe a outro dos grandes, Andrés Dobarro. Como todos os discos homenaxe, sempre hai temas que gustan máis, pero en xeral a min paréceme boísimo e feito con moito cariño polos participantes.

PANTIS. Pranto (Prenom_cd_2016) Rubén Domínguez non só é un rapaz encantador, senón que ademais ten moitísimo talento. Membro dos extintos Telephone Rouges, e de Chicharrón, o seu proxecto persoal é Pantis. Electrónica de primeirísimo nivel cantada en galego, por suposto. Como todo o que edita Prenom, a carátula do cd é moi chula, e o directo que ten é espectacular. Un animal no escenario. Superrecomendadísimo non, o seguinte.

Dúas curiosidades

Remato non con un, senón con dous cd, máis que nada porque para min sáense do que presumiblemente figuraría nunha lista deste tipo. Por un lado, por ser do outro lado do Eo, de Vegadeo, o Conjunto os Folkazáns, Haiga. Vinos hai varios anos nas Crechas e namoreime da súa proposta musical. Recórdame moito ó que facían aquí Marful, unha reivindicación do baile de principios e mediados do século XX. Aquel día fixeron bailar a todo o mundo e o disco está moi guai. E por outra banda, outra das miñas afeccións, ademais da música, é o fútbol, e a revista Bravú, en 1997, sacou un cd co título de Selección xa! reivindicando a selección galega de fútbol. Nel cantan con algunha das bandas da época Nacho (Compos), Michel (Celta) e os meus queridísimos Fran e José Ramón, do Dépor. Cantan Lume de biqueira cos Diplomáticos. Pode que o de cantar “no fuese lo suyo,” pero quedou moi simpático e fíxome moita ilusión volver a escoitalos tantos anos despois mentres preparaba a lista, lembrar o novos e ilusos que eramos entón… e o pouco que cambiaron as cousas… ou non?