40 aniversario de Itaca
Tremendo festón o que vivimos o sábado 24 de setembro durante todo o día e boa parte da noite para celebrar os 40 anos de vida da asociación cultural e xuvenil Itaca, matriz da Troita Armada. Unha chea de actividades gozosas e participativas, xantar de confraternización, innumerables e emocionantes reencontros, sentidos discursos e a constatación de que a particular vía itaqueira de entender o asociacionismo segue medrando vizosa en mans dunha nova xeración disposta a non romper a transmisión dunha identidade que promete continuar con vida moitos anos máis a pesar dos atrancos que atope no camiño.
Atrancos, non poden levar outro nome, foron os que a asociación encontrou por parte do goberno municipal compostelán, por non dicir desprezo. Hai cousas que non cambian e deixan ver ben ás claras o abismo existente entre o poder político e as iniciativas da sociedade civil organizada. Para mostra un botón: a asociación tiña solicitado o espazo da carballeira de San Lourenzo e, sorpresa!, tivo que cambiar de plans porque un Partido Político -que nin sequera existía na data de fundación de Itaca- decidiu a última hora presentar no mesmo lugar o seu novo candidato. De maneira indigna e irresponsable, Itaca foi trasladada a un novo espazo (que nin sequera dependía do concello, senón da universidade) cunha total falta de respecto e atención. Éche o que hai.
Por fortuna, nin atrancos nin desleixos poden parar a vontade e a iniciativa da asociación Itaca de abrir novos espazos para a participación, o lecer e a vida en común consciente e solidaria. Os gobernos cambiarán, os partidos desaparecerán, e o dinosauro do asociacionismo aínda estará alí.
Longa vida a Itaca!