A comunidade diante da pantalla
Corrían os primeiros anos deste século cando un grupo de xente que estudaba Xornalismo deu en xuntarse para ver filmes, clásicos ao primeiro, experimentais ou descoñecidos despois. O Cineclube de Compostela naceu coa proxección d’A rapaza da fábrica de mistos, do Aki Kaurismaki, no inverno do 2001. Despois de proxectar na Facultade, co apoio de institucións coma a propia Universidade, o Instituto Goethe ou a Alliançe Française. Despois viñeron as proxeccións na Sala Yago, cando tal cousa era posible, e os filmes de Passolini con centos de persoas. E desde o 2005, o Cineclube de Compostela proxecta na Gentalha do Pichel, local onde conflúe boa parte do tecido asociativo da cidade. Mesmo tivo unha breve estadía en Itaca, dous días de xuño, no marco dun encontro multilateral de aprendizaxe permanente Grundtvig, co apoio da Unión Europea, proxectando filmes checos e polacos.
Agora, con trece anos de andaina, do Cineclube, que é unha asociación cultural sen ánimo de lucro, nace unha nova iniciativa que constitúe unha proposta novidosa e moi interesante por canto pode achegar á vida cultural da cidade: NUMAX son catro persoas fondamente vinculadas ao Cineclube que, co nome da fábrica de electrodomésticos que inspirou o documental de Joaquín Jordà Numax presenta, https://www.youtube.com/watch?v=RLP7eKY9ih8 escolleron a fórmula da cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro para botar a andar unha sala de cine, libraría e laboratorio de ideas en pleno centro de Compostela, ao carón da sala de concertos (antes cine) Capitol.
Nun panorama en que pechan as salas convencionais, sobrevivindo só as vinculadas a centros comerciais e grandes multinacionais (aquí só subsisten os Cinesa das Cancelas, cunha programación marcada polas estreas das grandes produtoras), co vizoso tecido asociativo (falo de asociacionismo veciñal, xuvenil, cultural… A moitísimos niveis) da cidade, e cunha corporación municipal á parte de corrupta de arriba abaixo que castra e persegue a cultura (a última, a prohibición de @s músic@s tocaren na rúa), NUMAX abrolla como esperanza. Catro persoas ben preparadas (Irma Amado, libreira e filóloga; Xosé Carlos Hidalgo, deseñador gráfico; e Pablo Cayuela e Ramiro Ledo, directores de filmes como Fóra, O proceso de Artaud ou CCCV) están a traballar para faceren do número 9 da Rúa Concepción Arenal, de 190 metros cadrados, “a nosa casa; a vosa casa”.
A cooperativa está a buscar apoios a través dunha campaña pública de recollida de avais. “Despois do peche de todas as salas do centro de Compostela, este proxecto permitirá que os veciños da cidade teñan de novo a oportunidade de acudir cada tarde á que será a única sala independente de Galicia en versión orixinal”, afirman. “Disporá de 70 butacas de aforo e estará equipada coa última tecnoloxía de proxección dispoñíbel para o cinema dixital (DCI-4K)”. Contan con faceren proxeccións diarias de martes a domingo, de entre seis e oito filmes cada mes, atendendo “ás últimas estreas, á reposición de filmes clásicos en copias recén dixitalizadas e o descubrimento de novos e novas cineastas que fican fóra dos circuítos de distribución habituais”.
Para iso, contan con que a cooperativa de servizos financeiros Coop57 achegue un préstamo de 300.000 euros, reunindo, con avais persoais de entre 1.000 e 5.000 euros, a totalidade do importe. Son xa 113 avalistas @s que apoian NUMAX, pero aínda queda un empurrón final. Pódese consultar máis información en www.numax.org. Este sábado organizan unha función, restrinxida aos e ás avalistas, do espectáculo NUMAX-FAGOR-PLUS, da compañía de Barcelona Roger Bernat/FFF, que “cruza a experiencia dos traballadores de NUMAX, que Joaquín Jordà retratou no seu filme Numax presenta en 1979, coa dos traballadores de FAGOR, logo da creba da cooperativa basca de electrodomésticos que puxo na rúa a 1.800 traballadores a finais de 2013.
Será a estrea en Galicia, a través dunha función única pensada especialmente para NUMAX. A primeira das actividades que organiza NUMAX, que prevé abrir en marzo. Desexémoslle boa sorte!
Fotos: Tomás Montes