A inquisición neoliberal
Bicos de Nai #9. Sábado 1 de xuño ás 21:30. Con Borxa Colmenero, Diana Sieira e Carlos Santiago. Un Late Night sen cámaras pero con moito teatro.
BdN é un programa de entrevistas e variedades con cea incluída, a decorrer no local social da Troita Armada, sociedade gastronómica e cultural compostelá.
ATENCIÓN: 40 PRAZAS ADXUDICADAS POR ORDE DE RESERVA NO EMAIL info@atroita.org
É preciso deixar teléfono de contacto. O prezo desta cea-espectáculo é de 15€ para socixs, 20€ para non socixs.
Conducido por Carlos Santiago, dramaturgo e poeta, entre outros labores, o BdN ofrecenos entrevistas, monólogos cómicos e varias pezas audiovisuais de carácter satírico.
Nesta sesión, no 1 de Xuño, contaremos coa presenza do filósofo, xurista e activista Borxa Colmenero, que vén de publicar o exitoso ensaio O Goberno neoliberal da vida, sobre a interiorización dos individuos da sociedade de control; e coa actriz e produtora Diana Sieira, recén chegada de Berlín, e autora e intérprete de The Witch, un espectáculo ritual que desafía todas as fogueiras inquisitoriais.
Durante o BdN, co ánimo de mercar a súa vontade, o público será agasallado cun selecto cocktail beirista-leninista, criado para a ocasión polo chef do programa, o Comandante Manrique, en honra da finalidade culinaria da Troita Armada, e da súa irrenunciábel militancia nas causas gastronómicas perdidas, por revolucionarias.
SINOPSE
Milei vocifera, Abascal vocifera, Trump continúa a vociferar, Meloni e Marie Le Pen son felices con tanta fera, e incluso o independentismo catalán ten xa a súa variábel vociferante en Silvia Orriols. Von der Leyen busca o apoio de todas as feras, Putin cala entusiasmado, e Núñez Feijoo está encantado de coñecerse a si mesmo, o que non é nada doado. Veñen aí as eleccións europeas e Europa parece o patio dun colexio fascista. Perdón, neoliberal.
O atraco semántico é notábel. Comezaron por roubar a palabra “liberdade” e todo o seu campo léxico. Son liberais, son libertarios e aínda que non o confesen, tamén libertinos. Agora tócalle á “igualdade”, que xa non é aquel utópico substantivo anarco-comunista, senón privilexio da raza branca ocidental, que debe erguer novos muros e murallas para protexer a súa exclusiva patente dos inquietantes perigos asiáticos, africanos e sudamericanos.
De momento quédanos a “fraternidade” para ir tirando, e aínda menos mal, que os ricos, o de fraternizar cos pobres, non é concepto que consigan cadrar cos seus algoritmos. Pero non nos enganemos. A inquisición volve con forza e en pouco tempo será quen de tirar a máscara e facer valer a súa lóxica impepinábel: as bruxas existen porque o digo eu.
Para coidarnos mutuamente desta avalancha de estupidez e intelixencia artificial que se nos vén enriba, Bicos de Nai convoca ao filósofo e tamén xurista Borxa Colmenero, quen tratará de esclarecernos sobre unha crecente sospeita: a de que a sociedade de control xa está dentro das nosas cabezas e que nós mesmos lle facemos o choio á nova inquisición “neoliberal”.
Para compensar esta arrepiante certeza contaremos tamén en Bicos de Nai con Diana Sieira, actriz e produtora de todo tipo de soños, reconvertida en bruxa posmoderna para nos propór o exorcismo teatral de todas as angustias que nos provoca ser empresarios e empresarias de nós mesmas vinte e catro horas por día.
BIOS
Borxa Colmenero, nado en Vilar de Santos (1984) é filósofo político, xurista e activista. Na súa última obra, “O governo neoliberal da vida” introdúcese no pensamento de Foucault e en toda a crítica posfoucaultiana (desde Nikolas Rose ou Giovanna Procacci até Toni Negri, Giorgio Agamben ou Pierre Dardot) para observar a hipótese do desenvolvemento dunha teoría política do neoliberalismo como unha específica arte de goberno.
Diana Sieira é diplomada en Interpretación e Técnico Superior de Produción. Percorre os escenarios galegos desde 2005 con Carfax Teatro, o Coro da Rá, Manicómicos, Niñas de la Risa e Paso de Valverde. Tamén puidemos vela en TVG dirixindo e presentando unha sección de circo pola que fixo pasar aos máis relevantes artistas internacionais desta disciplina durante 8 anos. Paralelamente, desenvolve a súa carreira de productora en innumerables proxectos escénicos e audiovisuales, moitos deles de carácter internacional, traballando para Pedro Almodóvar, Sting, Shakira, Circo do Sol e un largo etcétera de artistas de renome. En 2020 pon comezo ao seu proxecto teatral propio, que nace coa creación de THE WITCH.