A estafa das preferentes

 

preferentes europa

No parlamento europeo. Foto Delmi Alvarez

Van alá case 3 anos de loita diaria na rúa e nas institucións dunha pequena pero combativa parte dos máis de 100.000 afectad@s por preferentes e subordinadas en Galiza. Máis de 1.800 millóns de € estafados polas desaparecidas caixas de aforros e que o goberno de Rajoy pretendía espoliar por decreto. Trátase sen lugar a dúbidas da maior estafa da nosa historia.

As constantes mobilizacións obrigaron aos responsábeis do Banco e dos Gobernos do Estado e da Xunta a teren que artellar medidas para responder á presión social, política e xudicial a que estaban a ser sometidos. A vía da arbitraxe foi aberta para dar solución, segundo o propio Feijoo, só ao 10% dos aforradores, xa que o resto eran considerados “perigosos especuladores financieiros”. Pero xustamente a arbitrariedade e opacidade deste proceso fixo que as mobilizacións seguiran e se intensificaran. Foron centos as concentracións e manifestacións comarcais ou nacionais, con presenza no Parlamento Europeo, no Congreso dos Deputados, no Parlamento Galego, nas Deputacións, nos Plenos Municipais, nos Concellos (ocupados moitos deles durante meses) e nas sucursais. E deste xeito acadouse a reapertura en varias ocasións dos procesos de arbitraxe, a liquidez con quitas das accións, e con perto de 6.000 demandas xudiciais presentadas a inicios deste ano, por un importe superior aos 325 millóns de euros, e cuns resultados de sentenzas favorábeis dun 99,6%. Tralas recentes reunións cos novos donos de NGB e co FROB, aos que lles choven eses miles de demandas con sentenzas favorábeis que lle están a dar a razón @s estafad@s, a entidade está a ofrecer acordos a algúns clientes para devolverlles os cartos, e que agardamos se extendan á totalidade d@s estafad@s. Para cando se rematen estes procesos, se se mantén esta tónica, imos conseguir recuperar perto do 90% dos aforros: non menos de 1600 dos máis de 1.800 millóns de € estafados.

Nesta loita contamos coa simpatía e solidariedade da maioría da sociedade e o apoio de moitas institucións e representantes políticos, pero tamén sufrimos a indiferenza e a traizón doutros. Entre eles os representantes públicos do PP no Congreso, no Senado, no Parlamento galego, na Deputación de Pontevedra e en moitos concellos, onde a través de votos a favor de legalizar a estafa e aplicar a “quita”, ou en contra das nosas demandas, con calumnias e mentiras nos medios de comunicación, fixeron todo o posíbel para impedir que a loita tivese éxito. Unha consecuencia directa do acoso e persecución dalgúns cargos do PP son os máis de 20.000 € de sancións gobernativas que teñen que pagar os membros das Plataformas por defenderen pública e pacificamente os seus dereitos na rúa.

praza galiza

Manifestación nacional en compostela. Foto: Zapa da Costa

A día de hoxe as mobilizacións non están a ser tan intensas, pero deixar de estar na rúa a diario non é deixar a loita. Estase a tramitar unha denuncia no Parlamento europeo, esta sen tratar no Congreso a Proposición de Lei impulsada polo Parlamento galego, hai miles de demandas presentadas pendentes de ir a xuízo… En definitiva, quedan aínda miles de persoas estafadas sen recuperar uns 210 millóns de euros. Esta é a razón que nos move e nos motiva para manter viva a loita e seguir demandando unha solución definitiva e xusta desta estafa. A día de hoxe faltan as conclusións da Comisión de Investigación do Parlamento Galego, e seguiremos a demandar información actualizada ao FROB, PWC, NGB, CNMV, Consellería de Xustiza e a de Industria (Instituto Galego de Consumo) sobre o número de persoas afectadas e a contía total dos aforros que aínda teñen atrapados nesta estafa, número de demandas interpostas, sentenzas ditadas e o seu resultado, ata chegar ao total esclarecemento da situación.

Esta estafa planificada polas entidades bancarias e consentida polos organismos encargados de vixiar e fiscalizar, tense que saldar coa devolución total do capital estafado e a condena dos responsábeis bancarios e políticos que decidiron ou consentiron esta millonaria estafa. Así é que a frase máis repetida nas rúas ao longo destes anos de loita foi: Non imos parar ata os nosos cartos recuperar!.