A penúltima

30 de decembro de 2022. 21:00. Cancións e petiscos con Pepe Sendón e Suso Alonso.

Por que non a penúltima noite do ano? A última… xa se sabe: o exceso, o barullo, o rito, o inevitable, o compromiso, a espera, a conta atrás, as badaladas, a urxencia, o tapón do champán, a espuma, bicos, abrazos e acabouse. Un ano máis, un ano menos, o mesmo xaneiro. A última xa está pautada, pero a penúltima pode ser outra cousa.

Desta vez na Troita Armada propoñemos algo non moi tarde, algún petisco e cancións tranquilas. Algo que se chama Noite Maina.

Noite maina é o nome que Pepe Sendón decidiu para un ciclo de cancións que escribiu e compuxo durante a pandemia. O motivo orixinal foi puramente terapéutico; a intención, cantar baixiño, traballar melodías simples dentro da estrutura básica da canción popular, sen referencias estilísticas de ningún xénero musical, sen arranxos, sen produción e sen máis adornos. A materialización desa idea cobrou corpo coa colaboración do pianista Suso Alonso e o proxecto tomou forma de recital de voz e piano. Cancións íntimas, mansas e pacíficas para escoitar nunha noite maina.

Podes escoitar tres cancións aquí.

Para asistir só tes que reservar praza escribindo a info@atroita.org.