O Local

O centro de operacións da Troita Armada é un local na Rúa do Pombal, 18, xusto embaixo da sede de Itaca, e ao que se accede por unha escaleira exterior. Está a pé de chan e por tanto ten a vantaxe de contar cunha horta con vistas á fachada do Obradoiro, o que dá moito xeito nos días de bo tempo. A asociación foi acondicionando o local ao longo dos anos e agora conta cun amplo salón multifuncional e unha cociña totalmente equipada coa súa despensa. Mellor ver unhas fotos antes de detallar o inventario.

Inventario

Ao entrar na Troita Armada que é o primeiro que se ve? Se é de noite, ver non se ve nada, por tanto terás que prender as luces nos interruptores situados á dereita da porta. Daquela xa poderás ver a man dereita unha cociña na que dominan as cores laranxa e branca, (mais xa entraremos logo na cociña) e ante ti, o salón. Nel poderás atopar: 7 mesas encartables de 2 por 1 metros, 30 cadeiras (xa sabemos o aforo máximo, aínda que pode haber máis cadeiras no primeiro andar). Ao fondo do salón hai un unha porta que dá a un rocho ou almacén que é unha caixa de sorpresas; mais antes de entrar aí, á dereita, temos un aparador con caixóns onde gardamos os cubertos: 39 garfos, 37 coitelos, 32 culleres sopeiras, 37 culleres de sobremesa. E unha vitrina para a cristalería con: 31 chacolís, 25 vasos soltos, 22 tazas de café A Troita, 15 tazas de café correntes,16 copas de xeado, 21 cuncas brancas de viño. Fronte ao aparador adoitamos ter rolos grandes de papel para manteis, se non os ves aí estarán na despensa.

Mais… onde está a despensa? Entre a cociña e o aparador, exactamente, e alí atoparemos a louza: 35 pratos ensalada, 21 pratiños sobremesa, 32 pratos sopeiros, 23 pratos soltos, 11 pratos de snacks. E as potas: 1 marmita de 30 litros, 1 rondón (pota baixa) de 10 litros, 2 potas de 15 litros, 2 potas de 12 litros, 2 tixolas de ferro. Na despensa gárdanse tamén viño, cervexa, refrescos e alimentos e condimentos básicos como aceite, vinagre, azucre, sal, especias, café etc., mais esta sección alimentar debe ser revisada antes de calquera evento.

Entremos logo na cociña, separada do salón apenas por unha longa barra/mesado de mármore soportada sobre dúas amplas lacenas onde se gardan cazos, tarteiras, boles, placas de forno, etc. Atoparás 3 fornos: 1 microondas, 1 de gas e 1 eléctrico. A cociña de gas ten 3 fogóns. Para abrir o gas hai dúas chaves: unha no pequeno moble baixo pegado á dereita da cociña, onde están as bolsas de lixo, e outra atrás da xanela do vertedeiro, onde están as bombonas de propano. As 2 neveiras están contiguas, unha na despensa e outra fóra. Tamén temos minipímer, chino, báscula, escorredor de leitugas, táboas de corte, mangas pasteleiras, espremedor, soprete, flaneiras e cocteleira. Na caixoneira branca atoparemos coitelos e puntillas, espátulas, variñas, abridores, sacarrollas, espumadeiras e panos de secar. Quedan por mencionar dous aparatos: o lavalouza, con pastillas de xabrón baixo o vertedeiro, e o quentador da auga, a prender con mistos. Á beira da porta atoparás os buzóns de bebidas e alugueiros, a vasoira e o caldeiro de fregar. E fóra, na horta, a caldeira, por se vai frío e tes que prender a calefacción; as chaves están no taboleiro azul, a dereita da porta. E os baños? No andar superior, no local de Itaca.

Instrucións básicas para o uso do local

Só as persoas socias da Troita Armada poderán reservar o local.

As reservas fanse a través do correo electrónico info@atroita.org ou a través da directiva.

O responsable de local coordinará a entrega e recollida de chaves e incluirá a reserva na axenda de uso do local.

Estes son os prezos por reserva:
Sen cociña: 12€
Con cociña: 24€

O pagamento correspondente déixase nun sobre na caixa de correo que pon USO DO LOCAL.

Quen reserve, levará a súa propia bebida e comida.

Se bota man da despensa (cervexas, viño, etc.) aboará o gasto correspondente na caixa de correo que pon CONSUMICIÓNS, consultando o taboleiro de prezos.

A partir da 23:00h non se poderá facer ruído (poñer música amplificada, barullo no exterior do local…) e a porta deberá permanecer pechada.

O local déixase como se encontra: recollido e limpo, incluídos baños e acceso a eles.

Non se deixa ningún lixo (orgánico, papel, plástico, vidro). Os panos sucios, lévanse e devólvense limpos.

Compróbase que quedan apagados: calefacción, gas da cociña, quentador de auga, luces. E as portas fechadas.

De acontecer algunha incidencia, comunícase de inmediato ao e-mail da asociación ou á directiva de contacto.