Organización e cotas. Asociate.

COTAS

A asociación mantense exclusivamente das cotas da xente socia, non temos caixa B, e calquera financiamento “irregular” faría que se nos atragoase o xantar. Isto é o que achegamos cada quen:

Cota ordinaria recomendada: 10 euros ao mes

Cota ordinaria alternativa: 5 euros ao mes

Calquera socia pode elixir entre unha das dúas cotas, en función da valoración persoal que faga da súa participación e posibilidades. É unha decisión persoal na que ninguén se vai meter. A maiores, se algunha persoa socia quere darse de baixa porque considera que xa non vai participar moito, ou polo que sexa, pode acollerse a unha cota de 3 euros/mes e seguir participando con todos os dereitos de calquera persoa socia. Tamén poderán acollerse a esta cota, as persoas socias que residan fora da comarca de Compostela ou educadores de Itaca.

FAITE SOCIA/O

Se queres participar connosco desta aventura non tes máis que cubrir este formulario de inscrición e envialo á nosa dirección de correo electrónico info@atroita.org

ORGANIZACIÓN

Un principio fundamental é que seremos a medida do que nós mesmos queiramos. Isto significa que a participación é a clave da nosa existencia, sen as mans da xente socia o noso camiño sería moi curto. Organizámonos nunha asemblea anual na que se deciden as orientacións estratéxicas do que queremos ser e como facelo. Nesta asemblea eliximos unha xunta directiva que xestionará o día a día. As actividades organizámolas en xuntanzas abertas de programación nas que poden participar calquera persoa socia, tanto presencialmente coma enviando unha proposta por correo. Unha regra de ouro básica é que non nos gustan as ideas “brillantes”, queremos ideas boas e realizábeis, por iso a persoa que propón unha actividade é a que coordinará a súa execución. Este funcionamento, xunto coa colaboración da maioría de socios e socias, dá lugar a un calendario de programacións estábeis e interesantes, ininterrompidamente, dende hai máis de 20 anos.

Tamén temos un correo electrónico dende o que a xunta directiva se comunica coas persoas socias, habitualmente  para lembrar e animar a marcha da programación e outros recados. Como comunicación horizontal das socias temos unha lista de distribución, na que pode saír a debate ou información calquera tipo de tema. Intentamos, tamén, empregar as tecnoloxías da comunicación para tomar decisións colectivamente, dende as nosas casas, sen necesidade de ter que desprazase a unha xuntanza. Grandes e elaboradas decisións temos adoptado con estes sistemas de votación e debate, sen necesidade de facer ningún desprazamento. Estamos “na onda”.

Para o funcionamento ordinario tamén temos funcionando comisións de horta, de web, de local e as que puidese haber.

Finalmente, para ter o local sempre listo para calquera acción, temos unha “xornada pola causa”  unha vez ao cuadrimestre na que convocamos a toda a asociación a botar unha man solidariamente nos arranxos necesarios. Por suposto, estas convocatorias sempre están acompañadas dun agradábel xantar.

En definitiva A Troita Armada é unha organización feita a si mesma, que se nutre da implicación persoal da maioría de nós.