Presentación
As orixes
A Troita xorde como expresión dun proxecto de animación sociocultural no interior da Asociación Xuvenil Itaca. No ano 1983 Itaca comeza as súas actividades en Santiago como agrupamento Scout, no ano 1990 convértese en asociación xuvenil e cultural, e emprende unha arriscada aventura alugando o actual baixo do Pombal,18, que naquel intre non contaba con ningún tipo de servizo e que houbo que ir facendo pouco a pouco, coa forza d@s soci@s.
O proxecto que Itaca buscaba ía máis alá dun club xuvenil, formulando unha animación sociocultural con ampla implantación cidadá e diversidade de intereses. Ao ir medrando a asociación (e @s seus educadores ou monitores das actividades), os centros de interese cultural tamén van medrando. Inicialmente ponse en marcha, no ano 1992, un intenso programa para universitarios chamado “Coñece o teu país” que, no ano 1994 dá lugar ao nacemento independente da Asociación de Tempo Libre e Natureza Carricanta, dedicada fundamentalmente ao sendeirismo. Nese mesmo ano a asociación pon en marcha un novo proxecto de animación sociocultural para xente adulta centrado na gastronomía que tamén se acabaría convertendo nunha asociación independente: A troita armada. As tres asociacións conservan a súa vinculación como proxectos de animación sociocultural pero cunha nova forma, a de federación: Federación Itaca. No ano 2006, a asociación Carricanta deixa de facer actividades e Itaca e A troita, pasamos a relacionarnos como coordinadora, seguindo a manter un estreito vinculo entre as dúas.
O camiño
Como proxecto de animación sociocultural, A troita armada non pretende facer activismo cultural desenraizado. A nosa vontade asociativa pretende construír coñecemento e intercambio cultural a través da participación, da relación, da comunicación. Entre todas as persoas participantes iremos desenvolvendo a nosa dinámica cun carácter integrador, por isto as nosas actividades adoitan ser abertas, e por iso tampouco somos, exclusivamente, unha sociedade gastronómica. Mais a Troita é consciente de que, ademais, está nun mundo que compre mellorar, e este compromiso anima o seu manifesto fundacional: A troita pretende impor o protagonismo da sociedade civil nunha nova orde social gastronómica.
Cada catro meses facemos xuntanzas de programación en que nos xuntamos as persoas socias que queiramos propoñer actividades. Levamos máis de vinte anos cun procedemento de xestión horizontal, en que ininterrompidamente temos elaborado programacións das que teñen saído uns cantos bloques temáticos:
Rotas de viños: démoslle varias voltas á cidade a través dos viños dos seus barrios. A descuberta de bares tradicionais e modernos, o ambiente das tascas e dos sitios “exquisitos”, dende unha cidade que tivo unha marca diferencial dende cada barrio, e concellos “anexionados” ao longo da súa historia. Bebemos a nosa historia dende a cultura dos barrios, e dese coñecemento teñen saído, incluso, algunhas publicacións.
Saídas a feiras gastronómicas: coñecendo “a pé de feira” a xeografía do país (e arredores) a través de algún evento gastronómico: o viño de Amandi, as fabas de Ponteceso, o cocido de Lalín, o ourizo de Cervo, o marisco de O Grove, a castaña de O Courel, o viño do Ribeiro, o pan de Ousá e queixo de Friol… por estes moitos sitios deixamos a nosa pegada.
Saídas tipo Carricanta, nas que intentamos manter o espírito da cantareira camiñante, descubrindo novas rutas a ritmo de calcetín.
Defuntaza: no día de Santos xuntamos as nosas forzas coas dos que xa van alá, nunha ilustre procesión fóra das coordenadas do espazo/tempo. A escritura automática alumea un manifesto que guía esta santa compaña que percorre os viños da noite en busca dunha nova alba de gloria.
Vide-o-venres: Temos a sorte de contar coa xenerosidade de moitas amizades que se teñen ofrecido a compartir connosco os seus coñecementos e propostas. Arredor dun mantel mantemos agradábeis conversas de moi diversas temáticas e formatos: conferencias, coloquios, monólogos, concertos musicais, teatro…
Xantares e ceas: o elemento gastronómico adoita intervir en calquera das nosas actividades, mais hai ocasións en que a actividade en si mesma ten como centro a propia convocatoria gastronómica. Dende a nosa mesa témoslle dado varias voltas ao mundo e as súas cousas: dende o xantar mexicano ao hawaiano, a comida tipo voda ao congreso de podoloxía, cea tipo cómic ao encontro druídico… a psicodelia, a eucaristía, a nouvelle cuissine ou cocido, todo é do noso interese.
Noites do polbo: a noite do 24 de xullo a patria faise polbo no local da Troita. Xuntámonos en irmandade arredor dun polbo á feira, a mugardesa, ao esparavel… pero sempre Polbo! E no medio da cea, un descanso para ver os fogos.
Día a día:
Para xestionar o día a día da Troita Armada eliximos anualmente unha directiva na xornada máis democrática do ano, unha asemblea democrática que nos xunta nun círculo de fraternidade e unha cea democrática que forxa o espírito de irmandade.
Un camiño que, viaxeiros de Itaca, fainos desfrutar da travesía que desexamos non remate nunca. Mentres, na viaxe, seguiremos facendo as nosas reflexións:
“Globalización, ou a arte de pensar que unha soa lingua pode máis que milleiros delas, ou que un pensamento único, repetido coma un calidoscopio, é máis forte que centos de culturas, ideas e alternativas. Se isto é certo, que é a globalización? Que a gastronomía galega e a de todas as culturas do mundo se espallen polo orbe e poidamos degustar brazo de sultán de Brunei en Muros, serpe de Zimbabwe no Cebreiro ou caldeirada de raia en Ulan Bator? Ou é máis ben que poidamos comer hamburguesas e pizzas en todos os recunchos do planeta? Semella que A Troita Armada e a súa carta fundacional se inclinan pola primeira. Idealismo. Non tanto, posto que concentramos toda a materia gastronómica de Galiza e do mundo nun punto do universo, habitualmente en Pombal 18, pero tamén en calquera outra parte do cosmos.”