A vivenda colaborativa chega a Galiza
Xa son coñecidas as cooperativas de vivendas colaborativas en cesión de uso (cohousing) como Trabensol en Torremocha del Jarama (Madrid), La Borda en Barcelona, Entre Patios en Madrid … entre outras que conseguiron facer realidade o soño de construír as súas vivendas segundo o modelo de convivencia colaborativa, centrada en compartir espazos, servizos, xestión participativa e, sobre todo, un modelo de relación veciñal que comparte valores e obxectivos respecto ao estilo de vida que queren implantar na súa comunidade.
Sen limitar o dereito á vida privada de cada persoa ou unidade de convivencia, claramente irrenunciable, son exemplos de enriquecemento da vida particular a través da participación e das relacións e colaboracións que crean colectivamente as persoas que viven nesas comunidades. Son ademais, mostra de empoderamento e de actitude proactiva para crear as condicións de vida que precisan e merecemos as persoas, todas as persoas.
É un modelo que pon en valor o interese de compartir e colaborar para satisfacer as necesidades de todos, de crear un entorno estable e con calidade humana por riba dos intereses especulativos e de adquisición de patrimonio. Por iso a cooperativa non desaparecerá unha vez rematada a construción do conxunto habitacional. A cooperativa será a propietaria do construído e os cooperativistas terán a cesión de uso indefinido da súa vivenda, dos espazos e servizos comúns.
A que responde o modelo de Cooperativa de vivendas colaborativas en cesión de uso? Basicamente a problemáticas amplamente sentidas pola maioría da poboación:
- Ás dificultades de acceso á vivenda, digna, accesible economicamente, estable… evitando caer nos abusos da especulación inmobiliaria.
- Á falta de servizos accesibles relacionados coa satisfacción das necesidades das persoas: de coidados, de conciliación, de relacións cálidas, de intercambio de saberes e afectos.
- Ás consecuencias do uso e abuso dos recursos naturais: o individualismo como fonte de dispendio e esgotamento de recursos, o deterioro do hábitat, o endurecemento das condicións para a vida nun futuro cada vez máis incerto.
Pero algo vaise movendo, os exemplos de solucións habitacionais colaborativas e en cesión de uso que existen en Europa, Canadá, Uruguay… desde hai décadas están resultando inspiradoras para moitas persoas que actualmente están desenvolvendo proxectos parecidos en España, algúns deles xa vivindo nas vivendas que construíron, outros en fase de construción ou de elaboración do proxecto e sumando máis persoas.
Tamén hai proxectos en Galiza. Recentemente celebrouse un encontro en Oleiros onde tivemos oportunidade de atoparnos persoas de diferentes proxectos: Cohousing Ártabra como organizadora do evento (www. cohousingartabra.org ); Outra forma de Vivenda (www. outraformadevivenda.org ); Ancoradoiro (www. ancoradoiro.org ); LarLilás (www.larlilas.org ); Somos Amizar (somosamizar@gmail.com); Alvariza Colaborativas Compostela (www.alvarizacolab.gal); ademais de iniciativas de persoas desexosas de crear grupo para o proxecto que están ideando e outras como A Casa da Veciñanza de Xermade (Lugo) que xorde para dar resposta á necesidade de coidados na dependencia, no entorno vital das persoas.
Algo se move en Galiza tamén a pesar das dificultades propias de ir por detrás doutros lugares do estado onde as administracións, autonómicas e/ou locais, e algúns equipos técnicos comezaron a implicarse no apoio e impulso da vivenda colaborativa. Na nosa comunidade:
- Non hai normativa legal específica para este modelo, nin como solución habitacional nin como equipamento de servizos para os coidados e os concellos, de momento, non están impulsando cambios nesta liña dentro das súas competencias. Na Dirección Xeral de Maiores da Consellería de Política Social estase elaborando unha Orde que parece que incluirá a vivenda colaborativa como un dos servizos recoñecidos para fomentar a vida autónoma e activa das persoas maiores no seu domicilio, aínda na dependencia. Sendo un paso adiante moi importante no recoñecemento de novos modelos de atención ás necesidades de coidados no momento que se precisen, non recolle o valor engadido de propostas máis amplas, a interxeracional, por exemplo. Bótase de menos un enfoque máis global e coordinado das administracións públicas, encargadas de recoller as necesidades da cidadanía e de impulsar e acompañar a creación de novas medidas necesarias para atendelas.
- Faltan equipos técnicos con experiencia no modelo de vivenda colaborativa en cesión de uso. Equipos multidisciplinares que aposten con ilusión e coñecemento por un modelo alternativo ao habitual, máis centrado nas necesidades das persoas, a favor de opcións non especulativas e dispostos a aproveitar as posibilidades que a normativa actual permite, acompañando ás persoas impulsoras de cada proxecto.
- Hai moitas persoas que conectan co espírito das vivendas colaborativas, co desexo de vivir nunha comunidade amigable onde nos recoñecemos uns a outros, tanto tempo como queiramos, sen pagar máis que o custe do que construímos e dos servizos que utilizamos, apoiándonos naquilo que nos é preciso, con disposición a buscar solucións encamiñadas ao ben común.
- Hai unha coordinación incipiente entre proxectos de vivenda colaborativa galegos, profesionais interesados no modelo e entidades da economía social e solidaria (REAS, EspazoCoop) ilusionante.
As persoas, a cidadanía empurrando o cambio!
Carmela Cons
Alvariza Colaborativas Compostela