Acción lóstrego: Ancares
Traizoando de novo o espírito troiteiro, un grupo de impuros inscritos da Sociedade Gastronómica e algúns achegados bótanse de novo á montaña a ver como seguen as cousas por alí. A traizón non será completa porque esta vez renuncian ás tendas, os sacos de durmir e os chourizos asados á luz da lúa para facer noite en cómodos catres, sen reparar en cervexa, carne, patacas e licor de herbas.
O seu plan, logo de estirar as pernas o sábado por Balouta (rutiña a Pan de Zarco), é facer unha travesía polos picos máis importantes dos Ancares aproveitando o día dedicado a Manuel María (por certo, Manuel María, é tío ou e tía?, perdón, pero non o puiden evitar), a saber:
– Domingo: Balouta-Miravalles-Cuíña-Penalonga-Burbia, uns 20km
– Segunda feira: Burbia-Mustallar-Corno Maldito-Tres Bispos-Degrada, outros 20km
– Terceira feira: Degrada a Piornedo, polo val, uns 12km
Levarán nunha mochila pequena o cepillo de dentes, un anaco de pan e unha cuncha de peregrino para beber nas fontes.
Interesadxs na empresa póñanse en contacto respondendo nesta páxina.
A Troita Armada (facción impura).