Asemblea 2022
O pasado sábado 29 de xaneiro celebramos a nosa asemblea anual. Xuntámonos en plena eclosión da variante Ómicron, moi expansiva ela, facendo cadanseu test de antíxenos e, polo que se ve, ninguén saíu contaxiado do virus, mais continuou contaxiado do persistente andazo troiteiro. Antes de entrar en fariña, agasallámonos cun magnífico xantar que nos deixou bo corpo, a pesar dos contundentes aperitivos alcohólicos.
Este foi o menú deseñado polo chef Manrique e elaborado coa colaboración de Leo, Manolo, Pepe, Marga, Carlos e Catalina:
- Aperitivos: Rob Roy, Dry Martini e San Francisco
- Petiscos: Triscante de pera e curry , Steak tartar, Hummus verde con granada, Foie com froitos vermelhos
- Primeiro: Sopa minestrone
- Segundo: Solombo de terneira e ratatouille
- Postre: Torta de limón e merengue
Despois dos cafés, argallamos a asemblea, a directiva presentou os informes do ano 2021 e a seguir debatemos o estado da asociación e compartimos ideas para as vindeiras accións, que comezarán a dar froito axiña. Sumamos tamén dous novos vogais para a directiva: Diana e Carlos. (Non, non teñen nada que ver coa realeza británica). A pandemia vai clareando e a Troita vai acordando. A acta da asemblea está dispoñible para os socios na área privada, sección Documentos. Saúde e Troita!