Bicos de nai
Un Late Night Talk Show sen cámaras pero con moito teatro
A vella chanza co título da canción de Patti Smith xa deu lugar nestes anos a unha camisola, unha canción e unha tenda de orfebrería, e agora, a outra cousa.
BdN vai ser un programa de entrevistas e variedades concibido para dinamizar tres noites de venres do outono en curso, no local social da Troita Armada, sociedade gastronómica e cultural compostelá en permanente proceso de innovación.
Conducido por Carlos Santiago, dramaturgo e poeta, entre outros labores, o BdN ofreceranos dúas entrevistas, un monólogo cómico interpretado polo presentador, e varias pezas audiovisuais de carácter satírico.
A temática de BdN céntrase en diversos tópicos do pensamento contemporáneo que atinxiran certa transcendencia social nos últimos tempos, como a filosofía de xénero, as novas identidades, a cultura da cancelación, o poscapitalismo, ou o transhumanismo, entre outras especies metafísicas que veñan á rede. Non fuxiremos da actualidade, pero someterémola a un duro interrogatorio. Con todo, non hai obriga de falar sobre a extrema dereita.
Por iso, a primeira entrevista de cada sesión centrarase no mundo do pensamento galego máis actual, e a segunda, de carácter ficticio, terá por cometido entrevistar personaxes inexistentes pero con moita cousa que dicir sobre o que está a pasar por aí.
Para as entrevistas mais filosóficas contaremos con tres pensadoras e pensadores galegos en activo, como Rebeca Baceiredo, Brais Arribas ou Delmiro Rocha, coa inquedanza de descubrir a súa obra a un público sedento de novas ideas, e mesmo algunha vontade de investir en filosofía. E para a segunda con tres artistas impagábeis como Carlos Meixide, Clara Gayo e Víctor Mosqueira, xente capaz de dar vida a individuos e individuas inexistentes sen ánimo de lucro.
Durante o BdN, co ánimo de mercar a súa vontade, o público será agasallado cun selecto cocktail beirista-leninista, criado para a ocasión polo Chef do programa, en honra da finalidade culinaria da Troita Armada, e da súa irrenunciábel militancia nas causas gastronómicas perdidas, por revolucionarias.
Se a televisión non vén a nós, vaiamos nós ao teatro, da man de Bicos de Nai.
Calendario
21 de Outubro
Con Rebeca Baceiredo e Carlos Meixide
18 de Novembro
Con Clara Gayo e Brais Arribas
16 de Decembro
Con Víctor Mosqueira e Delmiro Rocha