Calçots!!!
A Troita ten a fortuna de seguir a recibir xente nova e novas experiencias. Témoslle que agradecer a Encarna e a Lois, retornados de terras catalás, que se animasen a guiarnos na nosa primeira calçotada… que non ha ser a última, porque resultou fantástica.
A cousa consiste en apañar unha boa provisión de calçots (algo parecido a un porro, dos de comer, eh?), facer un lume, encher unha grella deles e pousalos enriba sen limpalos nin nada e deixar que se abrasen ben. Cando están ben torradiños vanse envurullando nuns papeis de xornal, métense nunha bolsa de plástico para que garden o calor e de alí a un pouco xa se poden ir comendo. Simplemente váiselle estonando a parte de fóra e cómese o miolo tenro, que se pode ir mollando en salsa romesco, que combina de marabilla. E listo… un festival moi divertido se un ten a precaución de vestir o babeiro típico para non se manchar moito.
A tarde do domingo 20 quedou con bo tempo, botamos unhas risas na horta papando calçots e rematamos o xantar, xa sentados á mesa, cun surtido de carnes, cava e un par de saborosas sobremesas. Festa rachada para grandes e pequenas, que máis se pode pedir? Visca el calçot!