Cea cara-o-que
Chega o clásico dos clásicos. A cea máis agardada. O mellor reconstituínte otorrinolaringolóxico e visual.
O vindeiro sábado 23 de marzo, no Magno Auditorio que a Ilustre Sociedade Gastronómica A Troita Armada xestiona en Pombal 18, terá lugar un evento único no seu xénero.
Un espectáculo desbordante de glamour, nunha equilibrada combinación na que o máis underground irá da man dos éxitos da cultura de masas. Polas táboas (ou tablóns) do noso palco desfilará un elenco de artistas do poc-rroc máis mainstream. Seguidos dalgún crooner acabado de baixar do andamio ou da escaleira de electricista. Ou dalgunha diva da copla ou da canción española. E quen sabe se mesmo dalgunha representante do cante jondo ou da música electrónica.
Sabemos que esta breve enumeración é un exemplo pobre. Non é capaz de imaxinar a túa achega, que desbordará unha vez máis os amplísimos límites fixados nas edicións anteriores do Cara-o-que? / cabaret.
Conminámoste, pois, a que xusto neste momento apartes a vista da pantalla para perdela no infinito (ou nun punto do teito), e imaxines os últimos detalles desa actuación que leva tempo escaravellando dentro de teu cranio.
Agora que retomas a lectura: esa actuación que estás pensando é xenial. Asume o reto. Se che pode a vergonza, pide axuda a unha compañeira troiteira/o. Pero non deixes de subir aos tablóns da Troita Armada.
Uns detalles técnicos e loxísticos: teremos un equipo de son e un par de micros. Acéptanse propostas individuais, a dúo ou mesmo en formato big-band. E están altamente recomendadas a actuación 100%en-vivo (sen base musical gravada), o karaoke (cantando sobre a canción orixinal) ou mesmo o play-back (que soe só a canción orixinal, para que a artista troiteira poida poñer toda a súa atención na coreografía). Se a canción que vas interpretar está en Spotify, non tes que traer nada. Pero si vas interpretar algún éxito underground, debes traelo nun pen.
O prazo para apuntarse remata o xoves 21 ás 15h. Non te despistes. Non faltes!! (aclaración en letra moi pequena, anana, ilexible: aínda que decidas non actuar, estaremos encantadas de que veñas. Queremos encontrarnos con todas, con cantos máis mellor!).
Unha última cousa: o horario. No Berlín de entreguerras non houbo nunca un cabaret antes de que anoitecera. E na Troita Armada somos fieis á tradición. Pero empezaremos cediño. Propoñemos encontrarnos ás 20h no local, tomar un viño, e cear cedo (cea alemá, por soposto: aperitivo, salada alemá, salchichas, lacón, torta sacher e apfelstrudle). Non queremos alterar o descanso desa ilustre veciña que só sabe bailar cha-cha-cha.
Bicos e apertas a moreas.
Vémonos o sábado!!
Saúde!!!!
Comité de Fastos do 25 Aniversario.