Cervexa ou vermú?

Así, sabio como te volviches, con tanta experiencia,

entenderás xa o que significan as Itacas.

Kavafis

 

Remedando aquela reivindicación clásica da acracia compostelá dos anos 80 “que se defina la U, Galiza es colonia o xampú!”… A Troita… será cervexa ou vermú?

Nos inicios tamén “A Troita” tivo os seus problemas “existenciais”. Había dúas visións diferentes de entender á nosa “ilustre sociedade cultural gastronómica”. Aínda que as dúas visións estaban presentes na definición inicial o peso con que se vía cada unha das patas sempre era discutíbel e a tensión entre sociedade gastronómica- sociedade cultural saltaba sempre nas mesas, e nas asembleas.

O debate non era insubstancial, máis fómonos decantando por ser unha entidade cultural, aberta a quen quixera entrar e que tiña o elemento gastronómico como centro do seu interese. Pouco a pouco fomos construíndo o noso modelo para resolver as contradicións e ao final, como diría un clásico da nosa terra, “non se sabe quen, pero gañamos”.

Nunca fomos moi dados na Troita a escravizarnos polos enunciados e considerabamos que o noso enunciado xa podía satisfacer todas as pretensións, salvando iso si unha cuestión clave de identidade: a nosa apertura á incorporación de quen quixera participar e sempre formando parte dunha comunidade á que queríamos contribuír. A partires de aí… xa iríamos facendo. Despois de todo, nunha asociación na que tanto podíamos botar horas nunha asemblea interminábel discutindo sobre a mellor maneira de ter limpos os trapos da cociña… a organizar unha cea debate sobre a existencia do mesmo deus, non cumpría limitarse demasiado. Todo podía ser, e non sobraba nada nin ninguén.

Esta vontade “activista” é unha das características básicas das forzas que estabamos elaborando esta masa: tratábase de alimentar a fame dunha república de cidadanía libre, máis que poñer a mesa para unha sociedade de “papeantes” con tempo libre de sobra. Tiñamos fame de coñecemento e tamén colaborar na mellora social dende a nosa liberdade. Máis sabemos que a “sacralización” desta palabra acostuma esconder varias trampas de egoísmo e insolidariedade.

J.L. Sampedro ilustraba o concepto de liberdade coa metáfora dunha cometa, que pode voar porque está atada. A corda que ofrece resistencia ao vento é a igualdade e a fraternidade, só con ela é posíbel a liberdade. Ese compromiso coa construción dunha liberdade enraizada na comunidade está no alicerce da Troita como asociación cidadá.

Mais a vontade asociativa da Troita xurde do seu nacemento na asociación xuvenil e cultural “Itaca”. Ela mesma xa traía unha historia de activismo dende un movemento “scout” que no seu momento era unha das poucas oportunidades que permitía a ditadura, reformulada en asociación cidadán cando a democracia xa permitía unha expresión máis libre das identidades, e o seu traslado ao Pombal 18. Na asociación “Itaca” xa houbera moitos debates sobre o asociacionismo, que seguiron madurando e se trasladaron á “Troita”.

A asociación “Itaca” leva hoxe en día 38 anos ininterrompidos de implantación no tecido cidadán de Compostela, cunha historia que merecerá ser contada noutro momento. Máis agora compre dicir que a historia da propia cidade constrúese contando coa historia das agrupacións da cidadanía, e a pesares de todos os atrancos, que foron moitos, hai asociacións que seguen vivas porque son necesarias e achegan importantes recursos para a construción dunha cidadanía que quere protagonizar a súa vida. Hai varias asociacións que xa son institucións da cidade, e “Itaca” é unha delas. Asociacións diversas e plurais que deben existir para perfeccionar calquera sociedade democrática.

A construción das identidades individuais elaborase dentro dun marco social que as condiciona, aínda que non as determine fatalmente. En calquera sociedade haberá contradicións, con identidades diferentes, con intereses contrapostos, e faise necesario conciliar cada expresión singular na construción dun espazo de convivencia común. Máis o propio marco de relacións non é unha “foto fixa” e a conciencia das persoas e a súa unión con outras tamén pode transformalo.

Na Troita participabamos dese modelo, en que as asociacións son parte importante na construción das conciencias individuais e colectivas, e tamén na mellora dos marcos para o ben común.

25 anos de Troita ensináronnos que esta vontade de elaboración de proxectos dende o compromiso, a liberdade, e a diversidade ten que estar no alicerce dunha asociación cidadá, e só aquelas que a posúan terán a capacidade de permanecer ano tras ano pois seguirán mantendo a súa utilidade social, máis alá da satisfacción temporal que puideran ter dado as persoas participantes (o que xa non sería pouco tampouco). A “educación para a cidadanía” non só se debe facer nas escolas, compre practicala tamén.

Diciamos que “A Troita” enténdese dende “Itaca”, e por iso compre falar un pouco máis da súa historia. Como parte dun elemento importante na construción da cidadanía compostelá, “Itaca” demostrara a súa utilidade, entre outra cousas, pola súa capacidade de resistencia ante as adversidades. Foron moitas e non imos detallalas aquí, máis unha que compre salientar é a falta de apoio dende as institucións do goberno municipal, cando non a oposición directa, excepto nalgunha moi contada ocasión nos inicios, e con algún concelleiro moi singular que pouco durou. “Itaca”, como outras asociacións non só non recibiron apoios municipais, senón que moitas veces tiveron enfronte a unha institución pechada en si mesma. Temos resistido sen depender de subvencións, cos nosos propios medios reformamos tamén un local que estaba sen as mínimas condicións de uso… e o propio concello, creou a súa rede de centros socioculturais sen contar co tecido asociativo que xa existía en cada barrio. “Itaca”, nos anos 90, ofreceralle ao concello a municipalización dun servizo de “ludoteca” que naqueles anos sería pioneiro en Galiza, e este rexeitouno por interese puramente partidario do grupo político no goberno que entendía que tiña que controlalo todo. A xente de “Itaca” fora a única representación galega que houbera no segundo encontro estatal de ludotecas, celebrado en Vitoria, e ofrecía experiencia, voluntariado e un local, máis ao concello non lle interesou porque trabase dunha asociación libre e independente. Itaca montou igualmente a ludoteca con escasos medios, máis a cidade perdeu unha ocasión de ter un servizo de calidade, de vangarda naquel momento. Peor foi para outras asociacións que non resistiron a competencia de centros socioculturais que se instalaban no seu territorio enfrontados con elas.

Menciono esta experiencia porque con ela exemplificase outra das características que debe ter unha asociación cidadá para poder considerarse como tal: a independencia. As sociedades sempre conteñen tensións dialécticas, cousas novas nacen, outras desaparecen ou transfórmanse… nestas tensións sempre está en cuestión a apertura das institucións democráticas do “poder político” cara a participación cidadá na propia xestión da comunidade. Poucas veces se abren, e moitas veces enténdese que as asociacións somos incómodas precisamente por formar parte dunha sociedade que se expresa con liberdade.

A comunidade tamén se ten que crear dende sí mesma con entidades complementarias doutras institucións, e as veces como contrapeso e moitas veces incluso enfrontadas abertamente con elas. Esta dialéctica é propia da pluralidade e diversidade que dicíamos defender. Moitas veces o cambio da hexemonía de determinadas formulacións ven da man dun movemento asociativo que nace mesmo enfrontado coas institucións dun poder político defensor da hexemonía decadente. Sempre terán que xurdir novos movementos sociais, porque a sociedade sempre estará en movemento. As vangardas sempre serán minoritarias inicialmente, incluso aínda que respondan a unha demanda crecente. Máis tamén pode haber expresións minoritarias que teñen o dereito a ser respectadas igualmente aínda que nunca deixen de selo, mentres elas tamén sexan respectuosas.

Por experiencia propia podemos falar de movementos contestatarios coma o de oposición ao “servizo militar obrigatorio”, no que “ A Troita Armada” e “Itaca” tiveron implicación polo seu apoio expreso á insubmisión e o número de insubmisos, e “autoinculpados” que acolleron no seu momento en colaboración co colectivo “Rompanfilas”. Xunto con moitas outras asociacións constituímos unha rede cada vez máis mesta contra dun recrutamento forzoso que acabou caendo. Este é un exemplo, máis a experiencia feminista, a defensa doutras identidades sexuais, o movemento cidadá contra do cambio climático, ou a favor da Renda Básica Universal tamén son exemplos de avances dende expresións sociais non vinculadas institucionalmente ao poder político dominante. Como, por suposto, foron no seu momento as asociacións que defenderan a democracia no noso país, nos anos da ditadura, e que tantos sacrificios supuxeron.

Queremos definirmos como asociación para contribuír ao enriquecemento do debate social, mais é certo que o feito de ser unha asociación cidadá non quere dicir, por si mesmo, ser transmisora de todas as virtudes. Efectivamente poden existir asociacións excluíntes e que trasladen discursos de odio, poden xuntarse colectivos humanos para patear aos seareiros dun club deportivo rival, ou mallar na xente diferente por calquera motivo, non toda sociedade civil ten que ser boa, tamén existe a chamada “mala sociedade civil”. Por isto partimos da base de que o asociacionismo cívico ten que xurdir da asunción duns principios respectuosos para poder ser caracterizado como tal. Sen entrar en debates “académicos”, tal vez habería que identificar a outro tipo de “agrupamentos” como “incivil”. A propia Lei non permite a legalización de asociacións cun funcionamento antidemocrático, pero tal vez habería que ir máis alá. En calquera caso, e aínda dentro do respecto entre as persoas, compre entender que a democracia non é ausencia de conflito, ou universalidade dunha visión “negociada”, lonxe diso a democracia ten que ser un lugar de encontro das diferenzas. Por isto os principios do asociacionismo teñen que fundamentarse no respecto, a tolerancia, a participación e a diversidade. E seguir defendendo espazos dende o que expresarse.

Na Troita tivemos non hai moito unha interesante mesa redonda sobre a politización da xustiza. Observamos unha tendencia crecente a limitar o sustento da democracia no “dereito” que ela mesma xera, e esquecese a consideración da democracia coma un espazo de debate permanente dende o que asegurar a convivencia das diferenzas. Por este motivo hai unha crecente tendencia ao uso do “dereito” das maiorías por xudicializar a política para impoñerse, en lugar de politizar a sociedade para buscar entre todas ese espazo de convivencia. Demandamos un forte asociacionismo cívico que quera participar máis alá dos establecidos momentos de participación ritual.

Mais volvendo á historia da “creación” da “Troita”, chegamos a un momento en que a Asociación Itaca seguía consolidando o seu proxecto e medrando como organización en construción permanente acordando ampliar o alcance do seu proxecto de animación sociocultural, máis alá do espazo xuvenil e infantil. Xurde o programa para xente universitaria “Coñece o teu país”, que logo converteríase na asociación “Carricanta”, e por outra parte falase de facer un programa para xente máis “adulta” que estaría na base da nosa “Troita”. Inicialmente o programa respondía ao interese por atraer ao local a pais e nais da rapazada que estaba no entorno da asociación, xunto con outras amizades que se puideran xuntar, para isto considerouse que o elemento “gastronómico” podería ser o centro de interese aglutinante. O certo é que xuntáronse moitas máis “amizades” das esperadas, e o proxecto “para adultos” acabou collendo forma propia de asociación independente. Así xurde “A Troita Armada”. Posteriormente incluso tería o seu propio programa para familias,”Troitalevín”, mais creado dende a outra parte da familia.

Compre dicir que a consolidación da Troita en torno ao proxecto de “Itaca” non só nutriu o proxecto en canto expansión humana senón tamén económica, pois a incorporación de xente “con nómina” permitiu establecer un sistema de cotas “xenerosas” que garantiu para o futuro a propia existencia material do proxecto.

Sabendo de onde viña a Troita está claro que o camiño a construír formaría parte do tecido asociativo, asumiamos o noso nacemento dentro dunha defensa do asociacionismo que xa non era nova e, sendo as formas unha cuestión menor, non queríamos ser unha sociedade gastronómica “clásica”, por entendernos.

25 anos despois “A Troita” segue aí, sen tregua, e isto diciamos que é un xeito de “validar” a necesidade da nosa existencia. Calquera que coñeza algo dunha asociación sabe do traballo e tempo que leva, simplemente, manterse, polo que se afundiría “na nada” de non ser útil. Máis 25 anos, ininterrompidos, de Troita deunos para ir reflexionando e comprendendo o sentido da nosa vida, mentres a iamos construíndo. Cada asociación é unha pequena democracia, que quere facer máis grande a democracia.

Dicía Leonardo Boff, con Boaventura de Souza Santos que “a democracia debe ser sen fin” e engade que a temos que ver coma un “proxecto aberto, sempre en construción, que comeza nas relacións dentro da familia, da escola, da comunidade, das asociacións, nos movementos , nas igrexas e culmina na organización do estado”, e contempla á democracia coma unha mesa que, aínda asentada nun chan firme, necesita igualmente catro patas que para el son: a participación, a igualdade, a diversidade e, como non podía ser menos tratándose dun “teólogo da liberación”, a comuñón.

Este último apartado, máis alá do significado “relixioso” que cada quen quixera entender “ fai referencia ao elemento “subxectivo” das persoas, a súa capacidade de comunicación coa súa interioridade e coa subxectividade dos outros; portador de valores como a solidariedade, compasión, protección dos máis vulnerábeis e dialogo coa natureza e a divindade. Aquí aparece a espiritualidade como unha dimensión da conciencia que nos fai sentirnos parte dun todo, e como ese conxunto de valores intanxíbeis que dan sentido á nosa vida persoa e social, e tamén a todo o universo”.

A Troita di que quere establecer unha “nova orde mundial social gastronómica” ou que a globalización é que “todas as culturas do mundo convivan en Pombal 18”, organiza as súas actividades en programacións abertas nas que todas podemos participar ou se integra dentro das reflexións e debates que preocupan na súa comunidade social. Dende o momento en que, máis alá de simples enunciados, todo iso forma parte da nosa maneira de ser xa estamos participando, dende a libre expresión da nosa subxectividade e conciencia, na construción da Troita como unha democracia perfecta, dende a igualdade, a colaboración, a diversidade, e en “comuñón” ou se preferimos dicilo “en irmandade”.

Este é outro elemento clave que fai dunha asociación, como A Troita, algo necesario: máis alá da súa contribución á mellora comunitaria supón tamén un enriquecemento vital para as persoas participantes, precisamente pola posibilidade de construír algo en común dende a individualidade, o respecto, e a retroalimentación. Máis alá do mero “consumo” da cultura ou do tempo libre, é máis gratificante construír cultura no tempo libre, ou culturas diversas do tempo libre. E facelo en común.

Son demasiadas as cousas que xustifican que unha asociación viva moitos anos e que tanta xente continuemos participando… cando o camiño está cheo de aventuras e coñecementos sempre hai que desexar que nunca remate… e cada quen que tome o queira, cervexa, vermú ou que lle bote un viño ou unha auguiña, o caso é quedar para verse.

A troita continúa!