Compostela de viños
A historia de Compostela dende os viños dos seus barrios
Dende que aquel lugar da Gallaecia emprazado á beira da Vía XIX que comunicaba Braga con Astorga, por onde se instalou o achado do Bispo Teodemiro, impulsado dende o Rei Afonso II, como Santiago apóstolo… foise construíndo Compostela coma un lugar de aluvión e tránsito de xentes. Máis alá do empuxe de Xelmírez, a importancia dos irmandiños, da capitalidade dunha das sete provincias e cidade destacada do Reino de Galiza, da súa tradición universitaria e cultural… a importancia que foron tendo as xentes que moitas veces quedaban incluso fóra das murallas medievais foi determinante do que hoxe somos. Tanto é así que algún barrio tan importante coma San Pedro aínda é lembrado coma o barrio de “Fóra de Portas”.
Historia de moitos que por aquí pasaron e quedaron. Esta é a visión que presentamos nesta publicación da sociedade cultural e gastronómica “A troita armada”. A visión de Compostela dende a diversidade dos que a fomos construíndo. A visión do tempo coma uns viaxeiros que, a modiño, nos achegamos a novas descubertas. A ruta duns camiñantes que empregamos coma transporte un valioso produto da terra, felizmente elaborado pola cultura humana: o viño.
Coa Troita Armada e as nosas máis de 60 rutas de viños polos barrios de Compostela, descubrimos a importancia da xente do Val de Amaía ou A Barcala dende o Carme de Abaixo, ou xentes do Xallas dende Vista Alegre, de Arzúa e Melide dende San Pedro e San Lázaro, da Ulla dende O Castiñeiriño e A Pontepedriña… e de todos eles e todas elas no que hoxe xa é a comarca de Compostela.
Sae a edición desta publicación* no ano de Ánxel Casal, o noso editor e alcalde que, tamén viaxeiro, gobernou Compostela ata que o terror sanguinario nolo roubou. Sirva coma homenaxe para el e para todas as persoas boas e xenerosas ás que a barbarie levou.
RÚA DE SAN PEDRO
Xa o Calixtino, ao enumerar as igrexas con que contaba Compostela no século XII fala da de san Pedro, que é abadía de monxes, sita xunto ao camiño francés. Refírese a san Pedro de Fóra, mosteiro do século IX que no XV se incorporou a san Martiño empezando a súa decadencia. Derruído en 1839, as súas pedras serviron para enlousar a Quintana así como a calzada que vai da Porta Faxeira á Alameda. A actual capela carece de todo interese dende o punto de vista artístico.
Situado no extrarradio, fóra das murallas, ao seu arredor medrou o arrabalde de san Pedro, que debeu a súa ventura á situación estratéxica que lle permitía albergar os peregrinos e venderlle as cunchas. Ao longo dos séculos XIV e XV sumáronselle outras moitas tendas, entre elas tafonas que a día de hoxe seguen a tradición. Cando a principios do XVII nos visitou o cardeal Xerónimo del Hoyo, deixou escrito que ao pé do mosteiro estaba a mellor fonte da cidade.
Xunto coas Hortas era a arteria principal de entrada á cidade, tanto de persoas como de mercadorías, achándose a cotío moi concorrida de xente, carros e bestas. Como as rúas non estaban empedradas, o continuo tráfico e as riadas causadas pola chuvia, deixaban as casas cos cementos ao descuberto “y en muchas partes ha menester subir a ellas dos o tres gradas y están muy peligrosas para se caer” (informe do Concello de 1542).
Hoxe, cando non hai obras, está empedrada e seguen proliferando tendas do máis variado, pero os que fomos criados nesta rúa botamos de menos o cabalo de Félix Vilas agardando que lle enchesen o carro de tixolos e cemento para repartir polas obras; o Cottolengo do padre Alegre, ao que sempre acudía algunha alma piadosa a depositar esmola pola rañura da porta; a panadería de Felisa, onde podía mercarse pan bregado e cornechos para os nenos; as chocolateiras María Lemos e Pepa a Pandela, que nos endozaban as merendas; Raquel a do ultramarinos, un local enorme e mal alumeado. Tampouco se escoitan os lamentos dos porcos, asasinados nos baixos dalgunha casa para mantenza dos donos ou a súa venda ao público. Desapareceu tamén a escola de dona Mercedes, que no primeiro piso do número 44 (enriba do estanco) trataba de meter algo de instrución nas duras cabezas dos seus pupilos, unha lexión de rapaces entre os seis e os catorce anos.
Segue sendo unha rúa onde se practican as obras de misericordia: nos moitos mesóns e tabernas dan de comer ao famento e de beber ao sedento, anque algúns clásicos como O Portal de Belén ou o Mosquito pasasen a mellor vida.
BELVÍS
Conta a tradición que os frades dominicos instaláronse en Compostela en 1219 coincidindo cos visita de san Domingos, aínda que non existe documentación da presenza do santo. A fundación do convento das freiras dominicas empezou en 1305 cando a piadosa Teresa González doou as súas pertenzas en Carnota para a edificación dun mosteiro onde os pais mendicantes quixesen, e escolleron Belvís, lugar distante medio quilómetro de Santiago, no que habitaba o Arcediano don Nuno, quen tiña na entrada da casa unha imaxe da Virxe. En 1309 dona Constanza Fernández, viúva de Mariño, cedeu a Bonaval a metade dunha casa “ad construendum monasterium in Beluis.” As obras do novo convento empezaron a bo ritmo e tres anos despois estaba todo disposto para acoller ás voluntarias, pero non se presentou ningunha, de modo que o Provincial escribiulle a sor Velasquita, monxa de Zamora, que chegou acompañada de dúas hermanas. De gran axuda foi a achega feita por Juana Estévez e a súa filla Teresa de todos os bens que tiñan no Bierzo.
En 1340, grazas ás doazóns do bispo de León, Juan Ocampo, compostelán e antigo cóengo da nosa catedral, levantouse a igrexa e consagrárona, xunto co convento, a Santa María. A imaxe de pedra da casa de don Nuno colocouse á entrada e alá foron indo os veciños a acender candeas. Eran tantos os devotos que as freiras decidiron meter á Virxe dentro da igrexa, pero ela gustaba de estar fóra, e así como a levaban para dentro saía cara o portal. En vista do prodixio, no ano 1639, edificouse co produto das esmolas unha capela para acubillala. Debaixo das escaleiras remanecía unha fonte de augas milagreiras que os labregos recollían en botellas o día de san Pedro Mártir para, xa na casa e cunha póla de oliveira, asperxir ao gando. As trazas da reedificación do mosteiro foron dadas en 1700 por frei Gabriel de las Casas e custeadas en 210.500 reais polo arcebispo Monroy. O retábulo maior é obra do mestre compostelán Alonso González e a nova igrexa débese a Casas Novoa.
Durante anos, os composteláns máis larpeiros encargábanlle ás freiras tortas e pasteis para endozar as festas. Hoxe téñense que contentar con pastas e madalenas para mollar no café. Tamén resultaba moi concorrido o forno de Felisa, que tiña o despacho do pan na Rúa de San Pedro. As vésperas de días sinalados era un continuo ir e vir de mulleres levando empanadas e doces a cocer, mesmo había mandadeiras como Marina, encargada de transportar as larpeiradas feitas por señoritas que non querían rebaixarse a cargar coas empanadeiras.
SAN LÁZARO
Dende moi cedo, e dada a avalancha de peregrinos, Compostela preocupouse de ter hospitais onde acollelos e curalos. Con este propósito o arcebispo Xelmírez fundou un, con camposanto anexo, na Acibechería, final do Camiño Francés, que se sostiña cos donativos dos propios peregrinos e parte das ofrendas da catedral. Ardeu en 1484, sendo levantado de novo por Fonseca, que lle engadiu unha portada tardorrománica. Cando os Reis Católicos construíron o Hospital Real, destruíuse o anterior, reutilizándose os restos –aínda hoxe recoñecibles– para edificar o muro de san Martiño Pinario. Do vello hospital só queda en pé a vella portada, que Fernández Lechuga incorporou a mediados do século XVII ao colexio de san Xerome.
Espallados pola cidade, outros centros asistenciais axudaban a mitigar as doenzas: Os de Xerusalén, Santa Cristina, Carretas (presentes hoxe no nomenclátur), san Andrés na Rúa do Vilar, san Miguel nas Casas Reais ou san Roque, todos sitos intramuros.
O terror ao contaxio da lepra levou a arredar os lazaretos das xentes. En Compostela, a caridade de catro almas pías -o cóengo Pedro Pardo, o prior do Sar, o ricohome Alfonso Anaya e a súa dona Adosinda Menéndez- posibilitaron a súa creación, en 1149, no barrio das Cabanas, antiga denominación deste lugar polas casas ruíns nas que moraban os pobres leprosos, desterrados a perpetuidade pois nin mortos podían abandonalo ao contar con cemiterio propio. Coas esmolas que os devotos deixaban edificouse a actual capela, rematada en 1947, que pasou a ser parroquia no ano 1969 separada da do Sar. Como lazareto atendeu enfermos ata o ano 1966.
O nome Lázaro é de orixe aramea e vén significar axuda de Deus. No Evanxeo aparece na parábola do pobre cheo de feridas que senta debaixo da mesa do rico Epulón para aproveitar as migallas; pero por confusión identificouse co amigo de Xesús, irmán de Marta e María, razón pola que os lazaretos femininos estaban baixo a advocación de santa Marta. A romaría celébrase o domingo de Paixón, quinto da Coresma. Cando esta era terra de labregos, moitos eran os que concorrían pedíndolle a sanación de feridas difíciles e poñendo os animais baixo a súa protección, de aí a doazón das uñas do porco, para que a carne chegase sa á salgadeira. Convertido o lazareto en Consellería de Agricultura, segue viva a tradición dos composteláns de ir comer as uñas.
SAR
O nacemento deste arrabaldo, como tantas cousas desta cidade, hai que relacionalo co bispo Diego Xelmírez, o primeiro grande urbanista de Compostela. Durante o seu señorío, que abrangue de 1100 a 1140, moitas foron as obras por el proxectadas. Como non era o que se di un home modesto, encargou a tres persoas da súa confianza (Munio Alfonso, tesoureiro da catedral; o francés Hugo, arcediano e cóengo e o mestre Xiraldo, de igual orixe que o anterior), a redacción dun rexistro para lembrar os seus feitos, obra coñecida dende o século XVIII co nome de Historia Compostellana, que ningún santiagués debería deixar de ler, xa que, por riba de resultar un relato de aventuras apaixonante, permite coñecer as orixes da nosa cidade. A última edición ata o momento, Akal 1994, débese a Emma Falque Rey.
Munio Alfonso foi recompensado por Xelmírez co bispado de Mondoñedo, pero en 1134, farto dos abusos dos señores da zona, regresa a Compostela onde merca unha herdade nas marxes do Sar para entregarse á meditación xunto a outros santos varóns baixo a regra de san Agostiño. Emprende entón as obras dunha igrexa que, a súa morte, o 26 de xuño de 1136, estaba sen rematar, de modo que lla encomenda ao seu bispo Xelmírez, quen levou a cabo a consagración o 1 de setembro do mesmo ano coa asistencia dos prelados de Braga e León. As obras continuaron durante algún tempo, o que explica a existencia de motivos vencellados ao obradoiro do mestre Mateo. Foi este lugar de retiro escollido por moitos cóengos sen perder por iso os seus privilexios. Dotada como parroquia, o seu territorio estendíase da Vía Francorum (rúa de san Pedro) á Vía pro ad Velegiam, na estrada de Pontevea. En 1548 pasa a ser colexiata.
A fábrica de tres naves e tres ábsidas padeceu de sempre defectos de construción debidos á pantanosidade do terreo onde asenta e que deron lugar á inclinación que a fai tan singular. En 1500 abríronse as naves e en 1732, houbo que soficala e reedificala de novo. Os muros laterais exteriores, apoiados en botareus, foron reforzados no século XVIII con arcobotantes. A última intervención levouna a cabo o arquitecto Ferrant en 1935. No ano 1895 recibiu a declaración de Monumento Nacional.
No interior pódense contemplar interesantes laudas e sepulcros con xacentes. O máis antigo, encostado ao muro sur, corresponde ao bispo Bernardo II, quen mudou a mitra polo retiro, falecendo no Sar en 1240. Cando en 1711 se abriu a sepultura, o corpo e as vestiduras atopábanse incorruptas. Interesante é o seu claustro do século XIII, que conserva partes románicas.
ENSANCHE
No percorrido feito en 1706 polo cardeal del Hoyo encontra unha cidade cercada por boa muralla con oito portas, algún edificio de boa cantería, casas antigas mal traçadas, rúas afeadas por soportais, outras pésimamente empedradas con lastras desiguais e mal postas. Pouco mudara Compostela cando en 1780 se aproban polo Real e Supremo Consello da S.M. Carlos III as Ordenanzas de Policía Urbana de Santiago, redactadas por Miguel Ferro Caaveiro e corrixidas polo arquitecto maior do Reino Ventura Rodríguez, que estarán en vigor ata 1908, data na que se aproban novas ordenanzas municipais. Nese momento pódese dicir que convivían dúas cidades: a monumental, cos seus magníficos edificios pétreos rodeados de amplos espazos, e a ocupada polos veciños que habitan casas de pallabarro, en rúas estreitas e malcheirosas, sen luz, alcantarillado nin pavimento. A estes desafíos enfróntase o Concello coas Ordenanzas na man.
Tendencia urbanística propia do XIX é a desaparición das murallas que circundaban as urbes. A súa nula utilidade xunto coa necesidade de expansión conduce a desfacerse dese cinto constrinxidor. En Santiago, a partir de 1835, prodúcese a caída das portas excepto a de Mazarelos, unida a un forte impulso gobernamental para a construción de vías de comunicación. Os planos de 1860 e 1864 clasifican as estradas, determinan competencias e obrigas do Estado fronte aos concellos. A desaparición da muralla vai facilitar, na segunda metade do XIX, o trazado de estradas xerais que comunican Santiago coas catro provincias.
Ata o Estatuto de Calvo Sotelo de 1924 non aparecen na lexislación de Réxime Local normas relativas á tutela de valores Históricos-Artísticos. Nese ano, o Regulamento de Obras, Servizos e Bens Municipais sinala no artigo 104 o respecto aos trazados dos edificios con estes valores nos proxectos de ensanche, extensión ou reforma interior das poboacións. Estas novas normas construtivas van prefigurar a tendencia de abrir as cidades. As Leis de Ensanche de 1864 e 1878 serán os marcos que permitan tales cambios. A mentalidade ensanchista reflíctese en xornais como El Eco de Santiago, pero estas ansias limitaranse ao espazo histórico, de xeito que non pode falarse dun ensanche ata anos despois. Ábrense rúas extramuros, cunha tipoloxía edilicia baseada nos modelos do casco monumental, que actúa de zona de respecto. Suprimidos murallas e soportais, imposto un novo trazado lineal e o achafamento nas esquinas, o seguinte paso será o derrubo de mazás enteiras para crear espazos máis amplos, a apertura de novas prazas e a construción de escalinatas para salvar desniveis.
O aumento de edificios no século XIX foi espectacular, pasándose de 3.931 inmobles en 1800 a 6.314 en 1886. O 2 de novembro de 1898 o Concello acomete un plan de ensanche en terreos ubicados ao Sur, aprobado o 14 de novembro de 1900. En 1926 consígnanse 1.000.000 de pesetas para facer fronte a posibles expropiacións. O B.O de 8 de setembro de 1931 publica a aprobación do plano, cun orzamento de 1.624.350 pesetas para urbanización e 1.795.377 destinadas a expropiacións. Despois dalgún intento nos tempos da II República, será a partir de 1946 cando se acometa definitivamente o Ensanche compostelán.
SENRA
Emblemática rúa sita extramurallas da que temos noticias dende tempos antigos, debe o seu nome ao seu carácter agrícola (senra en galego é terra de cultivo). Cando a finais do XIX empeza a febre de mellora das comunicacións, emprendéronse aquí as primeiras obras, rematadas en 1842. Ata que en 1972 o impulso do tráfico obrigou a construción dunha estación de autobuses, a Senra acollía as diversas empresas de viaxeiros encargadas de transportar xente por toda Galicia, entre elas o Castromil, co seu emblemático edificio, concibido nun principio como café Quiqui, un dos máis elegantes cos que contou a cidade. Encargado en 1922 polo vigués Muguín ao arquitecto González Villar, moi influenciado polo modernismo, que decide utilizar por vez primeira en Galicia o cemento armado para a totalidade da construción. En 1929 foi mercado pola familia Castromil e derrubado, nun sensentido, en 1975.
Non foi esta a única desfeita levada a cabo nesta rúa. En 1913 derruíuse a antiga Casa da Inquisición, proxectada por Casas Novoa en 1729 para, no seu solar, ubicar primeiro o garaxe La Unión, posteriormente o teatro Royalti e, en 1926, un hotel de luxo do que carecía a cidade (o Hospital dos Reis Católicos pasou a ser Parador en 1953). A idea partiu dun grupo de xente constituída en sociedade que lle encarga os planos ao arquitecto vigués Cominges Tapias. Inaugurado en 1930, o Hotel Compostela foi por antonomasia o máis importante, como se reflicte no libro de visitantes: Eva Perón, Eduardo de Inglaterra, etc. e tamén, durante moitos anos, o lugar escollido polos composteláns para celebrar a súa voda.
Outro hotel de primeira categoría instalado nos números 8-10 desta rúa foi o Argentino, aberto por Francisco Rey en 1909 e rexentado logo polo seu fillo Gumersindo. Dotado de 27 cuartos exteriores, entre os seus servizos contaba cun coche de 12 prazas encargado de recoller aos viaxeiros que chegaban por tren á estación de Cornes. No ano 1947 vendeuse á familia Domínguez, que o mantivo aberto ata 1977. O hotel tiña unha sucursal na esquina con Fonterrabía que posteriormente funcionou como café-cantante e no que, ante o numeroso público, diversas cupletistas acompañadas polo violinista Ángel Estévez e o pianista Ángel Brage, degrañaban o mellor do seu repertorio.
FRANCO
Este vicus francorum é, xunto á rúa da Raíña, un dos topónimos máis antigos do Locus Sancti Iacobi e parece ter relación cos cambeadores e hosteleiros que nela se instalaron, moitos deles franceses que desde moi cedo chegaron a través de Padrón seguindo a vía romana de Iria. O primeiro compostelán coñecido é Bretenaldo Franco, citado nun documento do ano 995 de doazón de bens do bispo Sisnando II e os seus pais a favor do mosteiro de Sobrado, entre os que figura unha corte in suburbio patronis nostri Beati Iacobi apostoli, loco predicto Compostelle, que o galo edificara coas súas mans. É probable que a vinda deste estranxeiro coincidise co privilexio de Ordoño II do ano 915 no que, a máis de ampliar o xiro ata doce millas arredor da igrexa de Santiago, convertía o anterior, de tres millas, nun arrabaldo da cidade e establecía que calquera que nel permanecese corenta días sen ser reclamado como servo tornaríase home ceibe.
No que respecta á Raíña, a pesar da crenza popular de que debe a súa toponimia á visita en 1325 da raíña Santa Isabel de Portugal, o certo é que moito antes xa se coñecía esta denominación. No Tumbo C figuran dous documentos, un datado o 25 de maio de 1166 no que Guillerme Peres vende ao cóengo Diego Peres un quiñón nunha vivenda de Fonte Regina. Outra carta de venda de 12 de xuño de 1235, fálanos da transacción dunha casa en Fonte Regina, sita inter alliam domum quae fuit Martini, et ex alie parte congustram qua itur advillare et ad Fonte Franci. O máis probable é que a tal raíña fose Urraca, propietaria de varias moradas, entre elas unha terrea na rúa do Vilar, que doou a Santiago.
Por estas rúas seguen hoxe pululando veciños e peregrinos na procura do conforto corporal, aínda que se boten a faltar personaxes como o flegmático Alfredo, o do 42, sempre coa xerra de plástico na man para encher ducias de tazas ao longo do día; ou Carmen la del Bombero e as súas famosísimas tortillas. Por certo que no actual establecemento, que nada ten que ver coa fundadora, campa un letreiro no que figura o ano 1929 como data de apertura, finxindo unha saga coa fin de atraer incautos.
PELAMIOS
Un dos oficios tradicionais de Compostela foi o dos zapateiros. Xa a Compostellana recolle un decreto dado polo arcebispo Xelmírez sobre os prezos das mercadorías postas á venda en Praterías, entre os que figuran borceguíns de pel de cabra por dezaoito soldos ou boas botas por dous soldos, prohibindo a venda de peles aos barcos que arribaban ás nosas costas. A fabricación de calzado ía unida ás tenerías ou pelamios, artesanías mal consideradas pero moi lucrativas, coincidindo por veces nunha mesma persoa ambos oficios, se ben na maioría dos casos tratábase de desempeños independentes. Eran numerosos os que se dedicaban ao oficio intramuros, co conseguinte problema hixiénico, posto que as pías, por ende de causar moito fedor, regaban as hortas onde se cultivaban verduras e os pelos de los bois e de los otros animales que morían de suyo o de rabia o de pestilencia, se hallaban pegados en las coles e verças e rábanos e en todas las otras hortalizas causando doenzas, mortes e pestes, como sinala o Concello en 1503, para decretar acto continuo a prohibición de pelamios dentro da cidade, obrigando a situalos onde non fixesen dano nin puidesen regar horta, baixo multa de dez mil maravedís. Non é difícil dilucidar de onde lle vén o nome ao barrio dos Pelamios.
Esta industria do curtido chegou a ser a máis importante na Compostela do século XIX, dominada polo vasco Juan Harguindey Broussain, que funda en Picaños a primeira fábrica. Posteriormente merca La Guadalupe, situada en Vite. O seu fillo, de igual nome, amplía as posesións mercando a do Carme de Abaixo e, en 1893, a de Lavacolla. A prosperidade do negocio permitiulle adquirir en 1905, por 87.500 pesetas de entón, o pazo que o Conde de Ramiranes tiña no número 44 da Rúa Nova construído no solar onde se asentara o Estudio Viejo, berce da universidade e posteriormente o Colexio dos Irlandeses. Harguindey e o conde eran vellos amigos pois, xunto con outros filántropos, fundaran en 1891 a popular Cociña Económica. Co novo século os curtidos deixaron de ser rendibles e a familia foise desprendendo das fábricas, conservando unicamente a de Guadalupe, expropiada en 1960 cando se construíu o polígono de Vite.
Perto do regato que atravesa o barrio, entre Pelamios e Vista Alegre, levantouse arredor de 1500 a capela da Virxe da Fonte, que debe o nome ao manancial que alí bota. Ata a Desamortización de 1835 pertenceu ao mosteiro de san Martiño Pinario e hoxe á parroquia de san Xoán Evaxelista. En 1880 Fernández Sánchez e Freire Barreiro deixaron escrito: “A roupa que branquea nas silvas, as hortas e milleirais do val e á vista da cidade… dan alegría a aqueles sitios e razón ao nome do barrio.”
CARME DE ABAIXO
As portas das murallas servían de entrada e comunicación con diversas poboacións, máis alá estendíanse rueiros, un dos elementos históricos que constitúen o carácter de Compostela e potencian a ligazón cidade-campo aínda visible na actualidade. Un bo exemplo pode ser este barrio configurado arredor dunha capela, un muíño e unha ponte.
Os séculos XVII e XVIII foron especialmente ricos na formación de confrarías constituídas baixo diversas advocacións. En 1749 créase a da Nosa Señora do Carmo e, ao ano seguinte, empezan as obras da capela, na ponte do Arcebispo, con trazas de Fernández Sarela, que contan co apoio entusiasta da veciñanza polo lonxe que lle quedaba a parroquia, San Frutuoso, sita na catedral. A coincidencia no tempo coas fames daqueles anos calamitosos, prolongan a construción máis do debido para rematar nunha pequena igrexa que non cubría as necesidades dos parroquiáns, o que ocasiona que en 1863, a petición do tesoureiro da confraría, unha Comisión convocase concurso público para a súa ampliación. Dos cinco mestres de obras que postularon, aprobouse o orzamento presentado por Baltasar Ferreiro, taxado en 12.425 reais. No seu interior pode contemplarse un retábulo de Ferro Caaveiro, que sufriu diversas modificacións e imaxinería de Ferreiro e da súa escola. O cruceiro, levantado en 1679 grazas á devoción dun descoñecido Domingos, mudou de lugar no século XIX. No ano 1990, o arquitecto Pérez Franco acometeu unha serie de medidas encamiñadas a mellorar o entorno e evitar as enchentes causadas polo río Sarela
Non foi esta a única obra salientable do barrio. Con anterioridade, o arquitecto Pereiro Alonso levara a cabo a rehabilitación da antiga fábrica de curtidos da familia Harguindey, que estivera en funcionamento ata 1922, acondicionándoa para vivendas, proxecto que acadou diversos premios. Finalmente, tamén nos anos 90, Giorgio Grassi (coa colaboración de Celestino García Braña, Elena Grassi e Nunzio Dego) proxecta o grupo escolar no medio dunha horta con froiteiras. Consta de catro sólidas torres e un corpo central todo enlucido, detalles decorativos en pedra desbastada, portas e fiestras en madeira e cuberta plana axardinada para non romper co entorno.
SANTA MARTA
Como xa se explicou ao falar do barrio de san Lázaro, os lazaretos situábanse nas aforas da cidade polo terrible medo ao contaxio que a lepra levantaba. Se no extremo norte estaba o dos homes, ao sur levantábase o das mulleres, baixo a advocación de santa Marta, irmá do Lázaro que Xesús resucita. Das miserables casoupas habitadas polas doentes fica a lembranza no nomenclátor: Choupana, que nos coloca de inmediato nas condicións de vida daquelas coitadas.
Incontables foron os peregrinos que por aquí entraban despois de terse humillado no Milladoiro ao contemplar as torres da catedral, pero na memoria das xentes perdurou durante moitos anos o inesquecible espectáculo protagonizado por Diego Xelmírez, descalzo e aclamado pola multitude ao regresar de Braga tras cometer o pío latrocinio.
Nas inmediacións do barrio erguíase o formidable castelo da Rocha, fortaleza episcopal testemuña dun dos sucesos máis lutuosos do secular enfrontamento dos santiagueses co seu bispo. O nomeamento en 1317 do francés Berenguel de Landoira, superior dos dominicos, para rexer a sede compostelá, coincidiu coas ansias do burgueses de mudar de señor para someterse á coroa. En chegando a Santiago, o bispo atopa as portas pechadas e decide refuxiarse na Rocha, de onde pasa a Padrón, daí a Pontevedra e regreso á Rocha, catro longos anos de revoltas, cerco da cidade, queima de campos para someter aos rebeldes pola fame. As rebelións van rematar en setembro de 1320, cando un grupo encabezado por Suárez de Deza, o principal argallante, foi acoitelado na fortaleza, golpe que permitiu a don Berenguel tomar posesión da cidade o 27 de setembro do mesmo ano.
En 1366, tempo de loita entre Pedro I e o seu irmán Enrique de Trastámara, rexía a nosa sé Suero Gómez de Toledo, o prelado máis novo dos que nos gobernaron. Cando El-Rei chegou a Compostela, saíu o bispo a recibilo retirándose despois á Rocha, pero entre os membros da comitiva real receábase das súas simpatías a favor de Enrique, tomándose a decisión de eliminalo. Para executar a encomenda citouse ao bispo despois da sesta. Don Suero chegou puntual e, entrando polo Obradoiro, foi acoitelado por Fernán Pérez Churruchao, acción presenciada polo rei desde as torres da catedral. Os feitos acenderon de tal xeito a imaxinación popular que deron pé á famosa lenda do crime da Balconada, onde non falta a copla: “¡Adiós Rúa Nueva hermosa / calle de la Balconada / mataron a un arzobispo / y fue por una madama!” cando a realidade é que o crime tivo tintes políticos e nunca existiron nin tal rúa nin tal madama.
CONXO
A Historia Compostellana instrúenos sobre a discreta perspicacia do bispo Xelmírez quen, notando que as freiras carecían de mosteiros onde someterse á disciplina regular, buscou un lugar axeitado, un tanto apartado da domus Beati Iacobi. Continuaba así a política de crear puntos de interese nos arredores da cidade para que os peregrinos, por parte de facer turismo, espallasen as esmolas. O lugar escollido foi Cannogio, cenobio de freiras sometidas á regra de san Bieito que vivían arredor dunha capela dedicada a Santa María. Don Diego reedificou a antiga igrexa (inaugurada en setembro de 1129) e dotou o lugar de froiteiras e viveiro de peixes.
Do porqué da existencia de relixiosas naquelas paraxes fálanos a lenda de Rusuinda, a nobre namorada de Almerico Canogio e pretendida polo conde Guarino. Desde Italia os mozos emprenderon a peregrinación a Santiago perseguidos polo malévolo conde que, valéndose de malas artes, deu morte ao seu rival. Rusuinda, con todo o seu séquito, proseguiu a viaxe traendo o cadáver de Almerico. Chegados a Compostela, despois de cumprir cos ritos, retiráronse ás ribeiras do Sar onde as deodevotas facían vida eremita, enterraron ao desgraciado Canogio e alí permaneceron. Rusuinda foi a primeira abadesa da nova comunidade. Tras a reforma monacal levada a cabo polos Reis Católicos, orixe do mosteiro de san Paio, Conxo agrégase a Antealtares e abandona as vellas dependencias. No século XVI establécense no lugar os pais mercedarios. Nos arcos do claustro figura a inscrición: GELMIREZ FUNDAVIT ERA MCLXVII AÑO 1129.
Despois do asasinato do bispo Suero Gómez de Toledo, a cidade foi posta en entredito pechándose as igrexas, polo que os veciños tiñan que acudir a este convento para cumprir coas súas obrigas relixiosas. O afastado do lugar deu pé ao dito “vaiche na misa en Conxo,” que ata hai pouco usaban os picheleiros para referirse á tardanza de alguén en executar unha encomenda. Abandonado de novo despois da Desamortización de Mendizábal, o cardeal Payá decide aproveitar edificio e horta para acondicionalos como manicomio, institución da que Galiza carecía. O 1 de xullo de 1885 abriuse o novo centro que acolleu como primeiro interno un crego. No ano 1969, o cardeal Quiroga véndeo a Deputación da Coruña por 53 millóns de pesetas.
Conxo foi concello, con rexistro e cemiterio propio, ata o ano 1925, en que se integra no de Santiago.
CASTIÑEIRIÑO
Ao leste de Compostela esténdese este populoso barrio antano abundante en castiñeiros, tan grande e disperso que os moitos traballadores que alí tiñan o seu lar pertencían a tres parroquias: Sar, Conxo e Cacheiras. Aquilo era unha necesidade que Quiroga Palacios, ata o de agora último cardeal que nos gobernou no espiritual, non podía permitir. Daí que en 1957 decretase a creación dunha parroquia baixo a advocación da Virxe de Fátima, tan homenaxeada naqueles anos, cunha dotación bastante escasa: 900.000 pesetas. Con elas, o arquitecto José María Banet debería construír un templo, un centro social, a escola e a casa reitoral, todo funcional, sen luxos nin barroquismos superfluos, e materiais sinxelos: cachotería e perpiaños nas fachadas, cuberta de tella curva sobre bóveda de tixolo; pavimento de pedra, madeira e terrazo; portas de castiñeiro e fiestras de aluminio. No frontal da fachada o escultor Parrado creou un relevo no que a Virxe acolle a traballadores, labregos e nenos xogantíns. Sorprende no interior un retábulo de pedra da autoría de Miguel Ferro Caaveiro encargado polo Cabido da catedral en 1780 e que durante anos estivo ubicado preto do Pórtico da Gloria.
Na veciña Pontepedriña atopamos un monumento da modernidade: a estación de ferrocarril. A súa posta en marcha debeuse ao impulso da Xunta de Accionistas do Ferrocarril Compostelán de la Infanta Doña Isabel, que recibiu axuda inglesa. O trazado Santiago-Carril foi subscrito en 1860 polo enxeñeiro inglés Thomas Rumball. O dezaseis de setembro de 1873 inaugúranse os 42 quilómetros da liña que remataba en Cornes, preto de Conxo, faltando algún tempo ata a arribada a Compostela.
Hoxe a zona vese completada por un novo templo levantado á maior gloria do lecer e o consumo característicos desta sociedade. O centro comercial Hipercor dinamizou o lugar converténdoo nun outro lugar de peregrinaxe ao que acoden bandos de composteláns e veciños dos arredores co fin de experimentar o xúbilo que proporciona unha das actividades máis do seu agrado: mercar. Inda ben que ao seu carón se abriu o parque do Restollal para poder recuperarse de tanta axitación.
PONTE ULLA
Coñecese a localización dun castro que ten a súa orixe na etapa final da idade do bronce arredor do 800 a.C. situado na aldea do Castro, parroquia de santa María Madalena. Contan as lendas que algunha vez houbo aquí unha gran lagoa que ocupaba terras do actual concello de Boqueixón. Relata a historia que había un mosteiro agachado entre as rochas próximas ó actual Paso da Cova (do que non se conserva ningún vestixio). Engade a tradición que os monxes deste mosteiro de san Xoán da Cova perforaron o monte para secar a lagoa, dando orixe a este estreito paso. Con san Xoán da Cova está relacionada a invasión viquinga (anos 968-970), que foi a causa de que o mosteiro tivese que ser restaurado. No ano 990, na fonteliña de Gundián apareceu a santa, e os frades do mosteiro de san Xoán da Cova fixeron unha pequena capela, na que anos máis tarde levantaron a que hoxe acolle á Virxe de Gundián. No 1571 un gran temporal de neve e chuvias acaban destruíndo o mosteiro de S. Xoán da Cova e deixa desfeita a Ponte da Ulla. A Ponte foi reparada totalmente no ano 1612, pero no ano 1708 houbo outra chea que a derrubou de novo. No 1709 en vez de arranxar a ponte substituíuse por barcas para cruzar o río e a xestión destas era arrendada por períodos de 4 a 6 anos. Pola Ulla pasaban mercadorías de Ourense e de O Ribeiro para Santiago, A Coruña e Ferrol. No 1737 concédese permiso para reedificar a ponte, sen embargo hai datos que indican que no 1926 aínda existían as “barcas do Ulla”. A ponte da Ulla, hoxe a ponte vella, rematouse no ano 1835 logo de moito esforzo e traballo.
Ir de viños por Ponte Ulla é unha tradición que vén de moitos anos atrás. Durante os anos corenta tiña lugar na Ulla unha feira de moito renome na comarca e ao redor dela empezou a haber negocio. Durante esta década Penide montou unha taberna a carón da feira para uns cinco anos despois trasladarse á rúa Ponte Ulla, pero aínda así seguiron abrindo a anterior nos días de feira ata o ano 1955. Durante esta década abriron tamén a Casa Gálvez, Casa Mareque e a Casa Millán, que tamén era estanco; do outro lado do río, e aínda que pertencían a Arnois, sempre se coñeceron como da Ulla, estiveron a taberna de Veloso (durante 15 anos) e a de Rey que se mantivo uns anos máis. Todos estes locais fixeron de Ponte Ulla o centro de comunicación e de diversión durante moitos anos; se querías tomar un bo viño e unhas boas tapas había que pasar por Ponte Ulla. Estes vellos locais cheos de encanto foron dando paso a outros que na actualidade forman o percorrido de viños da Rúa da Ulla. No ano 84 aparece a carón do río o Restaurante Ríos que se une á oferta de lecer destes paraxes. No ano 90 desaparecen os dous locais que durante anos estiveran participando deste conxunto: Penide e Millán; tempo antes desapareceran a de Mareque, a de Veloso e a de Rei. Durante os últimos anos abríronse novos locais como son: Juanito, unha reformada Casa Gálvez e o Restaurante Villaverde cunha adega na que podes degustar todo tipo de viños. Aínda hoxe se manteñen as pandas de vellos e mozos que fan o “Percorrido da Ulla” como eles lle chaman.
BERTAMIRÁNS
De viños por Bertamiráns? A primeira impresión pode ser a de estar tomando os viños por un núcleo residencial xurdido recentemente debido á insuficiente política urbanística do Concello de Compostela e máis á flexibilidade a hora de urbanizar amosada polo Concello de Ames durante á década dos 90. Só o 34% dos case 22.000 habitantes do concello de Ames naceron no mesmo municipio e a maioría da poboación está formada por traballadores que se desprazan diariamente aos seus centros de traballo en Santiago. Nembargantes esta primeira impresión de núcleo residencial recente non é de todo correcta.
Ames é o nome dunha das parroquias do concello e está relacionado con Amaía, comarca natural habitada pola tribo dos Amaecos na Idade de Ferro. Coa difusión dos novos cultivos traídos de América como o millo e as patacas, Amaía acrecenta a súa riqueza agrícola que será a súa base económica. Durante esta época de esplendor agrícola importantes familias nobiliarias afianzarán as súas posesións nas terras amienses e atesourarán enormes fortunas mediante o cobro dos foros. Sobre esa riqueza desenvolverase na comarca unha importante arquitectura de pazos e casas fortes ao longo dos séculos XVII e XVIII. Bertamiráns, situado en Ortoño, unha das nove parroquias que conforman o concello, foi un dos núcleos de Amaía onde aparecen casas grandes e pazos. Hoxe en día case non se poden atopar restos daquelas casas con grandes terreos dedicados ao cultivo debido a forte urbanización do concello nos últimos tempos, en especial naqueles terreos colindantes coa estrada de Noia. O pazo da Peregrina, en Bertamiráns, que é propiedade do concello, queda coma exemplo de casa fidalga da época en que o val de Amaía era coñecido como “a horta de Compostela”.
Bertamiráns é a capital do concello de Ames dende 1970 pero non foi esta a primeira volta que a Casa Consistorial se afincaba alí. O proxecto de arranxo dos concellos da provincia da Coruña establece o concello de Ames en 1836 e xa naquel momento vai estar conformado polas mesmas once parroquias que ten na actualidade. A capital municipal de Ames cambia en ocasións de lugar. Durante unha longa tempada radicará en Augapesada e a comezos do século XX trasládase a Bertamiráns. Anos despois volve a Augapesada onde permanece ata 1970. Ortoño, parroquia á que pertence Bertamiráns, é coñecida principalmente por ser o lugar onde Rosalía de Castro pasa os seus primeiros doce anos de vida. A poeta naceu no ano 1837 nunha casa no Camiño Novo en Compostela pero veu pasar a súa infancia ao coidado das súas tías maternas Josefa e Teresa nunha casa do lugar da Tarroeira.
Mercedes Pintos Barreiro (Santiago)
Pepa Faraldo (Bertamiráns)
Berta Barcia (Ponte Ulla)
* Este texto veu a luz en formato de caderno ilustrado editado por A Troita Armada no ano 2005.