O estado da Troita Armada

Na 23 asemblea da Troita Armada, a xunta directiva propuxo un debate sobre o estado da asociación. A dinámica crecente de ter que suspender actividades por falta de quorum, a decrecente colaboración en actividades de xestión e o feito de non dar renovado a directiva nun periodo de catro anos, fai pensar que a Troita está entrando nun momento terminal da súa historia.

Presentamos as conclusións do debate na asemblea.

 

DEBATE SOBRE O ESTADO DA TROITA ARMADA

Troita
A. ¿COMO ESTAMOS?

A asemblea valora a oportunidade do debate proposto pola xunta directiva, pois é certa unha preocupante baixada no nivel de participación nas actividades e na súa programación, o que ten levado á suspensión dun bo número de actividades programadas.
Esta situación vense reproducindo nos últimos dous anos, pero o máis preocupante é que é unha tendencia que vai a máis.

A meirande parte das intervención confirman esta análise e colectivamente conclúese que é debido fundamentalmente aos seguintes factores:
• A maioría das persoas socias tivo nestes anos meirandes responsabilidades familiares e dispón de moito menos tempo libre para poder asistir a todas as actividades que quixeran.
• O feito de levar 23 anos de programación ininterrompida de actividades mensuais, leva a unha “relaxación” na súa asistencia, apetecendo implicarse noutras cousas e espazando máis a asistencia ás actividades da Troita.
• A troita conformouse ao longo destes anos nunha asociación xeneracional, onde non se foi achegando xente de xeracións máis novas do que foi o seu núcleo fundacional.

Aínda así a meirande parte das intervencións considera que ás persoas socias entristeceríalles profundamente a desaparición da Troita Armada, tanto polo que significa persoalmente para eles como pola consideración do que este proxecto aínda ten que achegar socialmente. Esta afirmación basease en:
• A propia asistencia á asemblea, que xunto coa escusas formais presentadas por persoas que non puideron asistir ao seu pesar, supón o 50% da base asociativa (54 persoas) o que significa un nivel de participación bastante alto para o habitual neste tipo de convocatorias asociativas.
• O feito de que a maioría das persoas socias non asistentes leven moitos anos pagando unha cota “non pequena” á Troita Armada sen asistir ás súas actividades. O que non pode significar outra cousa que a valoración positiva da súa pertenza á asociación e a expectativa de volver a participar da mesma.
• Actividades como as de Troitalevín, que se poden realizar “en familia” teñen case sempre unha elevada asistencia.
• A valoración persoal que cada persoa asistente fai de que, precisamente, non está en disposición de formar parte da directiva, ou facer moito máis esforzo, neste intre pero estaría disposta a asumir algún sacrificio puntual máis no caso de ser necesario, e por suposto a súa disposición a facelo no futuro.

Aínda valorando todas as circunstancias anteriores a evidencia é que a crise de participación na Troita, por moi “temporal” que se poida supoñer, significa a suspensión crecente de actividades, co desgaste para a organización e á imposibilidade de renovación dunha xunta directiva que xa leva catro anos, sen posibilidade de recambio e que tamén se esgotará. Isto só pode levar a dous escenarios:
• O peche da asociación
• Entrar nun período de “latencia” no que non nos deamos de baixa formalmente, pero permanezamos durmintes en espera de tempos mellores, podendo ter períodos de maior ou menor actividade segundo nos fora. Este escenario podería levar a unha baixa de soci@s que imposibilitara economicamente o mantemento do noso local.

 

B. ¿QUE FACER?

As intervencións divídense e algunhas opinións defenden que, no caso de que a tendencia siga o curso actual, o mellor sería optar por manter a asociación aínda que non teñamos un local.

Outras intervencións maniféstanse no sentido de que a Troita está moi vinculada á necesidade de ter un local como sede do seu centro de interese, o elemento gastronómico, e non ter local afecta á cerna da Troita. Aínda que non fora así, en calquera caso, o mellor é aceptar a esencia de calquera organismo vivo que implica a necesidade da súa propia desaparición física, para dar lugar a outras. Neste senso estamos ante un debate de madurez na Troita Armada, asumindo as nosas limitacións e aceptando que algún día teremos que desaparecer, e que lonxe de ser unha traxedia compre valorar os anos da nosa existencia que terán deixado unha pegada importante social e individualmente, sendo un referente en moitos aspectos.

C. A ESTRATEXIA A CURTO PRAZO

Tanto vaiamos cara un espazo, como cara outro, hai unanimidade en que, de ter que morrer, non será sen loita, e nese senso, tendo en conta que o problema da Troita reside na participación e non hai solución inmediata dentro de nós mesmos, non nos queda outra que intentar que entre xente con novos folgos e tempo.

A asemblea valora que a rebaixa das cotas pode ser un elemento de enganche de nova xente, e por outra parte é o único elemento no que podemos incidir pois o local, as actividades e a comunicación son dificilmente superábeis.
Acordase, con 16 votos a favor e 4 abstención a rebaixa das cotas que pasarán a ser as seguintes:
• Cota ordinaria, opción A: 10€ (cada persoa decide en función da súa dispoñibilidade)
• Cota ordinaria, opción B: 5€ (cada persoa decide en función da súa dispoñibilidade)
• Cota ex-socias,socias no exterior e ofertas: 3€

A citada rebaixa faise empregando o superávit económico, que neste intre ten a asociación, que as costeará por un período de 2 anos. Unha vez superado este tempo o mantemento do local será insostíbel con esas cotas, a non ser que se asocien 20 persoas novas, cunha cota de 5€, e non se dea de baixa ningunha.

D. A MEDIO PRAZO

Non cabe dúbida que haberá que volcarse na preparación da grande festa do 25 aniversario da Troita Armada, en 2019, esteamos no escenario en que esteamos: despedida ou continuidade.

Compostela, 21 de xaneiro de 2017