Difuntazas históricas

Sabemos que non estamos sós, arredor nosa somos moitos máis dos que podemos ver. Sabemos que están aí, sentímolos e notamos a súa forza. Os de acá e os que xa van alá xuntámonos unha vez ao ano para expresar que as nosas ansias van moito más alá do local para chegar ao eterno. O salto do espazo/tempo prodúcese guiado por unha figura feminina que unha vez máis xunta as forzas de bos e xenerosos, máis alá do corpóreo, cara á transcendencia. A procesión de irmandade, viño a viño,  alumea a súa razón cada vez máis clara, paseniño, paseniño e con crecente afouteza.  A escritura automática déixanos constancia do que foi o ano, en forma de “manifestos”  que se converterán en autenticas actas para o grande xuízo dos xustos . 

 

DIFUNTAZA 2013

AUSTERICIDIO

Este ano a santa irmandade rompeu a tradición de atoparse polo franco profundo. Un ano no que a maioría dos de acá teimaron en adiantar o momento en que moit@s del@s darían ” o gran salto”. Unha denominación puxose de moda para esta actitude xeral: “austericidio”.  As decisións xerais de recortes e beneficios en todos os ambitos están levando máis xente ao lado de alá da que debería ser, e todo isto co apoio non só dos que toman as decisións senón da maioría dunha sociedade que, por activa ou pasiva, outorgalle o papel de tomar esas decisións con autonomía absoluta.

A difuntaza sentiuse confundida con este empeño maioritario en adiantar os tempos e buscou unha fonte de luz máis poderosa da habitual. Atopámola noutra grande convocatoria de irmandade, preto do espazo habitual;

O encontro intemporal alumeouse coa grande lamarada desta ilustre convocatoria

 

DIFUNTAZA 2012

NEGRA SOMBRA

Está de moda morrer. Xente sen casa, sen traballo, sen esperanza, sen vida case.  Saudade do que puido ser, morriña do que foi, mortes en vida.  Cativa fronteira entre estados, non eses estados que desaparecen diante dos ollos da xente, eses Estados con maiúsculas como casa protectora do ben común, eses simplemente morren.  Os estados que nos quedan, os vitais, que separan os de aquí dos de alá teñen a fronteira gaseosa.  Neste país prodigáronse as “viúvas de vivos”, que choraban igual as ausencias.  O Estado “civil” da xente que renuncia a ser cidadán tamén conduce a viuvez.  A fronteira de estados dilúese e só queda unha negra sombra.

“Ao pe dos meus cabezales, tornas facéndome mofa”.

A man oculta quere facer caixa e a negra sombra ocupa cada vez máis. Mentres tanto non somos quen de atopar o facho que nos guíe.

Mais sempre houbo tamén, outras sombras:
ay!, la que yo tanto amaba,
que aunque no estás a mi lado
y aunque tu voz no me llama,
tu sombra sí, sí… tu sombra,
¡tu sombra siempre me aguarda!

As nosas sombras amigábeis, que todos o anos xuntan connosco nesta procesión de irmandade de xente libre, cidadáns dos mundos en búsqueda permanente do benestar común.  Esas son as que queremos e coas que nos gusta estar.  Esperemos que outro ano estas sombras amistosas nos axuden a desterrar as negras sombras de hoxe, e iluminen a nosa visión.

Compostela. Santos, 2012.

 

DIFUNTAZA 2011

O ESPELLO

Vivimos tempos de incertezas. Pululan ao noso redor seres de difícil clasificación ontolóxica. Non posúen un estado físico corpóreo e o seu estado natural é intanxíbel e invisíbel. Con grande atención e adestramento somos capaces de intuír as súas sombras e pouco mais. Non participan dos comportamentos habituais dos seres humanos aínda que habitan entre nós, e comparten un instinto de supervivencia, desmesurado e patolóxico no seu caso. Non precisan estar en perigo para acabar con todo dando zarpazos mortais. A súa tendencia natural é acaparar e acumulalo todo, cambiando constantemente dos solos que deixan esgotados. Trátase de seres de existencia misteriosa, incluso incerta, pero moitas veces temos a sensación de que o noso futuro está totalmente escrito por eles.

Para satisfacer as súas tendencias insaciábeis válense de humanos abduzidos. A estes si os podemos distinguir a pouco que nos fixemos. Actúan baixo o manto do ben común pero en realidade a súa misión é satisfacer os apetitos que os manexan na sombra. Son seres humanos, pero o seu comportamento carece de ética algunha, son insensíbeis e fáltalles compaixón ou empatía coa xente común. Non existen máis que para satisfacer á man oculta que os goberna.

Pronto poderemos ver imaxes de moitos deles colgados polas paredes ou dando entrevistas. Aínda que moitos outros deixaranse ver menos, pois son refractarios ás imaxes e poucas veces aguantan a súa visión no espello. Achegámonos a un tempo de excitación e paroxismo no seu comportamento. Un aquelarre de zombis, que terá o seu apoxeo na data do “ zombi de todos os zombis”, que remexe no burato por que os bos e xenerosos que deitou nas cunetas e montes estanse empezando a erguer.

Vivimos a Difuntaza máis desacougante de todos os tempos. A universal confusión existencial. O mundo dos que estamos aquí e dos que xa imos alá, confúndense cun estado emerxente: o dos que non se sabe onde están. Un novo estado nin de vivos nin de mortos, son “vivales” dos que se hai que protexer pois teñen unha sombra tráxica.

Esperemos que a procesión de irmandade da nosa Difuntaza recupere o sentidiño para poder entendelo todo e agora que, por fin coas nosas cuncas, estamos a piques de superar a velocidade da luz, acheguemos un pouco de claridade ás nosas mentes.

Compostela. Santos, 2011.

 

DIFUNTAZA 2010

CABREAD@S

 Ya no te espero, porque de esperarte, hay odio (S. Rodriguez)

Andamos cabread@s.

Galegos e galegas cabread@s espallados de novo polo mundo. Cabread@s si nos falan en Galego e cabread@s porque non entendemos o Inglés. Encabronad@s se facemos folga e se non a facemos tamén. Cabread@s se hai inflación e se hai deflación tamén, e cabread@s porque seguimos sen saber exactamente porque pasa ningunha desas dúas cousas e cando son boas ou malas. E o peor, é que non sabemos por que estamos así.

Andamos como sen gañas, sen forzas. Deixámonos esvarar pola costa da historia mirando con desdén a propios e a estraños. ¿Qué tal a Crise? Buueeno! E os liberais do económico, os tabeiróns, chacais e demais feras, afían o gume da gadaña preparados para unha nova seitura. Esta vez van polas pensións. Buueeno!

E este ano de penalidades, para acabar de fodela, o noso estado declarado laico, ignorando as crenzas da maioría da poboación, decide recibir ao líder dunha secta relixiosa coma se el fose un xefe de estado e coma se nos fosemos ricos, tirando polo caño abaixo uns centos de miles de euros de eses que non fan falla para nada productivo. Porque aquí, no fondo, a maioría non é católica. Aquí non cremos en ceos e infernos e non tragamos con iso de que a virxe era virxe. Que nos van contar estes da sotana?. Crense con dereitos porque levamos dous mil anos aturándolles que nos toquen o cu de nen@s e a carteira de maiores. Pero váiselles acabar o conto! .

Di Quico Cadaval que as nosas crenzas sobre a morte son as mais deprimentes. Non hai esperanza. Cando morres, o teu espírito sigue vivindo con todos os teus veciños e os teus ascendentes e descendentes nun eterno continuo. Iso si, formando a santa compaña parroquial. E eso se tes sorte e non che quedou nada sen facer. Que como deixaras algo pendente pásaste media eternidade intentando convencer a un vivo para que che cumpra o capricho.

Pero nos, un ano mais, plantámonos. E ademais, regámonos. Esto da depresión e a desesperanza non vai con nos. E por iso estamos nós aquí. Cos Nosos.

Bebamos das nosas cuncas. Sintamos a forza dos Nosos. Que esta difun-taza ilumine un ano mais os nosos pasos e os nosos cerebros.. ou o que quede deles

Compostela, Santos de 2010

 

DIFUNTAZA 2009

NON VALEMOS

@s galeg@s non valemos

Non somos quen de manter cooperativas, nin caixas de aforros, nin I mais De, nin conserveiras, nin estaleiros! Non temos ghuevos pra enfrontármonos ao mundo! Non sabemos pescar, nin muxir leite! Non sabemos facer queixos, nin iogures! Xamais teremos un premio novel. Non temos vento nin sabemos como aproveitalo! Non sabemos facer coches! Non sabemos manter o monte! Non sabemos facer casas! Nin estradas!

Non sabemos!, Non !

Menos mal que o presidente Núñez sabía todo isto dende fai moitos anos. Xa cando el estudiaba nos maristas de León sabía todo isto! E menos mal que gañou as eleccións! Salvounos!!

Xa de pequeno aprendeu que todo o que soe a galego ESTORBA! Moléstalle que Galiza produza o 40 % do leite da Hespaña. Moléstalle que Galiza sexa a cuarta potencia mundial en enerxía eólica. Moléstalle que o dono de Inditex sexa Galego. Moléstalle que Gadis nos incite a Vivir Como Galegos! Moléstalle o Galego!! Tanto que só é capaz de pronunciar o seu nome nunha lingua que non é a súa!! Non o da feito en Galego: FeiXoo, FeiXooo FeiXoooo FeiXooooo!!!

Os Nosos revoltanse nas súas tumbas. Os que sabemos onde están e os que seguimos sen saber onde ostias os botaron por culpa dos que non queren recuperar a memoria.

E por iso estamos nós aquí. Cos Nosos. Pra dicir ben alto que Galiza será o que os galegos queiramos que sexa. Que somos quen de facer todo o que Núñez non cree e moito mais. Que co Galego podemos ir a onde queiramos.

Bebamos das nosas cuncas. Sintamos a forza dos Nosos. Que a difuntaza ilumine un ano mais os nosos pasos e os nosos cerebros.. ou o que quede deles.
Compostela, santos de 2009

 

DIFUNTAZA 2008

COUSAS VEREDES!

Outono. Tempo de temporais. Tempo de frío. Ou non. Tempo de follas marróns. Ou non. Tempo de días curtos e noites longas. Tempo de buratos. Tempos de aparicións e desaparicións.

Tempo de difuntaza. A derradeira. Ou non.

Aparición. Apareceu a resposta a unha das nosas preguntas eternas. Onde imos? Agora xa sabemos que toda a humanidade vai ser engulida polo burato negro do LHC e o seu exercito de Hadrons. Unha preocupación menos.

Desaparición. Desaparecen billóns de euros, dólares, iens… A riqueza creada hora a hora por unha boa parte dos currelas de occidente foise por outro buraco negro.

Aparición. Listos, agoireiros, expertos de toda caste, salvadores de sistemas á deriva, xorden de calquera burato para explicarnos o que xa sabemos.

Desaparición: Desaparece o capitalismo…Non caerá esa breva. O sistema resístese a desaparecer e os G20 principais monicreques do planeta queren xuntarse a discutir como manter en pe o castelo cos últimos naipes que lles deixaron os que os reparten.

Aparición: centos de osos dos Nosos parece que poderán por fin aparecer e saír das covas onde a infamia os enterrou. Saír das covas e vir tomar unhas cuncas en paz con nós. Cos seus. Esta aparición, como as outras, non é casualidade. Foron eles, as xentes da Memoria así con maiúscula quen parece que vai permitir, desta volta si, este reencontro.

Pero na Troita Armada sabemos dende hai anos que eles, os Nosos, xa estaban con nós.
Sabemos que, cando os invocamos, Eles sempre veñen.

Bebamos das nosas cuncas. Sintamos a forza dos Nosos. Que a difuntaza ilumine un ano mais os nosos pasos e os nosos cerebros.. ou o que quede deles

Compostela, Santos de 2008

 

DIFUNTAZA 2007

MEMORIA

s.f. 1. Facultade que permite reter na mente e facer presentes, mentalmente, cousas pasadas.
2. Recordo colectivo que queda de algo ou de alguén.

Sempre os levamos connosco. Os de Compostela e comarca veñen fixo, os do resto de Galiza algunhas veces anímanse por ver que se coce por aquí, incluso en ocasións tivemos acompañantes doutras partes do Estado e do mundo enteiro: Andalucía, Cataluña, Madrid, Iraq, Chile, As Rochosas… , que viñan animados pola sona do evento. As mortes violentas é o que teñen, as animas non están preparadas para deixar este mundo. Leva o seu tempo asimilar a sen razón do asasinato de 8.000 persoas no prazo de tres anos, só no territorio galego, milleiros máis en todo o estado.

As cunetas enchéronse de defuntos: diputad@s, mestres, alcaldes, concelleir@s, funcionari@s, comerciantes, doutor@s, sindicalistas… A estrada convertida nunha sorte de panteón de galegos ilustres: Anxel Casal, Bóveda, os homiños de Boimorto, Díaz Baliño…

Pero coidado por se perturbamos a apacibilidade das familias que viviron estes feitos con total tranquilidade. ¿Que familias? Non serán, por suposto, as das vitimas nin tampouco as familias que ao principio acudiron a socorrer aos fillos, ás viúvas, aos pais e nais dos asasinados e asasinadas. Ata que se prohibiron incluso estas axudas. E ficou o terror, o medo, o silencio. Eso si, sempre os mesmos en ter coidado de non ferir sensibilidades. A Igrexa católica vai e beatifica con toda a parafernalia aos que considera vitimas… E os demais que, ¿qué igrexa e ista na que non tod@s somos irmáns?.

A Difuntaza desprega a bandeira máis ambiciosa e converte, un ano máis, en grande irmandade a xuntanza de homes e mulleres libres que, dende múltiples dimensións, expresan a pluralidade sen fronteiras do xénero humano. Que non nos amargue a manía de outros seres, instalados permanentemente no hiperespazo e convertidos en “zoombies viventes”, de envolverse en cores de trapo para negar a liberdade dos outros e converter o mundo en currunchos de xenreira e desmemoria.

Convoquemos, unha vez máis, ás ánimas de vivos e mortos á súa cita anual. A nosa misión, coma sempre, conxurar os malos espíritos durante a procesión polas rúas do Franco libre, o Franco de Compostela.

Bebamos, pero nesta ocasión, para non esquecer.

Compostela, Santos 2007.

 

DIFUNTAZA 2006

O TRENECITO

Se estamos saboreando o viño novo no cáliz da difuntaza é que somos dos de este lado. A teoría do lado foi sempre unha cuestión de vida ou morte, lado nacional ou lado nacionalista, lado norte ou sur, leste ou oeste. Nós estamos sempre no lado noroeste e iso significa unha cultura cauboi, cultura de cabalo, cultura alucinóxena. Deitada na terra e coa cabeza enterrada no mar, mirando con ollos pechados o devenir do tráfico na ría, de cómo as gañas de enterrarnos nos fan queimarnos ó bonzo, incinerados vivos porque non aguantamos máis a simple vida do benestar.

As paixóns viven das situacións extremas, no borde do abismo, coma se tiveramos un pé na última pedra da Capelada. O vento nos mantén no aire impedindo escoitar as voces da terra, para introducir na trompa de Eus Taquio as ondas sonoras de todo o que queda mais para alá (viva ou morra hoxe de novo Santiago o matamouros).

As figuras deformes dos fillos dunha chea de tribos, apartadas cara ás terras onde se perde a memoria, fan o trenecito coma unha serpe invertebrada polas rúas húmidas, á procura de manter un equilibrio entre os ciclóns tropicais debilitados no exterior e as pías cheas de caldos aromáticos que se enterran no noso interior sagrado. Así comunicámonos cos que migraron á conquista do que non se ve.

Vemos fotos que nos din “pasou por aquí” pero no brillo apagado dos seus ollos vemos que non, que se queimaron piñeiros, castiñeiros ou carballos, en fin, fragas mestizas de distintas cores, e non o cremos. Sigue en pé, ten unha cor reseca, pero está morto. Os seus fluídos son areosos, cinza, borralla.

O desexado benestar ven turbar un modo de vida duro, ao que estabamos afeitos. Novas palabras se transmiten coma se fose posible crear un país novo onde antes había outro. Os do trenecito sabemos do paso dun lado a outro, pasamos o muro, miramos e cun sinal nos sigue unha ducia, agora estamos dentro ata o pescozo, alucinamos sen provocalo, contamos as cousas incribles que vemos e non cremos. ¿En que lado estamos? Os do outro lado visten os mesmos uniformes, están desaparecidos ou cruzaron xa varias veces mesturando as roupas. Na Difuntaza dámoslle a man aos que están no outro lado, nos intercambiamos papeis e voltamos cun vago recordo, sabemos que hai outros lados por que nós tamén estivemos.

¡¡Volvamos a cruzar o muro, enterrémonos no mar e incinerémonos para mudar a pel de novo e vexámonos neste ou noutro lado!!

Compostela, Santos de 2006

 

DIFUNTAZA 2005

FENÓMENOS ESTRAÑOS

O positivismo científico, verdadeiro pensamento único do noso tempo, preséntanos a vida e a morte como unha cuestión binaria, dúas opcións alternativas e excluíntes.

Por outra banda, a tradición galega está chea de historias, contos, lendas e sucedidos onde hai unha fluída comunicación entre o mundo e o trasmundo, e onde defuntos, aparecidos e catalépticos interactúan cos vivos coma se fose o máis normal do mundo. Será todo inventado?
Os positivistas miran de esguello e rosman: “Supersticións!”
Quen leva razón?

Nas vilas mariñeiras teñen unha categoría máis, distinta ou se cadra intermedia entre a vida e a morte. Alí din: están os vivos, os mortos e os que andan no mar.
Os positivistas calan.

Entre as filas do positivismo, temos un caso único: Erwin Schrödinger, físico nuclear que fixo unha contribución fundamental á mecánica cuántica. E ademais austríaco: un home serio. Pois o nacho tivo un gato que estaba vivo e morto ao mesmo tempo. Expulsárono os positivistas do seu paraíso de certezas? Pois non. Levou un premio Novel, con gato e todo.
Algo hai.

Por se non chegase a nosa tradición oral, hai uns meses fomos testemuñas de feitos arrepiantes: despois do 19 de xuño a concentración de polen na atmosfera, causada polo agromar da primavera galega, provocou alerxias terminais nos altos cargos, de director xeral para arriba, dos distintos departamentos da Xunta. Non se decataron do seu pasamento e seguiron erguéndose pola mañá e indo ao traballo coma se tal, vagando sen rumbo polos corredores de San Caetano, “coma ánimas en pena”, dicían os que os viron. Claro.

O mesmo corpo de goberno foi posuído por un espírito en funcións que o arrastraba sen remedio ata o lugar onde se reunía o Consello da Xunta: alí os conselleiros, botando escuma pola boca mentres levitaban e xiraban a cabeza trescentos sesenta graos ou máis, dixeron cousas terribles, había que oílos: “Veñan douscentos millóns para a Cidade da Cultura”, “Imos blindar os postos dos nosos”, “Mira o que fai a porca da túa filla”, e semellantes.
A ciencia non puido, ata agora, explicar estes acontecementos. Nin poderá, por sorte.

Pero xa foi, xa pasou; pasou o tempo e chegou a Difuntaza, que fai que todos os planos de existencia conflúan e que os de aquí, os de alá e os que andan polo medio; vivos, defuntos, intermedios e non adscritos, vivamos e bebamos á saúde nosa, dos nosos, dos deles… e dos que andan no mar.

Compostela, santos 2005

 

DIFUNTAZA 2004

ATRAPASOÑOS

“Mira a telaraña é un circulo perfecto, pero no centro hai un burato, úsaa para axudarte a ti mesmo e á túa xente, para acadar as túas metas e facer bo uso das ideas da xente, os seus soños e visións. Se cres no Grande Espírito, a telaraña atrapará as túas boas ideas e as malas iranse polo burato”.

Esta foi a visión dun ancián Lakota, e a súa tribo Síux usou o “atrapasoños” como a rede da súa vida. Din que o colgaban enriba das camas e nas casas para atrapar soños e visións.

O soño da nación Síux vivía na cabeza da súa xente, e durou mentres a conservaron. Tamén hai cabezas que non teñen soños para unha nación. Incluso grandes cabezas nas que dín que colle un Estado. Por esto será, que non queda nelas un recuncho para procesar a mirada dun pai co fillo morto en brazos en Bagdad, ou a daquela colexiala palestina que non sabía cal ía ser o seu derradeiro día de escola.

Tashunka Witko pensaba que “un non vende a terra pola que camiña o seu pobo”. Este líder americano tivera o soño dun cabalo salvaxe bailando ante os seus ollos, e quedoulle “Cabalo Tolo”. Mais do burato da rede saíron as sombras que lle roubaron o soño a punta de baioneta nunha cela en For Robinson. E roubaron tamén ao seu pobo, aniquilado por invasores, en sanguentas emboscadas.

Tamén hai quen pensa que a terra do seu pobo non é máis que un pícnic onde se reparten pratos e favores. Non terán cabeza, ou corazón, pero si unhas grandes mans coas que atrapan ao Estado, e pelexan por el coma por cachos de calquera cousa en descomposición. A súa bandeira é a soidade da decadencia, e con ela amortaxan ao pobo. Polo burato da rede saen estas sombras que sempre acaban cos soños das nacións.

O xeneral Miles mandou rematar con Tatanka Yotanka, para acabar coa autoridade moral deste líder entre a súa xente. Pasou á historia como “Toro Sentado” e no seu atrapasoños atopouse a seguinte reflexión: “Doume conta que a miña nación ganou mala fama e eu quero que o seu nome esté limpo. Así o solía ver. As veces, cando me sento a meditar en paz, preguntome quén lle deu este mal nome”.

¿Qué pasou co “atraposoños” que funciona contra a súa xente?. Polo seu burato treparon as sombras que fixeron a “Nova América”, a “Nova Galicia” e berran por facer a “Nova Europa” e o “Novo mundo”. Dos atrapasoños que as nacións tiñan na súa cama saíron as sombras destas cabezas de Estado que a lume impoñen as súas “razóns”.

O amigo Daniel nacerá en Rianxo e, contra a súa vontade, tivo que morrer en Bos Aires, lonxe da terra. Non podía vivir nela porque pensaba que “falar galego non é unha necesidade que se sinta no bandullo”. E a súa terra converteuse en patria de bandullos mantidos por un Estado de enorme cabeza, sen corazón. A súa sombra, “alba de gloria”, nunca abandonou a terra, pero o seu corpo volveu xa morto.

E outro ano máis xuntámonos coas nosas sombras multicolores, verdes, vermellas, brancas, que dende Bagdad, as praderías norteamericanas, Rianxo, Chechenia, Chile cantan “o dereito de vivir en paz”.

Outro ano máis estamos xuntos os que dende aquí, e máis de alá, vimos por calquera camiño. Estas son as Nacións Unidas que quedaron no “atrapasoños” da Difuntaza, e polo seu burato marcharán, “mais cedo que tarde”, as negras sombras aniquiladoras de ilusións.

Compostela, santos 2004

 

DIFUNTAZA 2003

NEGRAS SOMBRAS

O Vázquez dixo ao Mariño
Polo burato da porta
Ti goberna a túa vila
Que a miña nada che importa (Cantiga PoPular)

Perplexidade. A perplexidade como actitude. É seguramente a actitude vital que mais nos compre nestes tempos de negras sombras.

Sombras de Presidentes moribundos que farfallan mensaxes inintelixibles vomitando o seu desprezo por vivos e mortos dende tribunas de parlamentos ou pendurando medallas de peitos indignos.
Escuras sombras de ministros, conselleiros, reis, que viñeron pisotear o que quedou do noso mar tintado pola súa incompetencia e desidia
Negras sombras dos medios de propaganda do poder disfrazados de xornalistas, insospeitados novos profetas do NON, que nos convenceron de que NON hai guerra en Iraq, que NON hai petróleo nas praias, que NON hai incendios nos montes, que NON hai alternativa a esta inanición.
Sombras negras de candidatos designados polo dedo divino, que resignadamente aceptan os modos democráticos dos demais, incapaces de aplicalos na propia cabeza, que teñen substituído a intelixencia pola mediocridade
Pétreas sombras de alcaldes todopoderosos, estrelas hieráticas nas portadas do Faro de Vigo, gobernantes a golpe de silbato, pobres imbéciles víctimas da súa propia garabata

¿Cómo fixeron estes para converterse en sombras e desprazar as nosas ?

Hoxe, día da difuntaza, debemos conxurarnos. Fagamos un esforzo supremo para mandar a esas sombras ao burato do que nunca deberon saír. Que reaparezan as nosas propias sombras multicolores, as nosas e as d@s nos@s, as d@s que estamos e as d@s que xa non están. Esas sombras que como a de Manuel Montalban hoxe veñen a beber con nos.

Bebamos das nosas cuncas. Sintamos a forza dos Nosos. Que a difuntaza ilumine un ano mais os nosos pasos e os nosos cerebros.. ou o que quede deles
Compostela, Santos de 2003

 

DIFUNTAZA 2002

TRAEDE AOS VOSOS MORTOS !!

Na metade do século XIV, este lugubre berro barreu Europa enteira. A peste negra facía desaparecer do continente a caseque un tercio da povoación sen distinguir a ricos de pobres. Os carros tirados por mulas percorrian cidades e vilas recollendo os mortos das casas infectadas, e este primitivo sistema de funeraria anunciaba a sua terrible misión ao berro de “Traede os vosos mortos”.

Mais de 500 anos despois, na Galiza das maravillas, o “dialogo” acabou oficialmente con outra peste que disque nos asolaba dende hai doce anos. Pero nós, con peste ou sen ela, seguimos berrando no día da Difuntaza: “Traede os vosos mortos”. Hoxe, un ano máis, convocamos aos de alá e aos de acolá para conformar esta Santa Compaña. A percorrer os mesmos lugares percorridos durante centos de anos polos Nosos, escoitando os seus pasos e as súas voces prendidas nas pedras das rúas e as barras dos bares.

Pero que o recordo non empañe o noso entendimento.

Non confundades a nosa ben intencionada Compaña coa dos demasiado vivos, esa que perecorre as terras de Ourense ao berro de Traede os vosos vivos!!!!, curmans, fill@s, espos@s, que eu lles buscarei un traballiño nesta compaña ao abeiro dos presupostos xerais do estado!!.

Non confundades a nosa alegre Compaña coa que percorre as rúas do sufrido Madrid envolta en inmensas bandeiras. Bandeiras convertidas en sudarios de xente morta inutilmente. Lugubre compaña berrando Traede os vosos mortos!!! que eu os convertirei en votos!!.

Non confundades a nosa honesta Compaña coa que pelegrina polas capitais do mundo rico rodeados de policias, eses que se autodenominan lideres do mundo. Sinistra compaña que berra Traedenos TODO!!! Os vosos mortos e as vosas vidas, que nos as convertiremos en diñeiro

Bebamos das nosas cuncas. Sintamos a forza dos Nosos. Que a difuntaza ilumine un ano mais os nosos pasos e os nosos cerebros.. ou o que quede deles

Compostela, Santos de 2002

 

DIFUNTAZA 2001

OS OUTROS

Xa están aquíííííííííííííííí………

Outro ano máis xa están aquí connosco, eles, “os outros”.
¿Os outros somos nós?. ¿Quén é aquí cada quén?.

Vímolo hai pouco: “os outros” tamén votan. Ducias de miles deles están alí, no censo, e algúns se absteñen, e outros votan. Igual que os outros “outros”, que tamén algúns votan e tamén algúns se absteñen.

– O goberno,
– ¿qué goberno?,
– Dí que os quere quitar do medio.
– ¿A quén?.
– Aos “outros”.
– ¿Qué “outros”?.
– Aos que dín que non son eles, ou que non somos nós.

Pero…¿quén son entón os outros “outros”?. Recentemente houbo unha campaña, e un candidato nun cartel parecíase un pouco á transfiguración dalgún dos candidatos da rúa (como as caras de Belme). ¿Quén era o candidato real e quén era “o outro”?. Finalmente gañou, pero…¿quén gañou, un ou “outro”?.

Un ano máis están aquí connosco; os outros tamén falan, tamén votan e…¿porqué non? tamén poden gobernar.
Eis a Galiza real: a Galiza máxica.

Só podemos entendela cambiando a dimensión. Porque, ademais, “os outros” tamén son plurais, tampouco son todos e todas iguais. Pero…¿iguais a quén?, ¿distintos de quén?, ¿”os outros”…¿seremos nós?. “Os outros” somos todos… e A Difuntaza iluminaranos, un ano máis, para entendelo todo mellor.

Compostela . Santos de 2001

 

DIFUNTAZA 2000

PARTEU !

Xa o dixo o mestre Xurxo Souto: Parteu!!. Nunca tal se vira. Un presidente de governo no exercicio das suas funcións facendo chamamentos para a desobediencia civil. Desobedecer a quén? A él mesmo? A algún dos seus governos amigos? Ou a un governo non amigo?

Pois nós, que nunca agardaramos para desobedecer a que un bigotes calquera dea o sinal de partida, un ano mais DESOBEDECEMOS.

Desobedecemos aos que nos queren “globalizar”, e opoñemos a nosa fame de sabiduría a súa fartura de ignorancia: non renunciamos a aprender de todas as gastronomías do mundo, pero non pasaremos polo séu “hamburguesas para tod@s”.

Desobedecemos aos que nos queren posmodernizar, e escapamos dos bares/pasarela reivindicando un ano mais o Franco profundo, a tasca tradicional

Desobedecemos aos que nos queren uniformizar, e reivindicamos a taza, a cunca como medio lexitimo de adormecer os nosos sentidos e avivar a nosa razón. Viva a taza!! Morran as copas de vidro!! Retomemos o pracer de libar, fronte aos que impoñen a rutina do beber.

Revolvense nas suas tumbas de mortos os que xa non poden votar, e revolvemonos nas nosas tumbas de vivos os que dende aquí vos convocamos a todas as almas, as de acá e ás de alá, a participar desta difuntaza, a desobedecer por última pero non por derradeira vez aos que queren gravar en video as nosas vidas coas suas cámaras bendecidas e agachadas por toda Compostela a vella. Eis aquí a nosa venganza: gravaredes aos vivos, pero as vosas cámaras, cegas coma vos, non veran á compaña de mortos que con nós celebran cada ano a DIFUNTAZA.

Compostela. Santos do 2000

 

DIFUNTAZA 1999

O SISTEMA

Como todos os anos A Difuntaza volve para xuntar as forzas dos que todavía estamos acá, coas dos que xa van alá.

Ese falso abismo que “O Sistema” pretende establecer entre eles e nós, sabemos que é mentira,¡Temos a certeza de estar xuntos porque a finalidade da nosa loita é a mesma!, aínda que sexan distintas as dimensións dende as que actuemos. Porque, pesie a todo, o espazo e o tempo son os mesmos, e os obxectivos…¡tamén!. Como dicía un deles cando aínda estaba coma nós: espazo e tempo son relativos e demostrarase coa velocidade da luz.

E esa Luz é, ¡precisamente!, a que nos trae de alá A Difuntaza, ¡para rematar con este “Sistema” que nos quere separar!. Como se a existencia de cada ún fora un absoluto, separada do resto do/os mundo/os e desconectada do/os tempo/os.

O mesmo “Sistema” que clembuteriza as nosas comidas, que as hormoniza, hamburguesiza, homoxeiniza, plastifica…¡E que volve tolas as nosa vacas!.

As nosas vacas…como lembra un deles, no seu clarividente SEMPRE en Galiza, o noso irmán Daniel: …”O albre xenealóxico dunha vaca de leite é máis util que o albre xenealóxico d-un aristocrata… o que non lle dá de comer a unha vaca non ten dereito a muxila…e ¡o día que seipamos o que val unha vaca Galiza quedará redimida”. Eis outra loita común: ¡Deixade en paz ás nosas vacas. Non as toleedes!.

Por todo isto, e por moito máis, porque eles e nós non somos distintos, e porque somos quén de conquistarmos a Nova Orde Social-Gastronómica de todos os tempos xuntemonos outro ano máis coa Difuntaza; relativicemos o tempo, conquistemos o espacio e ¡deixémonos alumbrar coa súa luz que nos guía!.
Compostela, Santos 1999.

 

DIFUNTAZA 1998

A DIFUNTAZA

No cemiterio de Malpica din que reza unha inscrición: “aquí están os meus ósos esperando polos vosos”.

¡E A Troita Armada asume o reto!. Sabemos que aínda despois de mortos teremos moito que dicir. Éxito a éxito a nosa acción abarca o máis alá e non nos asusta. E sabemos que tamén alá fálase de nós.

A Troita armou á sociedade civil e non esquece aos que están máis preto dela, ao noso arredor podémolos sentir aínda que non os poidamos ver. Debemos compartir as nosas vellas armas, o garfo e o coitelo, para acadar tamén unha Santa Compaña Armada. Avanzamos no camiño da liberación social-gastronómica mundial e queremos que sexa eterna: ¡ Xa non pasamos por menos!.

Fagamos un desagravio polos nosos mortos e xuntemos a nosa loita. Agora sabemos que cada vez estamos máis preto da victoria, e os nosos ollos iluminanse coa visión daquela liberdade ilustrada guiando ao pobo. Imaxe renovada na Galiza nunha nova figura fiminina: ¡A Difuntaza!. Ela unifica a todo o noso pobo, de aquí e máis de alá, porque…poderemos estar mortos pero ¡nunca conseguiran enterrarnos!.

Compostela, santos do 98.