Gastronomía e teito do petróleo

Unha colaboración de Benxamín Barreira

Intro

Todas as actividades humanas requiren enerxía para a súa realización. Algunhas teñen uns requirimentos tan baixos que semellan ser enerxeticamente gratuítas, e outras son tan intensivas no seu consumo enerxético que a relación resulta máis que evidente. Por tanto, a dispoñibilidade enerxética é un dos factores fundamentais que define se unha actividade é posible ou non. Os combustibles fósiles supoñen a día de hoxe arredor dun 80% do consumo enerxético mundial -no ano 2011, 31,5% petróleo, 28,8% carbón e 21,3% gas- utilizándose maioritariamente o carbón e o gas para xerar enerxía eléctrica e quentarnos, e o petróleo para transporte e uso de maquinaria. Á vista de estas elevadas porcentaxes, é evidente que o esgotamento das fontes de enerxía fósil vai ter un impacto determinante nas actividades humanas, se son posibles ou non, con que intensidade e de que maneira se poden realizar, se serán para todos ou só para uns poucos… este é un dos retos que afronta a nosa sociedade industrializada para os vindeiros anos.

A gastronomía, un dos motores da nosa asociación, non escapa desta realidade. Neste texto preténdese analizar, de forma non exhaustiva, os retos que agardan ás actividades relacionadas coa gastronomía ante o devalar enerxético que encara a nosa sociedade.

A idade de ouro da gastronomía

¿Vivimos nunha época dourada da gastronomía? Se botamos a mirada vinte e cinco anos atrás, lembraremos que a oferta hostaleira en Compostela, por exemplo, era moito menos variada do que é agora. Había moitos establecementos onde comer, naturalmente, e moitos lugares onde se ofrecía cociña caseira ou tradicional (quizás máis que hoxe). Pero se era posible comer barato, e incluso barato e ben, comer ben, barato e distinto era moito máis complicado. No entanto, hoxe existen un gran número de restaurantes que ofrecen un menú do día a prezos moi razoables con pratos que no pasado so atoparíamos en restaurantes dos caros, preparacións de cociña actual e incluso cociñas de lugares exóticos.

E non é so a oferta hostaleira. Comer ben sempre gustou a todo o mundo, pero agora cociñar ben tamén está de moda, mesmo no día a día da casa. Existen multitude de vías para aprender, moitísimos recursos a disposición de quen precise información, e incluso programas de entretemento televisivos en prime time onde os participantes teñen que demostrar o seu saber culinario.

Podemos buscar a orixe desta situación arredor de tres factores:

1.- A proliferación das escolas de hostalaría: a cantidade de profesionais formados que teñen saído dos moitos centros de formación existentes (pódese atopar na rede un listado onde suman, entre públicas e privadas, 272 escolas de hostalaría en todo o estado, 13 en Galicia) á forza teñen que supoñer unha mellora na oferta, en calidade e prezo.

2.- A democratización do coñecemento: xa non é que haxa programas de cociña na TV: agora hai canais enteiros que adican toda a súa programación á cociña. Ademais de infinidade de páxinas web e milleiros de videotutoriais explicando receitas, feitos tanto por afeccionados entusiastas como por cociñeiros consagrados. Antes só tiñamos os libros e as nosas nais e avoas (ou pais e avós, nalgúns casos). Agora as fontes das que aprender son moitísimas máis.

3.- A dispoñibilidade de ingredientes variados (e mesmo exóticos) en calquera época do ano: no pasado, se querías preparar unha receita pouco habitual sacada dun libro de cociña, non era raro atopar un ou mais ingredientes que era necesario substituír (ou ignorar) porque eran imposibles de atopar (¿ñoras? ¿que é iso?); non digamos se querías preparar un prato da cociña chinesa ou xaponesa, por exemplo. Hoxe en día unha das consecuencias do modelo agroindustrial e do comercio global é que se pode atopar de todo, case en calquera sitio e en calquera época do ano. Laranxas no verán, fresas en xaneiro, produtos de calquera parte do mundo… (A nosa conveniencia e comodidade, ten, naturalmente, un prezo que vai moito máis alá do que figura na etiqueta).

Así que hoxe desfrutamos dunha situación que nos permite preparar e/ou degustar infinidade de alimentos, procedentes de moitos lugares e dispoñibles durante todo o ano, preparados de formas variadas, con estilos culinarios propios e tamén procedentes de terras e culturas alleas. ¿Pode este estado de cousas manterse tras o teito do petróleo? ¿como influirá o devalar enerxético na nosa alimentación?

De palla, de pizarra… por teito de petróleo non me sae nada.

É de supoñer que a esta altura todo o mundo terá oído a expresión teito do petróleo ou pico do petróleo, pero por se acaso, vai aquí unha pequena explicación.

O teito do petróleo refírese ao momento en que se alcanza a máxima produción de petróleo global. A partir dese momento, a produción descende de forma inevitable. O concepto foi desenvolvido polo xeólogo norteamericano Marion King Hubbert nos anos cincuenta do século pasado, mentres traballaba para a petroleira Shell Oil Company. Hubbert estudaba as cifras de produción dos pozos petrolíferos e observou que en todos eles as gráficas de extracción debuxaban unha curva de campá: un ascenso desde cero ata alcanzar un máximo, e un descenso posterior. Hubbert tratou de aplicar os datos dos pozos individuais para facer previsións sobre a produción futura do conxunto dos pozos estadounidenses. Combinando os datos de todos os pozos que estudaba, así como os índices de descubrimento de novos xacementos petrolíferos foi quen de predicir que a produción petrolífera nos Estados Unidos acadaría o seu máximo a finais dos anos 60 ou a principios dos 70.

Acertou: No ano 1970 a produción de petróleo dos Estados Unidos acadou o seu máximo e comezou a decaer. Posteriormente fixo tamén unha predición situando o teito do petróleo mundial arredor do ano 2000. Aquí non foi tan preciso, porque non podía predicir acontecementos como as crises do petróleo dos anos 70, que non tiveron unha orixe xeolóxica senón política, -ao decidiren os países da OPEC pechar a billa para subir os prezos do cru de forma artificial- ou outros acontecementos que influíron na produción mundial de petróleo, como a guerra Irán-Irak, ou a guerra do Golfo. En calquera caso, a Teoría do pico de Hubbert está comunmente aceptada coma válida. Pero non por todo o mundo: aínda quedan irredutibles que negan a súa validez, sobre todo arredor da industria petroleira ou dos xestores de intereses financeiros relacionados con esta. (Neses círculos prefiren falar de pico de demanda e sosteñen que abandonaremos voluntariamente o petróleo -antes de que chegue a haber problemas de abastecemento- grazas aos avances tecnolóxicos).

Un factor que dificulta a comprensión do que nos di a teoría do teito do petróleo é como se tende a comunicar polos grandes medios. Seguro que nalgún momento tedes lido ou escoitado algún titular do tipo Anúnciase a fin do petróleo. Considerando que a teoría foi formulada hai sesenta anos, se leva todo ese tempo anunciando que se acaba o petróleo, non parece moi acertada, ¿ou non? Mirade arredor de vós, hai petróleo a varrer!

Un problema engadido e que a teoría de Hubbert anuncia o teito, é dicir o momento de máxima produción: anuncia unha futura carestía no momento de maior abundancia. Só iso serve para confundir a máis de un: ¡Pero que dí este tío que se vai esgotar, se estamos nadando en petróleo!1

En realidade, a teoría de Hubbert non anuncia o esgotamento do petróleo, senón da nosa capacidade de extracción. Conforme chegamos á parte descendente da curva, entramos nun escenario de rendementos decrecentes: vai sendo máis e máis difícil extraer o petróleo, e tamén máis custoso enerxeticamente (e por tanto máis caro), ata que chega un momento que, simplemente, non é rendible, e abandónase a explotación aínda con petróleo no xacemento. As melloras na tecnoloxía extractiva teñen servido para adiar ese momento, pero sempre acaba por chegar. Non é tanto que a billa se peche de golpe, senón que o chorriño vaise reducindo cada vez máis. E así, cada vez máis países produtores superan o seu pico particular, entran en descenso de produción e deixan de ser exportadores netos de petróleo (un dos máis recentes, a finais do 2018, México, que era o 2º fornecedor de petróleo do Estado español).

Pero a cousa é aínda mais complicada.

Os estudios e predicións de Hubbert están feitos sobre o petróleo convencional: explotacións de petróleo en depósitos situados en formacións de roca porosa, mediante pozos verticais. Vamos, o que imaxinamos todos cando pensamos nunha explotación petrolífera como as de Arabia, Libia ou o Mar do Norte. As explotacións que están minguando a súa produción son, precisamente, as máis fáciles de explotar e as que tiñan un maior rendemento enerxético. Precisamente a raíz da diminución da produción debido a que moitos países foron alcanzando o seu teito particular, e da crecente demanda enerxética mundial, buscáronse novas fontes de hidrocarburos que puideran paliar ese descenso. Buscáronse tanto novos xacementos de petróleos convencionais, aínda que en situados en lugares que fan moi difícil a sua explotación debido ás condicións locais –augas profundas, Ártico, Siberia- como fontes de hidrocarburos non convencionais: hidrocarburos lixeiros en depósitos de roca compacta ou tight oil, explotados mediante técnicas de fractura hidráulica ou fracking; licuados de gas natural; areas asfálticas; lutitas bituminosas; petróleos extrapesados. Todos estes hidrocarburos teñen un rendemento enerxético máis baixo2 que o petróleo convencional e son máis caros de extraer, por tanto só son rendibles nun contexto de prezos altos. Chámanlles petróleos non convencionais, ou hidrocarburos líquidos, pero non son exactamente o mesmo que vimos entendendo por petróleo, non teñen a mesma composición nin serven para as mesmas cousas3.

No ano 1974 –tras a crise petrolífera de 1973- a OCDE creou un organismo internacional, a Axencia Internacional da Enerxía, IEA polas súas siglas en inglés, co fin de coordinar as políticas enerxéticas dos estados membros e garantir a subministración. Ao entrar na súa web, (www.iea.org) pódese ver que o lema da organización é: “Proporcionar datos, análise e solucións sobre todos os combustibles e todas as tecnoloxías; axudar aos gobernos, a industria e aos cidadáns a tomar boas decisións enerxéticas.” Na mesma web hai unha caixa de busca, para atopar temas nas publicacións e estudios elaborados pola axencia. Se metedes na caixa o termo “peak oil”, ofrece cero resultados. ¿Pero como é posible?

A mesma axencia publica anualmente un voluminoso informe, o World Energy Outlook, (WTO) onde da conta do estado da produción e do consumo enerxético mundial, e fai predicións de futuro onde debulla distintos escenarios tendo en conta múltiples variables. Nesa publicación non é posible atopar unha soa mención explícita ao teito do petróleo. Si se estudan coidadosamente as gráficas e datos ofrecidos, sí que é posible atopalo, pero costa traballo.

E iso é, entre outros motivos, porque no WTO, de forma habitual víñanse mesturando os datos referidos ao petróleo convencional e aos demáis hidrocarburos baixo epígrafes como todos os líquidos do petróleo ou todos os hidrocarburos líquidos, –cando xa vimos que non son exactamente o mesmo- o que dificulta bastante a comprensión dos datos (Se iso é un error honesto, disonancia cognitiva ou un intento deliberado de ofuscación queda ao xuízo de cada un).

Afortunadamente, divulgadores como Antonio Turiel (www.crashoil.blogspot.com, lectura moi recomendable) Gail Tverberg (www.ourfiniteworld.com) ou o Post Carbon Institute (www.postcarbon.org), entre outros, analizan o WTO de cada ano así como outros informes e datos publicados e dan a coñecer as súas conclusións. Grazas a iso sabemos que a Axencia Internacional da Enerxía recoñeceu (implicitamente) que o teito do petróleo global ocorreu arredor do ano 2006, ou que adianta unha caída na produción global de petróleo de aquí ao ano 2025, algo do que outros actores viñan avisando reiteradamente4.

A importancia de todo isto reside en que o noso modelo económico, para funcionar, require crecemento continuado, o que á súa vez, require un aporte sempre crecente de enerxía. Sen enerxía non hai crecemento, e todos temos experiencia propia do que ocorre cando non hai crecemento: estancamento, recesión e crise económica. Dada a importancia do petróleo no noso mix enerxético, o descenso na súa produción, se non se compensa con outras fontes enerxéticas -algo que a día de hoxe parece improbable- levará a unha grave crise, que algúns autores incluso cualifican de crise terminal do capitalismo.

¿Pero que raio ten que ver o petróleo coa comida?

Se tes unha hortiña na que cultivas as túas leitugas e cebolas, posiblemente poidas seguir facéndoo no mundo post teito do petróleo (en realidade deberías). Pero se, como a maior parte da poboación urbana de estilo de vida occidental, consegues os teus alimentos nos supermercados poderías (poderemos) ter problemas, porque o modelo de produción e distribución de alimentos que impera na nosa sociedade é profundamente dependente do petróleo.

Os produtos que se venden nos andeis dos supermercados son en gran parte o último chanzo dunha longa cadea de produción e distribución que é profundamente dependente do petróleo en todas as súas etapas. A revolución verde, a mecanización das tarefas agrícolas, a agricultura intensiva e a globalización dos mercados levaron á consolidación dun modelo agroindustrial que é capaz de producir grandes cantidades de alimentos5 -aínda que de calidade nutritiva, digamos, contestada- pero que ten diversos lados escuros, como a concentración da produción nunhas poucas multinacionais, ou a cotización nos mercados financeiros internacionais de colleitas aínda non recollidas (ou mesmo nin sementadas), sen outro fin que a especulación, o que afecta de forma artificial aos prezos de produtos básicos coma os cereais. E o que produce, faino consumindo petróleo coma se non houbera mañá:

– Fertilizantes e praguicidas: O esgotamento dos solos provocado polo réxime intensivo dos cultivos require o uso de fertilizantes para repoñer os nutrientes. Os abonos nitroxenados conteñen nitratos, obtidos a partir do amoníaco producido mediante o proceso Haber-Bosch, que combina nitróxeno atmosférico con hidróxeno obtido a partir de gas natural ou gas licuado de petróleo. Os insecticidas, herbicidas, funxicidas etc. utilizados na agricultura intensiva son produtos da industria petroquímica.

– Mecanización: Tractores, colleitadoras, camións… o uso de maquinaria para os distintos procesos agrícolas substituiu paulatinamente o traballo manual humano e a tracción animal, contribuíndo a aumentar a produtividade pero tamén a un número de efectos secundarios que van dende a degradación dos solos ao abandono do rural ao requirir o traballo agrícola menos man de obra.

– Transporte e distribución: A “lóxica” do mercado globalizado e as economías de escala fai que ás grandes cadeas de distribución de produtos alimentarios lles resulte máis económico traer alimentos procedentes da outra punta do mundo que acudir a produtores locais. Algúns produtos son importados porque non hai produción local: a piña ven de Costa Rica, o aguacate de México ou Estados Unidos (aínda que tamén se produce en España). Pero hai outros produtos onde as importacións desprazan á produción local: laranxas de Israel ou Suráfrica; mazás de Francia, Bélxica ou Italia; lentellas de Estados Unidos ou Canadá6; garavanzos de México. Esto é fácil de observar en calquera supermercado do noso entorno. Os alimentos que levamos ás nosas mesas teñen, moitas veces, centos ou miles de quilómetros percorridos, e unha abraiante mochila de efectos secundarios, como o consumo de combustible derivado do transporte, as emisións de C02 asociadas, o peche ou transformación de explotacións locais e a perda de soberanía alimentaria.

En definitiva, todos estes factores contribúen a configurar o modelo agroindustrial dominante como un sistema profundamente dependente do petróleo7. Cabe esperar que conforme transcorra o tempo, e conforme o descenso na dispoñibilidade de combustibles vaia facéndose máis evidente, estas cadeas de produción e distribución sufrirán un gran estrés, peor canto máis longa e complexa sexa a cadea, podendo chegar a colapsar. E se xa non nos traen lentellas de Canadá, e os produtores próximos abandonaron a explotación porque non podían competir ¿que imos facer?

O caso cubano.

Nas distintas charlas e comunicacións sobre o teito do petróleo que repetidamente se celebran no estado (e tamén noutros países) unha das reaccións máis comúns dos asistentes e preguntar polo futuro: ¿que vai pasar? E sobre todo, ¿cando vai pasar? A inquedanza polo futuro é unha reacción totalmente lóxica e comprensible, tendo en conta a gravidade das previsións e a importancia das mudanzas que será preciso facer. Pero facer predicións de futuro é moi complicado, pola cantidade de factores involucrados, factores que ademais interactúan entre sí, realimentándose de forma moitas veces inesperada. Tamén ten importancia, sen dúbida, o enfoque de quen fai a predición, e mesmo o seu carácter máis ou menos pesimista, de tal modo que temos ao noso dispor toda a gama de futuros posibles, desde os que negan o colapso e sosteñen que os avances tecnolóxicos haberán de sacarnos do apuro, ata os que albiscan unha distopía postapocalíptica tipo Mad Max; pasando polo establecemento dunha ditadura ecofascista ou o xurdimento dunha arcadia feliz neorrural.

Sen arriscarnos a facer predicións concretas, o que sí podemos é ver o que pasou nos lugares onde xa tiveron que enfrontarse aos efectos do teito de petróleo e qué medidas tomaron. Porque si, isto xa ocorreu, a nivel local en algúns países, e imos fixarnos nun país en concreto, que viviu unha situación de crise pospetróleo durante varios anos, en tempos de paz, onde as autoridades tiveron que tomar medidas para enfrontar a situación e onde os cidadáns tiveron que aprender a convivir -non sen sufrimento- con esa situación: Cuba.

Sen dúbida teredes oído falar da crise económica cubana coñecida como “período especial”. En 1991, o colapso da Unión Soviética tivo como consecuencia unha forte diminución da cantidade de hidrocarburos que chegaban a Cuba. Co recrudecemento do embargo estadounidense no ano 1992, os cubanos viron como a cantidade de petróleo que tiñan dispoñible era menos do 40% do que precisaban para o funcionamento da economía da illa. Tiveron que enfrontar gravísimos problemas de transporte, xeración de enerxía, agricultura e gandaría, industria… co que tiveron que tomar medidas insólitas e impensables noutro contexto.

Aquí referirémonos unicamente aos problemas que sufriron na agricultura. A falta de petróleo inmobilizou case totalmente a maquinaria agrícola, e tampouco podían elaborar pesticidas e fertilizantes, o que provocou a caída en picado da súa produción agrícola. O embargo estadounidense dificultaba a compra ao estranxeiro dos elementos necesarios e mesmo de alimentos, e tampouco é que estiveran sobrados en divisas para poder mercalos; así que se viron nunha situación na que simplemente, non tiñan capacidade para alimentar aos habitantes da illa. Así que tiveron que tomar varias medidas drásticas:

– Aproveitáronse todos os espazos posibles nos entornos urbanos para cultivar alimentos. Parques, solares, terreos baldíos, e incluso animouse á xente á aproveitar xardíns, terrazas e tellados, de forma que todo o mundo cultivara algo na súa vivenda.

– Terras destinadas a producir cultivos para a exportación, sobre todo tabaco, cana de azucre e cítricos, foron destinadas a cultivar alimentos para o pobo.

– Terras de cultivo, de titularidade do Estado cubano foron entregadas en usufruto a agricultores e granxeiros, tanto individuais como formando parte de cooperativas, co compromiso de dedicalas ao cultivo de alimentos.

– Exhortouse e animouse á xente a que se trasladara das cidades ao campo, e que se dedicara á agricultura. Naturalmente, ante a falta de maquinaria agrícola fan falta mais brazos que traballen. Fíxose tamén un esforzo por recuperar a labranza con animais. Para iso, buscaron granxeiros vellos, que aínda lembraran traballar con eles, e leváronos a centros de formación para que puideran transmitir ese coñecemento – como traballar con animais, crialos e mantelos – aos novos agricultores, e mesmo aos vellos que non chegaran a traballar con eles.

Axudou enormemente a que todo isto funcionara a chegada de cooperantes internacionais, nun primeiro momento de Australia, especialistas en técnicas de permacultura, que como sabedes, non precisa o uso de fertilizantes industriais, herbicidas nin maquinaria.

Con estas medidas, e tras uns comezos moi duros, os cubanos foron quen de adaptarse á nova situación, é preciso dicir que non sen sufrimento. A chegada de Hugo Chávez á presidencia de Venezuela no ano 1999 supuxo o comezo dunha nova etapa de colaboración entre os dous países, e unha nova fonte de hidrocarburos para os cubanos, que foron volvendo á situación anterior ao período especial. Porén, algúns dos logros obtidos no eido da agricultura ecolóxica, permacultura e agricultura urbana mantéñense a día de hoxe na illa.8

A complexidade na cociña

Despois de todo o exposto anteriormente, das consecuencias que pode ter o teito do petróleo para o conxunto da nosa sociedade, semella unha frivolidade falar de gastronomía; pero aquí estamos ao que estamos. Así que, ¿cales poden ser as consecuencias do teito do petróleo para a gastronomía?

Xa vimos que o descenso na dispoñibilidade de derivados do petróleo pode ter una influencia moi negativa na agroindustria (e tamén, por razóns análogas, na gandaría, polo menos na súa versión intensiva), coa conseguinte diminución na cantidade e variedade de produtos dispoñibles. Pero a gastronomía non e só iso: os produtos alimentarios poden considerarse como hardware gastronómico, mentres que o software é o coñecemento. E o coñecemento non depende do petróleo… ¿ou sí? Para responder a esta cuestión temos que asomarnos (un pouquiño) ás vastas extensións da antropoloxía social. Agarrádevos que veñen curvas.

Ao longo da historia da humanidade, téñense sucedido diversas civilizacións, que todos coñecemos: Mesopotamia, Exipto, Persia, Grecia, Roma, as civilizacións americanas precolombinas… todas con máis ou menos éxito – algunhas mesmo produciron imperios – e todas desapareceron. Algunhas conquistadas por enemigos máis poderosos, pero outras desapareceron elas soas: colapsaron. Distintos autores teñen abordado este fenómeno desde perspectivas diversas, (Arnold J. Toynbee e Jared Diamond, entre outros) pero aquí imonos referir, de forma moi resumida, ao traballo de Joseph A. Tainter sobre o colapso das civilizacións complexas.

No seu traballo, Tainter estuda o colapso da civilización Maya, da cultura do Canón do Chaco e do Imperio Romano de Occidente, e presenta unha serie de conclusións.

Tainter considera ás sociedades humanas como organizacións para a resolución de problemas. Para iso, estas organizacións -sistemas sociopolíticos- van gañando complexidade (entendendo como complexidade a estratificación social, a diversificación e especialización do traballo -determinante á súa vez dun maior ou menor acceso aos recursos- e a creación dunha maior estrutura institucional para ordenar o funcionamento da sociedade). A maior complexidade, maiores requirimentos enerxéticos e maiores custes per cápita (ao falar de enerxía podemos pensar en petróleo ou carbón… pero tamén en millo ou trigo). Chega un momento en que a inversión en complexidade sociopolítica para a resolución de problemas alcanza un punto de rendementos marxinais decrecentes. A partir do momento en que o aporte enerxético é insuficiente para soster a complexidade, o colapso -a simplificación involuntaria e non desexada da sociedade- é posible: pode producirse simplemente polo paso do tempo ou ser precipitado por un acontecemento externo, como unha guerra, unha crise ou un desastre natural. ¿Colócanos o teito do petróleo no limiar dos escenarios estudados por Tainter?.9

Dende a perspectiva do traballo de Tainter, podemos considerar a historia dos logros humanos como un camiño cara á complexidade, dos cazadores-recolectores á agrogandeiría industrial; do sistema de troco ata a banca por internet. E a gastronomía? Pois non escapa a esta apreciación. De feito, podemos considerar o concepto de gastronomía coma unha capa de complexidade engadida ao feito de que precisamos alimentarnos10; ou mais ben coma un conxunto de capas, que abarcan dende o guiso caseiro máis sinxelo ata as esferificacións e deconstrucións da cociña de vangarda.

¿Podemos esperar, neste contexto, unha perda de complexidade no eido da gastronomía? Posiblemente si. Sobre todo no que se perciba como máis innecesario e prescindible (podemos pensar nos excesos pirotécnicos desa cociña vangardista que mencionabamos antes, entre outras cousas) pero tamén, por exemplo na forma en que hoxe adquirimos e transmitimos información. Está claro que non imos esquecer de repente o que sabemos facer, pero á hora de aprender, ¿cantos non temos buscado receitas por internet, ou mirado vídeos para aprender a preparar pratos novos? Nos casos estudados de colapso civilizatorio, entre as cousas que decaen está o fluxo de información. A información dispoñible na internet -e aí existen cousas ben máis inútiles que a receita do solombo Wellington, por exemplo- non é gratuíta dende o punto de vista enerxético: está almacenada en servidores que consumen electricidade as 24 horas do día. Parece lóxico pensar que nun contexto de enerxía dispoñible decrecente haberá que escoller con coidado en que se emprega esta, o que sen dúbida terá consecuencias na nosa hoxe case ilimitada e ubicua capacidade de acceso á información. Quizais haxa que volver a métodos de transmisión de coñecemento máis antigos e probados, pero tamén con máis limitacións, coma o boca-orella ou o caderniño manuscrito de receitas.

Mencionabamos tamén na introdución desta peza a cantidade de escolas de hostalaría producindo profesionais formados. O modelo de Tainter da perda de complexidade implica tamén a desaparición dunha cantidade de actividades laborais que unha sociedade máis simple xa non precisa. Nese contexto seguramente un analista de marketing (por exemplo) resulte máis superfluo que un cociñeiro; pero sé cadra -e aquí estou especulando (aínda máis)- a alternativa será darlle unha volta ao modelo de restauración tirando máis cara á honrada casa de comidas que ao gastrobar. Xa veremos.

Conclusión

Con todo o que se está desenvolvendo -o teito do petróleo, o cambio climático, a crise das materias primas- está claro que imos vivir tempos interesantes, nós e os nosos descendentes. O que vaiamos ser, o tipo de sociedade que teñamos ao final, será froito de moitas cousas, en parte das decisións que tomemos como colectivo. As chamadas á atención, os sinais de alarma, están deixando de ser monopolio de frikis e científicos outsiders para estar en boca de cada vez máis xente, e os artigos alertando do perigo saíron xa de páxinas web underground para atopar sitio na prensa xeralista. Cada vez máis voces, de forma argumentada, sinalan o modelo económico capitalista coma o obstáculo que impide as mudanzas necesarias e avogan polo decrecemento coma o camiño que hai que tomar. En moitos lugares do mundo hai xente preparándose para o que poida vir, tedes como exemplo o movemento das Transition Towns (www.transitionnetwork.org, www.reddetransicion.org)11.

As decisións individuais, no entanto, en procesos de alcance global teñen unha incidencia moi pequena, pero sempre hai cousas que podemos ir facendo: observar, aprender, ser conscientes do que ocorre, tratar de comprender. Se falabamos de que as cadeas longas van rachar pola crise enerxética, haberá que fortalecer as cadeas curtas, e axudar a crear comunidade na nosa contorna. No relativo ao tema desta peza: Mercar produtos de proximidade, a produtores locais, tratar de evitar os alimentos quilométricos. Aprender a facer por nós mesmos cousas que hoxe nos venden os supermercados: pan, pasta, conservas… fuxir dos alimentos hiperprocesados: ademais de que o seu abuso non é bo para a nosa saúde, son, en xeral, os que levan máis km recorridos.

A nivel institucional, polas autoridades estase facendo -que o público saibamos- ben pouco. Distintas iniciativas en varios parlamentos europeos -nomeadamente, o británico, pero tamén no Parlamento de Galicia, por exemplo- tiveron moi pouco percorrido e foron rapidamente desprazadas por cuestións máis urxentes, sexa o Brexit ou a próxima cita electoral. Distintos gobernos teñen creado ministerios de Transición Ecolóxica que van tomando medidas -mais ou menos tímidas, segundo o país- para favorecer o uso de enerxías renovables ou o coche eléctrico, cun optimismo que suxire que simplemente imos substituír o petróleo polo sol e o vento pero poderemos vivir do mesmo xeito; non hai ningunha mensaxe no sentido de que vaiamos ter menos enerxía dispoñible, total e per cápita. Entidades gobernamentais de todo o mundo, tanto de nivel local como estatais, parecen, iso si, estar moi preocupados polo cambio climático -e fan ben. Queda por ver se as medidas que anuncian se quedan en algo puramente cosmético ou teñen un alcance real12.

Os -cada vez máis- avogados do decrecemento voluntario como opción tropezan á hora de facer chegar a súa mensaxe ás esferas do poder. Mesmo os representantes de opcións políticas máis rupturistas e -teoricamente- máis sensibles a estas mensaxes arrepían á hora de pensar en articular unha opción electoral arredor de propostas decrecentistas: é unha receita para o desastre electoral, tan incorporado está no ideario colectivo o paradigma do crecemento económico como garantía de prosperidade e benestar. Non axuda tampouco que non dispoñamos dun armazón teórico sobre o funcionamento dunha economía non orientada ao crecemento. Aínda que existen distintos grupos tentando desenvolver modelos de economía estacionaria, circular, ou do ben común, nese eido queda moito por facer.

Indubidablemente o futuro vai ser menos cómodo que o presente. A diminución da enerxía dispoñible per cápita, a perda dos nosos escravos enerxéticos vai cambiar de forma radical o que podemos facer, o tempo que nos leva facelo e o esforzo que ocasiona. As forzas do business as usual bombardéannos con mensaxes tranquilizadores: aínda hai tempo, unha nova tecnoloxía de /central nuclear de torio/enerxía de fusión/soterramento de C02/batería de estado sólido/ vainos salvar, non hai que preocuparse. Haberá, sen dúbida, moitas resistencias, moita negativa a aceptar a realidade. Imos incorrer en contradicións: é totalmente normal e é o que cabe esperar. Os usos sociais e as forzas que hai arredor empurran nun único sentido, e o mercado trata de apropiarse de calquera mensaxe que lles poida prexudicar e darlle a volta para os seus propios fins, así que é doado despistarse. Non pasa nada! non hai que ser puros, pero compre ser conscientes, comezar a actuar e a ver ata onde chegamos.

Bibliografía/Para saber máis:

– Donella H. Meadows e outros, Mas allá de los límites del crecimiento, El País Aguilar, 1992.

– Esther Vivas Esteve, El negocio de la comida, Icaria 2014.

– Xavier Montagut e Esther Vivas Esteve, coord. Supermercados no, gracias, Icaria 2009.

– Ramón Fernández Durán e Luis González Reyes, En la espiral de la Energía, Ecologistas en Acción/Baladre, 2014.

– Emilio Santiago Muíño, Opción Cero. El reverdecimiento forzoso de la revolución cubana, Libros de la Catarata, 2017.

– Emilio Santiago Muíño, Rutas sin mapa. Horizontes de transición ecosocial, Libros de la Catarata, 2016.

– VV.AA. Ecoloxía Política. Olladas desde Galicia, Obencomún, 2015.

– Asociación Véspera de Nada, Guía para o descenso enerxético, X.R. Doldán García e Asoc. Véspera de Nada, 2013.

Na internet: The Oil Crash, o blog de Antonio Turiel, físico do CSIC e divulgador do peak oil: www.crashoil.blogspot.com

No YouTube: El poder de la comunidad. Cómo Cuba sobrevivió al “pico del petróleo”.

1 O problema é que todo iso pasou en Texas, porque na Galiza sabemos ben que día de moito, véspera de nada.

2 A Taxa de Retorno Enerxético, TRE (ou EROEI polas siglas en inglés, Energy Returned on Energy Invested) é un concepto introducido por Charles A.S. Hall no 2008, definido como o cociente entre a enerxía obtida nunha actividade e a enerxía empregada para desenvolver a actividade. Así, a principios do século XX a TRE dun campo de petróleo estaba arredor de 100:1, é dicir, por cada unidade de enerxía invertida, o pozo devolvía cen. Na actualidade a TRE dunha explotación de petróleo convencional estímase arredor de 20:1. A TRE dos pozos de fracking é difícil de calcular, pero as estimacións están arredor de 5:1, por debaixo do que se considera necesario para que un pozo sexa rendible.

3 Estes petróleos non convencionais, en xeral, non serven para producir gasóleo. Éste é un grave problema, xa que o pico do diésel vai ser o primeiro en manifestarse, e porque o gasóleo é o que move o comercio mundial, e os problemas de abastecemento de gasóleo poden ser devastadores para a economía global. Este feito está, sen dúbida, detrás da recente ofensiva reguladora contra os vehículos particulares movidos con motor diésel.

4 No ano 2013, nunha conferencia para posgraduados no University College of London, o Dr. Richad G. Miller, que traballou como xeólogo para a British Petroleum ata o seu retiro no ano 2008, alertaba de que 37 países productores de petroleo xa pasaran o seu teito de produción, e falaba dun declive do 4,7% anual, ou 3,5 millóns de barriles diarios de crudo.

5 Segundo Jean Ziegler, que foi Relator Especial sobre o Dereito á Alimentación da ONU, prodúcense no mundo alimentos suficientespara 12.000 millóns de persoas. Se cadra a fame no mundo ten máis que ver con decisións económicas e políticas que con incapacidade material.

6 Ao mesmo tempo que se denuncia que as lentellas de Castela esmorecen en almacéns por falta de comprador, resulta que en España prodúcese o triple de carne da que se consume, o que estará moi ben para o sector exportador, pero carrexa unha serie de problemas, como o aumento da superficie agrícola destinada a producir alimentos para o gando, e a xestión dos xurros e o esterco.

7 O profesor Albert A. Bartlett definiu a agricultura moderna como “o uso da terra para convertir petróleo en alimentos”. Outros estudiosos e comunicadores contemporáneos teñen indicado, ao falar deste tema, que comemos petróleo. Esto, que pode parecer una esaxeración, polo menos nun caso é literalmente certo: a sacarina fabrícase mediante un proceso de síntese a partir do tolueno, un derivado do petróleo. Asi que sí, comemos, ou máis ben edulcoramos o café con petróleo.

8 Existe un certo empeño por parte dalgúns autores relacionados co movemento ecoloxista, a permacultura e o peak oil en presentar a Cuba, a partir dos logros obtidos durante o período especial, coma un referente en sustentabilidade. A este respecto, Emilio Santiago Muiño, ferrolán afincado en Móstoles, no seu libro La Opción Cero realiza unha análise que resulta desmitificadora, caracterizando o proceso como algo forzado e non buscado, con máis erros que acertos e que comezou a ser abandonado unha vez acadada unha nova fonte de petróleo. O proceso tivo gran valor porque foi unha experiencia case “de laboratorio” dun proceso polo que, antes ou despois, dunha forma ou outra, pasaremos todos; pero todas as persoas entrevistadas no libro caracterizaban o período especial como unha experiencia traumática, algo que en ningún caso quererían repetir.

9 Podemos organizar unha porra para ver que acabará antes con nós: o descenso enerxético, o cambio climático, a perda de biodiversidade, algunha guerra absurda ou a combinación dos anteriores, candidatos non faltan.

10 Escribiu Manuel Vázquez Montalbán que atrapar un coello no monte e comelo cru é un acto de barbarie, pero se lle quitas a pel, o troceas e o guisas con finas herbas e viño branco, ai amigo, iso é cultura.

11 Como contraexemplo tedes aos preppers norteamericanos, supervivencialistas afeccionados ás armas, aos búnkeres e ao rollo paramilitar, con rutas de escape e “mochilas de tres días”, perfectamente preparados para sobreviviren unha apocalipse zombi ou unha invasión alieníxena.

12 Contradicións: no ano 2017, en China comezou a funcionar o primeiro barco de carga movido integramente por enerxía eléctrica, que se usa… para transportar carbón. O pasado 17 de xuño de 2019, o parlamento canadense, aprobou solemnemente unha declaración de Emerxencia Climática, a proposta da ministra de Transición Enerxética. Ao día seguinte, o primeiro ministro Justin Trudeau aprobou a ampliación de un oleoduto. Preto da casa, a primeiros de xullo o Presidente da Xunta de Galicia inaugurou unha senda peonil en Oleiros, e aproveitou o momento para anunciar a inminente publicación dunha nova orde de axudas do goberno autonómico, por un montante de 1,1 millóns de euros, destinadas… a mercar automóbiles novos. Todo moi lóxico.