III Ruta ciclista por Compostela

Nenas, nenos e demais familia: ide engraxando as bicis e meténdolle aire ás rodas, porque o sábado 11 de xuño terá lugar a 3ª edición da Volta Ciclista Troiteira á Compostela. Desde a Almáciga cara ao Gaiás e as Brañas do Sar, río abaixo cara a Conxo e a Rocha Vella, remontando o Sarela por San Lourenzo, a Selva Negra e xantando aos pés do Pedroso.

Quedaremos ás 10:00h na Almáciga para poñer a punto eses velocípedos que non revisades desde hai un ano, para botar a rodar ás 10:30h en punto. Levaremos algo para compartir no xantar. Os máis pequenxs poden facer só un anaco da ruta, por exemplo desde San Lourenzo.

Non me quededes no sofá e mirade de irvos apuntando: que me facedes un sábado de maio metidos na casa, lacazáns? A mover o esquelete xa!

A Troita Armada (facción ciclocrápula)

 DSC_4652