Meigas dentro!
Sábado 24 de xuño ás 21:30
Chega unha nova edición de Bicos de Nai, na resaca da noite de San Xoán, en pleno solsticio de verán. É tempo de meigas e meigallos, segundo a tradición galaica, pero meigas e meigallos parecen sumidos no esquecemento, máis alá do seu desempeño superpop como nomes comerciais en tendas de moda ou de agasallos. Acaso o capitalismo e as novas tecnoloxías acabaron coa figura daquelas mulleres atravesadas, curandeiras e videntes que ofrecían os seus insólitos poderes á comunidade desde as marxes da civilización. Daquela esquecida figura da meiga falaranos nesta edición de BdN, Marga Alborés, consumada investigadora da mitoloxía ligada á Deusa Nai do paganismo, perita en relatos pétreos, e testemuña directa de moitas das meigas que aínda exercían a feiticería sagaz na Galiza preautonómica.
Claro que as meigas tal vez aínda existan, e simplemente teñan adoptado novas identidades para sobrevivir e seguir ofrecendo ao mundo o seu potencial profético e terapéutico. Ben pode ser ese o caso desa muller-nena coñecida como Natalia Outeiro “Pajarito”, pallasa, habitante de illas afortunadas e náufraga afeita a fracasar na existencia en troques dun chisco de riso e poesía. Ela acompañaranos nesta edición máxica de Bicos de Nai co seu enorme talento para facer medrar a ilusión no corazón humano.
E como sempre, a un mes das eleccións que poden consagrar a feixoada como prato dominante na mesa política española, pensamento, sátira e teatro, baixo a irredenta batuta de Carlos Santiago, aliaranse coa gastronomía anti-imperialista do Comandante Manrique e a video-creación de última hora para ofrecernos un retrato da actualidade transido de nocturnidade e aleivosía.
Veñan o mal de ollo e o arangaño! As meigas están de volta!
Convidadas:
Natalia Outeiro “Pajarito” (1979) é unha pallasa de longo percorrido en solitario ou en compañías como Pistacatro ou Chévere. Co seu espectáculo “A vida tola” gaña o premio FETEGA 2018 e o premio
FARÁNDULA 2021 en Canarias. Na súa traxectoria crea a traves da comedia e o clown, coa risa como motor principal, buscando chegar ao público nunha conexión directa coa mirada, construíndo universos propios e únicos. Formada en teatro, danza e clown, bebe da escola de Michelle Dellaire, e de grandes mestres do clown como Leo Bassi, Jango Edwards, Loco Brusca, Maite Guevara, Nestor Muzo e moitos máis nestes 20 anos de profesión. Ademáis dunha longa carreira como pallasa é tamen directora e docente. Dirixe espectáculos premiados como Cair e Contiguo, e tamen espectáculos individuais como “Isolada”, unha das súa últimas e máis celebradas Producións, traballando no encontro de personaxes únicas.
Marga Alborés (Outes, 1955) é mestra xubilada e unha apaixonada da historia pétrea de Compostela, paixón reflectida no seu blog Assegonia, no que propón rutas e olladas diferentes sobre a cidade
apostólica. É tamén tenaz investigadora das vellas culturas subsumidas pola arquitectura e a imaxinería católica, e unha experta en convocar conventos libertarios e dar espazo ao activismo social máis máxico e onírico. Apoiante leal da nosa cultura, ten participado como actriz en ducias de proxectos teatrais e cinematográficos, como a peza “Finlandia” de Carlos Santiago ou o filme “Mimosas” de Oliver Laxe. A súa vea literaria esténdese por varias publicacións, como a novela breve “Lóxica Borrosa”, publicada na colección O Lápis do Taberneiro.