Memoria do ano da peste
Mal sabiamos os membros da nova directiva da Troita Armada que tomamos conta dos nosos cargos na asemblea xeral do 25 de xaneiro de 2020 que a nosa andaina ía ficar paralisada tan axiña. A nosa misión era recuperar no posíbel o dinamismo e a ilusión dunha asociación algo deprimida nos últimos tempos. Confiabamos na celebración do 25 aniversario para renovar os azos e darlle pulo a novas iniciativas a partir dunha histórica festa rachada. O libro que laboriosamente trataba de recoller e deixar constancia escrita dun cuarto de século de gloriosa traxectoria, xa estaba no forno e con certeza chegaría a tempo de ser presentado en condicións durante a agardada celebración que foi marcada para o día 14 de marzo. E, abofé, o libro chegou a tempo. Mais nas súas páxinas (concretamente na p. 164) contiña un inocente agoiro, un convite a “celebrar unha velada inesquecíbel antes do vindeiro apagón definitivo causado polo coronavirus borbónico. Veña, troiteir@s, que se acaba o mundo!!!”
O mundo acabar non se acabou de todo, e a monarquía borbónica tampouco, mais xusto o día anterior á festa, o 13 de marzo de 2020, deu inicio un estado de cousas sen precedentes para a nosa xeración que viría mudar de vez o noso modo de vida. Aquilo de xuntarse e meterse en fariña que di a contracapa do libro tivo que ficar adiado ata novo aviso, e ese novo aviso aínda non sabemos cando dará chegado, e xa vai alá case un ano dende aquela!
Dende o inicio da calamidade da pandemia fóronse abrindo e pechando xanelas de esperanza. O debate de se reabrir (e como) espazos para o encontro e a actividade foi (e segue sendo) o debate permanente da sociedade e tamén se reproduciu na nosa asociación. Nunha desas breves oportunidades da “nova normalidade” decidimos encontrarnos e polo menos darnos a ocasión de compartir o esperado libro. O 4 de xullo, de xeito algo clandestino e non demasiado prudente, autoconvocámonos na carballeira de Conxo para vernos as caras enmascaradas e sair brevemente dunha primavera de confinamento. Repartimos o libro e aínda tivemos tempo para levar a cabo a estrea mundial do himno oficial da Troita Armada. Estivo ben o encontro e afortunadamente non houbo ningún contaxio, que saibamos. Mais tamén pairaba no ambiente a sensación de que a cousa aínda iría para longo, como así foi. Chegado o outono comezou a recrúa e os datos que nos vai deixando o inverno non son alentadores. Aínda semella lonxe o ansiado momento no que a Troita reabra as súas portas con alegría. Agardemos, cando menos, que non tardemos moito en poder iniciar algunha pequena actividade que nos permita a cautela.
Saúde e longos anos á Troita Armada!