Menos é Máis
Programa #2 de Bicos de Nai que terá lugar o venres 18 de novembro 2022 ás 21:30
Bicos de Nai explora na súa segunda sesión a ontoloxía do decrecemento, o violento motor da civilización occidental, e o destino biónico da especie humana, perdida entre os plans municipais de igualdade e a escalada psicopática no cume do poder mundial.
Entrevista co pensador Brais Arribas a partir dos seus últimos libros, Transhumanismo: Tecnociencias e antropotecnias, no que examina a taimada tentación de modificar a natureza humana mediante a tecnoloxía, e Vir a menos. Crítica da razón nihilista, no que reflexiona sobre o desafío do non ser nada.
Na entrevista cun ser de ficción contaremos coa irredenta dramaturga Clara Gayo, estilista do humor corrosivo, que lle dará unha reviravolta ás nosas expectativas de transformar a realidade nun lugar xusto e sosegado encarnando a unha das súas personaxes máis abraiantes: a psicóloga, socióloga, antropóloga e podóloga Beni Barciela, famosa polo seu consulting feminista.
Convidadas
Brais Arribas (Huesca, 1980) é licenciado en Filosofía pola USC e Doutor en Filosofía pola UNED. Formou parte do colectivo Proxecto Derriba onde deu trela á súa paixón polo pensamento de Gianni Vattimo. O seu campo de estudo abrangue a hermenéutica crítica e a ontoloxía orientada a obxectos.
Brais alterna a práctica docente universitaria coa atinada publicación de artigos e ensaios, e declárase pensador debilista ou debolista, comprometido na denuncia da violencia implícita nos fundamentos da metafísica tradicional. As súas obras máis destacadas son Outro xeito de ser: unha introdución ao pensamento de Gianni Vattimo; Postmodernidad; Reduciendo la violencia: la hermenéutica nihilista de Gianni Vattimo; Ontoloxía hoxe: somos unha conversa? ou Sobre a eutanásia. Quando decidir que uma morte é vital.
A reflexión de Brais atinxe temáticas de furiosa actualidade como a crise ecolóxica, a despenalización da eutanasia e a ética do bo morrer, ou o branqueamento racional das violencias sistémicas. A súa preocupación crucial é a posibilidade mesma dun pensamento aberto á diferenza e a horizontalidade.
En Bicos de Nai tomaremos como pretexto para coñecer o seu pensamento os seus dous últimos libros: o ensaio Vir a menos. Crítica da razón nihilista, onde argumenta contra o dogma do crecemento e a prol de “deixar que o ser sexa”, e Transhumanismo: Tecnociencias e antropotecnias, no que se interroga sobre as ilusións e os delirios da condición humana.
Clara Gayo, (Vigo, 1971) é actriz, autora, educadora e tamén directora teatral.
Formada na Escola de Teatro e Danza Espazo Aberto en Santiago de Compostela e asidua dos ciclos do Centro Dramático Galego, especializouse logo en Interpretación e Arte Dramático na universidade desta cidade. Directora e autora de textos para a compañía de teatro amador FarandOleiras Cabaré, ten traballado como actriz noutras compañías galegas como Chévere, Berrobambám, Nut Teatro ou Cachuzo Teatro.
Habitual das series televisivas, os seus papeis en Escoba!, O Faro e Arenal, visitadora de cárceres, todas emitidas pola Televisión de Galicia, teñen feito dela un rostro popular para a audiencia.
Alén das incursións nos eidos da fotografía e o vídeo e da participación en festivais e ciclos de teatro, ten desenvolvido tamén unha importante labor como dramaturga con pezas como Movidas (2010), Razóns de peso (2010) ―escrito orixinalmente para Pinguela Teatro―, Agorafobia: parálise sobre o medo (2011) ―seleccionado nos IV Encontros de Creación en Magalia― ou Prohibido sufrir (2014) e pezas breves como Screenplay (2013). A súa obra, Evasión, gañou no pasado 2015 o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, promovido polo espazo do idéntico nome da Radio Galega.
En Bicos de Nai ofreceranos a súa vis máis satírica encarnando unha personaxe que non deixará indiferente a ninguén: a multiespecialista Beni Barciela.