Migrantas

Durante este ano de pandemia A Troita Armada colaborou co proxecto ONDA na organización dunha serie de encontros telemáticos arredor do tema da nova diáspora galega. Os vídeos resultantes xa están dispoñibles na rede. Iniciamos a serie coa presentación telemática do último libro de María Alonso, que podes ver aquí.

INTRODUCCIÓN

Os datos oficiais ofrecidos polo Instituto Galego de Estatística indican que máis de 300.000 persoas abandonaron Galicia na última década. No 2019, último ano recollido nestas estatísticas, o número de mulleres emigrantes superou ao de homes, algo que tamén aconteceu no 2016, aínda que a media entre homes e mulleres se mantivo bastante nivelada nos últimos dez anos. Na primeira década do século vinte e un, sen embargo, a constante era que encabezase estes números a emigración feminina. Este feito non é anecdótico e implica un cambio de paradigma en relación con movementos migratorios anteriores nos que adoitaban emigrar maior número de homes que de mulleres. Os destinos elixidos por estas persoas, a diferencia do que acontecía na primeira metade do século pasado, non se atopan en América Latina. Neste caso son as grandes cidades do estado español, como Madrid ou Barcelona, ou certos países estranxeiros, sobre todo da Unión Europea, os lugares de acollida desta diáspora galega actual. Ademais, o perfil desta nova xeración emigrante mudou de xeito significativo con respecto ás dúas principais olas migratorias galegas anteriores. Agora se emigra con título universitario. Este feito ten a súa lóxica xa que os estudos universitarios son máis accesibles hoxe en día grazas un sistema educación superior gratuíta a través de bolsas e axudas, algo que permite que alumnado con diferentes rendas poida rematar graos e posgraos. Esta sangría, termo que se ven utilizando en relación con este fenómeno migratorio, ten a consecuencia máis inmediata no despoboamento de Galicia e na marcha de capital humano indispensable para o desenvolvemento socio-económico e cultural do país. Outra constante que ofrecen estes datos oficiais do Instituto Galego de Estatística está ligada á idade destas mulleres emigrantes. A maior parte de mulleres emigra entre os 25 e os 34 anos, seguidas daquelas que o fan entre os 35 e os 44 anos. Estes abanicos de idade coinciden coa nosa idade fértil, un dato que non tería que pasar desapercibido xa que é primordial para abordar un plan de vida familiar e laboral posto que non debemos esquecer que detrás de todos estes números e estatísticas hai historias reais.

Unha destas historias reais é a miña. Volvín de Edimburgo a principios de 2019 pero non o fixen soa. Levaba en brazos un bebé que nacera en lingua estranxeira e que é o máis marabilloso resultado de sete anos de estadía na capital escocesa. Antes probara sorte, por períodos de tempo moito máis curtos, en Londres, Roma e Liverpool. A miña intención cando cheguei a Edimburgo a principios do verán do 2012 era a de volver aos tres meses, pero os anos foron pasando case sen me decatar entre a miña cidade de orixe e a miña cidade de acollida. Volvín a Vigo porque xurdiu unha oportunidade para traballar de volta cun contrato con data de caducidade, polo que cando este libro saia publicado aínda non teño claro se seguirei en Vigo ou se estarei de volta en Escocia, Brexit mediante. A emigración na miña familia parece que sempre foi unha constante. A principios do pasado século, o meu bisavó Benito Alonso emigrou a Arxentina ao pouco tempo de nacer a miña avoa, quen quedou coa súa nai en Matamá, na veciñanza de Vigo, agardando a que o seu pai fixera fortuna no sur do continente americano. Non foi así e volveu cos petos baleiros aos seis anos. Décadas despois foi a familia do meu avó quen emigrou a Uruguai. Tíos, tías, curmás e curmáns venderon casas e campos para poder facer as maletas e partir do porto de Bouzas. Temos na familia unha foto daquela despedida xusto no lugar onde o meu avó traballaba de ferreiro nun dos estaleiros que fabricaban un daqueles barcos que despois levou a gran parte da súa familia alén dos mares. Moitas daquelas familiares seguen alá, ben vivas ou xa mortas e enterradas no país que as acolleu. Outras daquelas xentes decidiron regresar aos once anos porque non lles resultou sinxelo atopar o seu lugar na urbe de Montevideo. Esa diáspora, a do século pasado está ben documentada grazas ao traballo de autoras e autores que se encargaron, e se seguen a encargar, de recuperar a voz daquelas persoas que o deixaron todo para embarcarse nunha aventura cuxa dimensión, aínda coa perspectiva actual, é difícil de imaxinar. A historia volve repetirse e agora somos as bisnetas daqueles as que temos que facer as maletas.

Sen dúbida, a miña historia podería pasar desapercibida entre os centos de miles doutras historias individuais e colectivas que dan forma ao que xa podemos chamar ‘a nova diáspora galega’. A intención de Migrantas. A nova diáspora galega contada por mulleres é a de poñerlle nome e apelidos a este novo fenómeno migratorio que estamos a experimentar as novas xeracións de galegas e galegos. A nova diáspora galega está formada por mulleres e homes de máis ou menos idade e con máis ou menos formación académica. Non é exclusiva dun xénero concreto, nin dunha franxa de idade en particular, nin cun perfil de formación específico, aínda que os números e estatísticas indican que hai unha serie de factores comúns que son necesarios ter en conta á hora de abordar este tema dende un punto de vista crítico. Porén, e como as conversas que dan forma a este libro deixan de manifesto, este é un fenómeno heteroxéneo con resultados máis ou menos satisfactorios.

Neste libro tomarán a palabra as mulleres e farano para romper coa imaxe patriarcal da emigración galega porque esta nova diáspora ten necesariamente que escribirse en feminino. Este é un aspecto fundamental para comprender as implicacións e consecuencias deste cambio de paradigma que está a vivir a nosa sociedade. Mentres que as mulleres que emigraban a principios do século vinte o facían, nunha gran maioría, como acompañantes e as que emigraron na segunda metade do século pasado o facían para desempeñar labores, tamén na súa maioría, domésticas, hoxe en día o perfil da muller migrante deu un xiro totalmente radical que posiblemente non se volva repetir na historia do noso país. O acceso á educación superior das clases medias e baixas é unha das maiores revolucións da nosa xeración. Somos o resultado dunha batalla gañada (que non a guerra) dende abaixo, o que implica tamén que quen emigra hoxe en día o faga cunha formación superior da que se tiña antes, polo menos non dende o ámbito feminino. Como tamén aclaran moitas das conversas que dan forma a este libro, os homes que emigraron durante o século pasado—e non soamente exiliados con nome propio, senón tamén emigrantes anónimos—tiñan unha profesión que lles permitiu integrarse no tecido económico e industrial dos países de acollida, xa fose como intelectuais, fontaneiros, canteiros, electricistas, editores ou operarios de fábrica. Lamentablemente, esta non era a realidade da muller emigrante do século pasado que emigraba, dado o contexto social e histórico da época, sen esta bagaxe profesional. Como Migrantas. A nova diáspora galega contada por mulleres pon de manifesto, o feito de que nunha soa xeración se puidese dar un xiro tan radical ao perfil profesional da metade da poboación galega, é un fito histórico e un logro das que nos preceden e nos abriron o camiño, aínda que ese camiño teña a súa continuidade alén das nosas fronteiras.

Este é un libro de conversas con mulleres que comparten experiencias similares aínda que con resultados do máis dispares. É un libro en primeira persoa no que as súas protagonistas intentan darlle sentido ao que está a acontecer ao noso arredor. As mulleres que aquí colaboran abordan este novo fenómeno migratorio dende diferentes perspectivas para falar de temas relacionados cos sentimentos de pertenza e de desarraigo, co tránsito ou cun regreso imposible. As conversas que se recollen neste libro tiveron lugar durante os tres últimos meses do 2020, en plena pandemia mundial pola Covid19. Son conversas reflexivas con mulleres que viven fóra de Galiza e que están tamén condicionadas pola imposibilidade de viaxar, aínda que sexa por uns días, para visitar ás súas familias. Son conversas nunha distancia forzada na que non é posible cruzar fronteiras de xeito físico como acontecía antes de marzo do 2020, polo que só queda a posibilidade de cruzar estas fronteiras de xeito imaxinario. A emerxencia sanitaria, xunto coa distancia xeográfica inquebrantable por causa das prohibicións de movemento condicionan moitas destas conversas nas que a reflexión se fai máis profunda a causa de todos estes motivos.

En Migrantas. A nova diáspora galega contada por mulleres o termo ‘diáspora’ non fai simplemente referencia ao movemento de persoas dun lugar a outro, senón que é unha maneira de concibir a vida e a nove orde mundial. É un libro onde as súas protagonistas intentan postular unha nova tipoloxía arredor da idea de lugar, unha reinterpretación do concepto de fogar, unha valoración diferente do que somos en relación ao país do que marchamos e do país que nos acolle. Migrantas. A nova diáspora galega contada por mulleres é un libro que quedará como memoria oral dunha xeración e dunha época á que non é preciso agardar a ter máis distancia histórica para abordar.

María Alonso