Nordestazo

A camiseta foi deseño de Javier Rosa

A camiseta foi deseño de Javier Rosa e Nikis Galicia

A mañá de hoxe estivo gris. A mediodía foi a peor. Chovía. A auga baixaba a fío dos tellados. Os canlóns rebordaban para fóra nas beirarrúas. Saímos cara Malpica a primeira hora da tarde. Iamos falar cos rapaces da Tralla, a asociación cultural que organiza nesa vila o Nordestazo Rock. As ideas previas que levabamos respecto ao festival non eran mellores que o tempo. Sabiamos que este ano non venderon tantas entradas como pensaban, e tiveron déficit. Tamén oiramos falar, sen moita concreción, das dificultades organizativas que se lle presentaran con algunhas administracións. O último que soubemos foi que os problemas non estaban só da porta para fóra: o pai dun destes rapaces quere quitarlle da idea o de organizar o festival para o ano que ven.

Falamos con Fran e Santi. Contáronnos que os principais problemas para a organización da edición 2014 tivéronos con Portos de Galicia. Esta entidade ten que conceder un permiso porque o festival celébrase en pleno Porto de Malpica. Os da Tralla tiveron que elaborar un plan de seguridade moi completo. Aínda así, Portos resistíase a asinar a autorización. Os políticos teñen medo a outro Madrid Arena. A pesar disto, os da Tralla descartaron cambiar o lugar de celebración. Non conciben o festival nun lugar apartado. Queren un festival integrado no entorno urbano. Esta teima quizais ten que ver co apoiados que se senten pola xente de Malpica. Hai anos, cando había socios da Tralla, tiñan máis de catrocentos, que son moitísimos tendo en conta o número de habitantes da Vila. Este apoio cremos que pode estenderse á xente de fóra. Porque este é un festival ao que a xente vai escoitar música. A xente está dentro do recinto, vendo e escoitando, atenta ao palco. Case non atopas xente nos arredores. Tampouco dicimos que estea mal que haxa xente que se achegue á Vila o día do festival e non saque entrada. O que si é unha pena é ter visto festivais con cartel atractivo e entradas baratas que deixaron de celebrarse, logo de varias edicións con máis xente fóra que dentro do recinto. Afortunadamente, no Nordestazo ves á xente gozando coa música. Seguro que nisto ten algo que ver o son do festival, que sempre foi moi bo. Os da Tralla sempre tiveron claro que nese apartado era onde non se debía recortar.

A Asociación Cultural A Tralla existe dende hai anos. Nos noventa xa organizaron un festival musical. Pero aquela xente cansouse, e o festival morreu. Varios anos despois entrou na Tralla a directiva actual, e empezaron de novo organizando o Nordestazo Rock. Este festival foi medrando pouquiño a pouco cada ano. O salto máis grande dérono na cuarta edición, a de 2012. Multiplicaron por dous o palco, aumentaron o equipo de son e as luces. E trouxeron de cabeza de cartel aos Heredeiros. A aposta saíu ben. E eles non perderon a cabeza. En 2013 e 2014 practicamente mantiveron presuposto, e o ano pasado cubriron gastos. Pero este ano pincharon. Venderon 1850 entradas, pero tiñan que chegar ás 2300 para cubrir gastos. E iso que o cartel era ben atractivo: Terbutalina, El Drogas, Barón Rojo e Los Enemigos. Eles seguen buscando as causas que puideron provocar esta baixada de público. Pero é bobería botarlle a culpa á data, ou a un cartel moi centrado no rock. Estas dúas foron decisións conscientes, e teñen a súa xustificación. É probable que non haxa máis razón que a crise económica. De feito, aínda que baixou, o Nordestazo Rock mantivo o tipo na venda de entradas, nun ano no que case todos os festivais baixaron moito en asistencia.

Esta visión positiva é a que teñen os rapaces da Tralla. Non se deixan desanimar pola débeda. Pensan desquitala organizando actividades no inverno. Nada especial. Propostas que xa fixeron outros anos. Un Ciclo de Monólogos, algunha cea-baile,…. E aquí non poden evitar rirse da contradición. Seguro que hai quen os acusa de ser obsesivos co rock, de que este ano fixeron un cartel pouco ecléctico. Haberá proba máis extrema de eclecticismo musical que organizar unha cea-baile?

Ao final, o tempo foi abrindo. O nordestiño non fallou. Empezaron a abrirse claros no ceu, e ata puidemos falar nunha terraza, mirando a San Adrián e ás Sisargas. A idea que nós tiñamos sobre o estado de ánimo da xente da Tralla tamén cambiou. Pasoulle coma ao día. É mellor do que pensábamos á mañá. Os danordestazo-1 Tralla teñen os pés na terra, e están cansos logo de seis edicións. De momento non queren pensar no ano que ven. A súa prioridade é pagar o pufo. Din que máis adiante decidinordestazo-1rán se haberá ou non Nordestazo 2015. Pero a ilusión non lles falta. Santi ten moi claro o nome do grupo que lle gustaría traer para o ano que ven. Un grupo de rock poético e guitarreiro, na liña de moitos dos grupos importantes que viñeron nos últimos anos. Fran é igual de rápido dicindo un nome dese posible cartel do 2015. O soño de Fran vai máis na liña do rock mestizo. “Rollo Manu Chao”, como di Santi para vacilalo.

Moito ánimo, rapaces!