O artificio da intelixencia
Bicos de Nai, un Late Night sen cámaras pero con moito teatro
Sinopse Sesión 28 de Outubro
Programa #6
O artificio da intelixencia
Reiniciamos Bicos de Nai neste outono furibundo no que a anarquía climática, a deriva bélica da razón política, e as amnistías fantasma, súmennos na indecisión e o colapso democrático. Entre tanto, a intelixencia artificial clona voces e corpos para fabular unha nova cultura liberada dese dato insignificante que vén sendo o ser humano. Máquinas que escriben novelas e poemas sublimes, aplicacións que resucitan vellas estrelas de Hollywood, ou rutinas codificadas que cicelan o volume etéreo dos nosos soños, inzan o noso mundo de desasosego, sen que saibamos a quen vai dirixida semellante enxurrada de creatividade maquínica. Acaso o propio concepto de intelixencia artificial é un absurdo en si mesmo. En calquera caso, os réditos do invento acaban sempre na conta dos mesmos de sempre, seres completamente corpóreos e naturais que empregan a IA sen escrúpulos para aforrar en salarios e autorías ou bombardear países irredentos. A batalla entre a natureza e o artificio polo dominio do mundo intelixíbel atinxe xa o paroxismo e non será malo pararse a pensar un pouco sobre o que nos cabe esperar e ver se hai maneira de traducilo en gargalladas.
Para tratar de desentrañar os misterios de semellante conflicto, interrogaremos a Xelís de Toro, autor de“Etceteramente”, un disparate narrativo que desafía os alicerces da cultura maquinal e procura algo parecido a un fogar para a pura paixón da creación literaria. “Etceteramente” proxéctase como un virus no sistema literario, a un tempo esperanzado e desenganado da súa propia capacidade de infección. Tal vez Xelís sexa quen de facernos un diagnóstico sobre a situación, e se non, teremos o pracer de coñecer,cando menos, as rutas e derivas do seu percurso literario.
E para completar o cadro, tan lúdico como ludita, contaremos coa presenza dunha poeta e actriz dotada dun poderoso instinto natural e unha intelixencia escénica imbatíbel, María Lado. María vén de participar nesa xesta do cinema galego chamada O Corno, un filme feito sen artificios, e vén disposta a contestar todas as preguntas difíciles sobre a súa inquietante carreira artística. Conteste o que conteste, a emoción está garantida.
Xelís de Toro (Santiago de Compostela, 1962) é escritor, artista multimedia e performer. Licenciado en Filoloxía Galega pola USC. Foi lector de galego nas universidades de Birmingham (1991-93) e Oxford (1993-97). En 1990 fundou Edicións Positivas xunto con Paco Macías. Foi cantante do grupo Os Quinindiolas. Realizou performances multimedia con Terminal e O buscapeixe e máis recentemente “Where do you draw the line?” para The Future Dreaming exhibition in Lewes, East Sussex ou “As We Go Along” para WTFfestival – Falmer. Foi colaborador habitual de Vieiros e reside en Inglaterra, onde traballa como editor internacional freelance. Forma parte do proxecto Laboratoro, que mestura música improvisada, poesía e movemento, e tamén do grupo de música de vangarda Chop Chop. Entre as súas novelas cabe sinalar títulos como “Seis cordas e un corazón” (Xerais, 1989), “Non hai misericordia” (Xerais, 1990), “Terminal” (Positivas, 1994), “Os saltimbanquis no paraíso” (Sotelo Blanco,2000), “Riofero” (Xerais, 2009) e o seu recente atentado contra a idea mesma de novela “Etceteramente”(Xerais, 2022). É tamén autor do poemario en edición bilingüe “The book of invisible bridges/O libro das pontes invisibles”(Pighog press, 2012).
María Lado (Cee, 1979), iniciouse na creación literaria da man do Batallón Literario da Costa da Morte, onde publicou os seus primeiros textos en tres libros colectivos: Nós, Mar por medio e Rumbo ás illas. É autora de poemarios como “A primera visión” (1997, Letras de Cal), “Casa atlántica, casa cabaret” (2001, Xerais), “Berlín” (2005, Concello de Santiago), “Nove” (2008, Edicións Fervenza), “Amantes” (2011, A. C.Caldeirón), “Oso, mamá, si?” (2015, Xerais) ou “Gramo Stendhal” (2020, Apiario). Desde 2005 forma dúo cómico-poético con Lucía Aldao, con espectáculos como “Onde estea un cubata que se quite un soneto”. Os innumerábeis recitais de Aldaolado por toda a xeografía galaica destiláronse nun libro xenlleiro editado en 2020 por Xerais, “Ninguén morreu de ler poesía”. A máis de poeta é tradutora e narradora, e practica tamén a literatura infanto-xuvenil. Como actriz ten traballado en espectáculos teatrais como “Pan. Catro Propostas sobre a Malla” (Volta e Dálle 2008), “Oeste Solitario” de Martin McDonagh (Excéntricas, 2012) e recentemente participou no filme de Jaione Camborda, O Corno (2023), merecedor da Cuncha de Ouro á mellor película no Festival Internacional de Cine de Donosti.