O terremoto do porvir

Bicos de Nai, un Late Night sen cámaras pero con moito teatro.

Programa #3 O terremoto do porvir

Bicos de Nai explora na súa terceira sesión a crítica da cultura occidental a partir do concepto de deconstrución, de intensas reminiscencias gastronómicas. Pero máis alá da deconstrución da tortilla de patacas, de sempre practicada na Troita Armada, queremos internarnos nos cataclismos que sacoden o noso mundo e albiscar as fendas polas que este pode vir a ser algo digno de mérito, e non esa simple e estarrecedora gaiola de grilos na que vivimos confinados.

Entrevista co pensador Delmiro Rocha a partir do seu libro, Quizais. Filosofía ético-política do porvir, no que se interroga sobre a contraposición entre futuro e porvir, e nas consecuencias sísmicas de aplicar a lóxica do quizais á nosa maltreita democracia.

Na entrevista cun ser de ficción contaremos co mestre do humor perralleiro, Víctor Mosqueira, que dará renda solta a un dos seus personaxes máis inquietantes, o Tío Reveriano, tío carnal dos Irmáns Panduro, máis coñecidos como Mofa e Befa, nun exercicio de deconstrución apocalíptica da realidade mundial.

Convidadas

Delmiro Rocha (Salceda de Caselas, 1980) é licenciado en Filosofía pola USC e Doutor en Filosofía pola UNED. Formou parte do colectivo Proxecto Derriba, comunidade filosófica á procura dos tremores do acontecemento. Profesa nas universidades de Santiago e de Vigo, sendo especialista no pensamento francés contemporáneo e na obra de Jacques Derrida, de quen traduciu Seminario: la bestia y el soberano, xunto a Cristina de Peretti.

O seu campo de traballo abrangue a crítica da cultura e a metodoloxía da deconstrución como se reflicte nos seus ensaios Deconstrucións. Unha volta a J. Derrida, (Estaleiro editora, 2011) e Dinastías en deconstrución (Dykinson, 2011). Colaborou tamén en La apropiación de Heidegger (UNAM, México 2021) e é autor de Deconstrucción de la pena de Muerte (La Oficina, Madrid, 2019).

A reflexión de Delmiro céntrase na posibilidade de deconstruír a democracia a partir da lóxica do “quizais”, establecida na obra de Derrida como condición de posibilidade dun campo político que non negue a alteridade. Na contraposición entre o futuro, redución do tempo a puro cálculo, e o porvir, temporalidade aberta ao acontecemento, e por tanto á revolución, procura Delmiro as ondas sísmicas capaces de abrir unha fenda no noso ríxido sistema de vida, pola que adveña, tal vez, un outro mundo.

Víctor Mosqueira, (Corme, 1962), ademais de ser de Corme, é un dos actores máis prolíficos do teatro galego, con varias ducias de espectáculos, producións televisivas e cinematográficas no seu lombo. Xunto a Evaristo Calvo conforma o dúo cómico máis senlleiro do noso teatro, Mofa e Befa, sendo un dos piares, xunto a Evaristo e Quico Cadaval, de Producións Excéntricas, unha das produtoras teatrais máis activas do país.

Especialista en Commedia del’Arte, entra en contacto coas artes escénicas a finais dos 70, aínda que é en 1991 cando comeza a súa carreira ininterrompida no teatro. Ten traballado en publicidade e como guionista cómico, e é actor de dobraxe desde 1982. Cursou estudos na Scuola Internazionale Dell´Attore Cómico, dirixida por Antonio Fava (Reggio Emilia, Italia) en 1989. Tamén estudou na Bond’s School of Clown baixo dirección de Eric de Bond, en Ibiza.

Víctor Mosqueira é un actor total capaz de facer teatro a partir dunha caixa de mixtos e un pedazo de papel, e semellante talento para incendiar os palcos quedou reflectido en innumerábeis espectáculos, entre os que podemos destacar, ao chou, Commedia, Shakespeare para ignorantes, Para ser exactos, Cultura para dar e tomar, Un cranio furado, Bobas & Galegas ou O porco de pé.

En Bicos de Nai agasallará ao público cunha das súas personaxes máis emblemáticas, o Tío Reveriano, célebre polo seu certeiro criterio de verdade: “¿Y quien lo dice? ¿Lo dices tú? ¡Ay, lo dices tú!”. Poi iso.