Oráculo

Venres 23 de febreiro, 21:30

A medio camiño entre un taller de autocoñecemento e un espectáculo, o artista e terapeuta Wences Lamas propón viaxar a un oráculo caótico, tenro e imprevisible para ler o noso presente. Un encontro amoroso onde investigar a propia existencia.

Os dilemas cotiás, enfados familiares, leas laborais ou ansias amorosas están sempre roldándonos. Cando nos xuntamos evitamos falar desas dores ou recibimos respostas esquivas como “malo será” ou “pouco a pouco”. No Oráculo a proposta é unirse para tratar de exorcizar estas cuestións con valor, amor e humor.

O xogo consiste en que os/as asistentes escriban unha pregunta anónima, que depositan nun bote; Wences comeza entón a lectura buscando a resposta cun feixe de tarots improvisados (unha caixa chea de xoguetes de Ovos Kinder, unha baralla feita con memes de Internet, unha colección de test de Rorschach, etc).

A mirada aguda, sen prexuízos e cómica converterá entón cada obxecto nun portal de revelación que mestura o trivial e o transcendental. Créase, así, un ambiente íntimo, lúdico e máxico que fai mudar, de súpeto, aos asistentes, en consultantes e adiviños.

Un espectáculo cheo de humor e maxia que pretende transformar brevemente a nosa percepción do mundo. Unha porta aberta para aventurarse conxuntamente no que nos atormenta e ollalo cunha nova mirada. Unha sorpresa simple e complexa onde deixarse guiar pola creatividade que define á arte.

  • Reserva de entradas en info@atroita.org. Título da mensaxe: Oráculo.
  • Prioridade de socixs ata o domingo 18, logo ábrese a non socixs.
  • Oportunidade de adquirir obra gráfica do artista no local.