Que mougaban os avós de Feixoo?
Notas sobre a memoria sabedeira
1. Dúas voces antes de Alberto Núñez Feixoo, había cortizos protexidos ás veces debaixo dos cabaceiros (hórreos). Tales colmeas chamábanse así por estaren feitas de cortiza, de casca de sobreiro, ou mesmo hospedadas nun tronco de árbore co ámago furado. Aos nenos dábanlle a rillar como lambetada un anaco de favo (por confusión denominado no dialecto local “faba do mel”), de maneira que os devanceiros do presidente da Xunta protagonizaban unha escena pintada por Lucas Cranach o Vello: véxase o cadro conservado na romana galería Borghese onde aparecen Venus e o Amor portando il favo di miele.
2. Os meniños tamén eran obsequiados cun cartolo (panciño pequeno) de centeo en cada cocedura, ou ben cunha bica rapeira feita coa masa sobrante arrepañada no fondo da artesa onde amasaban pas co lévedo ou formento, sete por fornada, un por día pra unha familia media. Non ten nada a ver a citada rapeira coa propia bica, que viña sendo unha torta de millo sen levedar, pousada na pedra quente da lareira e tapada cun testo de pote pra que cocese mellor. Esta bica comíase migallada no leite mazado (o soro que ficaba despois de extraer a manteiga) ou ben servía de pan co compango das sardiñas asadas no mes de sanxoán.
3. O almorzo mudaba canda a sazón do ano. Polo inverno beberían leite con unto, unha bomba enerxética pra defender o corpiño de xiadas e invernías e gripes delirantes. Derretíase unto na tixola pra logo mesturar esa gordura no leite fervido, formando destarte unha tona amarela que daba gana de trousar. En épocas de tempo máis suave comíanse papas de millo remexidas cun pelo (pau descascado). De por parte da fariña milla levaban leite, auga nunha versión máis pobre ou enxagoos, isto é, os restos lácteos que ficaban na auga ao lavar a canada de munxir. Se a xente da casa era comellona, incluían tropezós en forma de mariñas (patacas) cocidas. Os que traballaban desde a mañá ben en tempo, saían da casa fortificados cunha copa de augardente enviada co fin de “desorballar”. Máis tarde, por volta da media mañá, mastigaban a parva ou taco das once: xamón, chourizo, algo que tivese conta, que mantivese as forzas soerguidas.
4. As novas alarmistas sobre a muda climática declinan que as aves se están a extinguir, como inantes se extinguiron os dinosaurios, ancestros dos paxaros actuais. Disque polos pesticidas, pero, no caso da Terra do Búbal que comprende Os Peares, son os regueiros conversos en cloacas desde que hai váteres nas casas que verten esterco e deterxentes. A calquera animal que beba neses ribeiros envenenados hao partir unha chispa. Curiosamente, había moita máis avifauna en tempos dos avós do Alberto, malia que aqueles primitivos comían paxariños. Sobre todo os raparigos eran amigos de consumir fritadas de pardaus (aniñaban nos cabaceiros e, na época da cría, en cada hórreo podían apañar un caldeiro de paxariños) ou de cotrolíos, estes últimos fáciles de apillar porque fan o niño no chao. Chámanse cotrolíos ou cotrolas as aves noutras partes coñecidas como lavercas ou cotovías. Trátase dunha onomatopeia, pois o seu rechouchío soa máis ou menos como co-to-ví ou co-tro-lí, cando revoan sobre as restrebas na tardiña, entre lusco e fusco. O filme baseado nun romance de Harper Lee distribuído en España co título de Matar un ruiseñor, nos cinemas lusitanos intitulárono Matar uma cotovia, aínda que o paxarolo orixinal do sul dos Estados Unidos non era nin unha cousa nin outra. Viña sendo un mockingbird, un sisonte en lingua nauatle da familia uto-asteca. O tradutor portugués era urbanita e ocorréuselle usar cotovia como exemplo de ave que sería especialmente cruel sacrificar, no entanto os seus compatriotas, igual que os avós galegos de Feixoo, mataron e comeron cotovías sen dó durante séculos sen nunca extinguilas, porque defecaban de campo e limpaban o traseiro cunha couva no canto de contaminar os regueiros e charquelas onde os paxariños bebían.
5. Continuando polo rego de Portugal e do ambientalismo, vou ao caso de que os comedores da universidade de Coimbra xa non serven postas de vitela, suprimiron a carne de vaca da dieta estudantil pra loitar contra a mutación climática en curso. Con independencia de se consideramos ou non os flatos do gando vacún tan perigosos prá supervivencia do planeta como os tubos de escape dos carros, o certo é que os avós de Feixoo pouca vitela micaban porque vendían os becerros e só pola festa patronal se permitían probar unhas costeletas. Ben é certo que nas feiras non perdoaban a faldra, vitela ao caldeiro cocida con unto e sen aceite nin pemento (este aderezo correspóndese coa receita de Navia de Suarna, chamada “carne á maragata”). Pouco polo se cataba inantes das granxas de Uteco, aínda que era de curral e de cualidade suprema, e do gando ovellún había noticia no verao, cando se acostumaba sacrificar un carruxo (año) pra asalo no forno. A mor parte do ano a dieta cárnica saía do saleiro do porco. Na mata había un ciclo de comidas específicas: figadeira (fígado encebolado) no mesmo día de sacrificar o cebote; frebas de raxo espetadas nun pau e asadas nas brasas ou envoltas nunha verza ao asalas no remol: e filloas de sangue nas sobremesas ou roxós de entrada. O porco constituía a base dos cocidos festivos e do caldo de a cotío, combinado coas verduras epocais: caldo de grelos de nabo, de nabizas, de xudías, de grelas de couva, charouveas ou limpo (sen verde no inverno caroal en caso de que faltase a verdura totalmente, incluso a máis resistente que era a verza ou couva). Por último, en certas casas de cazadores, entraban coellos do monte, lebres, perdices, pombas cazadas á espera, parrulos bravos, paspallaos ou galiñola (perdiz chocha).
6. Contradicindo o tópico miserabilista, o discurso colonial sobre a Galiza que vén desde o Século de Ouro e chega a Fraga Iribarne (Hasta que yo llegué, los gallegos comían un caldito y gracias), o pobo galego foi no século XX un dos mellor mantidos da ecúmena. Grazas precisamente ao atraso minifundista, querse dicir ao feito case único na historia de que os servos medievais acabasen facéndose coas terras traballadas pola súa estirpe desde a noite dos tempos (tal apropiación ou apoderamento labrego produciuse aquí en 1927 coa redención dos foros). Aínda que os máis dos nosos vellos evocan as fames pasadas (interiorizando o discurso dos amos), a falar a verdade os galaicos non langrearon coa fame dos madrileños ou barcelonís da posguerra civil nin pasaron a larota, laceira ou fame negra de parisinos, berlineses ou romanos durante a segunda guerra mundial. Aquí, a semiautarquía rural comeu bastante ben todo o ano, especialmente na primavera e verao ao olleceren os tarreos de legumes e as árbores fruteiras. Os vellos de Feixoo paparon xudías ou chícharos ou fabas castellanas con patacas e un rustrido de torriscos, algún prato vegano (patacas con prebe de tomate), pementos, ovos fritidos en manteiga de leite, etc. Tamén non se privaron de mazás (bicudas, campaneiras, de pel de sapo…), de peras verdeñás e de pé de pombo, de cereixas marouvelas, follares, negrelas e ambroesas, de fatós, ameixas e claudias, de castañas, noces e abelás, de uvas e freces (morangos) silvestres, de morogos (bagas de érbedo), amoras e outras moitas cousas sabedeiras que lle deron ocasión de mover os padaos. Certamente consumían unha dieta baixa en gordura (a carne dicía pouca aínda que se matasen varias cebas pra todo o ano) e sobre todo en azúcar: a repostería limitábase a unhas torradas polo antroido e unhas chulas por semana santa. Polo devandito era difícil encontrar barrigás, a maior parte das barrigas aparecían falidas coa excepción dalgún alcaide ou cacique, pero non porque se pasase mal senón porque se facía moito exercicio de Deus Noso Señoriño. O presidente Núñez forma xa parte da humanidade superflua e dedícase a ornear nos debates ou mitins e a parabenizar cun chío en twiter a Ana Pontón polo seu embarazo, no entanto os seus devanceiros rendaban o millo, rozaban o toxo, cavaban as cepas de brancellao e mencía, arrincaban o esterco das cortes, segaban o centeo e a herba, en definitiva practicaban desportos extremadamente necesarios pra sobrevivir.
7. Sabemos por Ovidio que Proserpina foi raptada por Plutón e que non pudo escapar dese reino plutónico inferior pra regresar ao Olimpo porque violou a prohibición de comer prescrita polas Parcas. A deusa deixouse tentar e rompeu a abstinencia mastigando sete graos de romá (granada). A comida ata moito e marca o noso destino. Estou convicto de que Alberto Núñez Feixoo xantou cocidito madrileño, cando estivo destinado alá onda o urso e o érbedo como director de Correos, e aqueles garavanzos que enguliu chaman por el desde a vila e corte como os graos granadinos que retiveron a Proserpina. Sempre quixo voltar a Madrid, aínda que o case paisano Julio Iglesias (Papuchi era do Souto de Vilarrubín, na Peroxa) foi o primeiro en darlle o parabén cando saíu presidente autonómico, cada día ao barbearse Alberto emula a outro cantor, ao brasileiro Roberto Carlos saudoso e cursidoso: Quantas veces eu pensei voltar e dizer que o meu amor nada mudou. Chama á sede de Génova con protestos de amor polos garavanzos (bicos en portugués) pero o PP aznarista virou basto e cuartelario e cantaruxa animaladas: Eu plantei garavanzos na regaña do cu, nunca vin garavanzos con tanta mala salú.
Bieito Iglesias