ROMPAMFILAS RELOADED

Celebramos o rexurdimento do colectivo antimilitarista “Rompamfilas“: unha asociación irmá da Troita Armada e a asociación “Itaca” dende os nosos nacementos nos anos 80.

Durante os anos 80 e 90 “Rompamfilas” liderou a nivel cidadá o traballo pacifista en Compostela e, singularmente, a negativa ao recrutamento forzoso, a favor da obxección, a insubmisión, a desobediencia civil e a súa participación e impulso da Asemblea Nacional de Obxección de Conciencia.

Moitos compañeiros da Troita Armada foron procesados, e condenados, polo “delito” de insubmisión, e o local de “A Troita Armada”, xunto co da Asociación “Itaca” foi un espazo de encontro de moitos grupos de apoio a insubmisos e pacifistas composteláns que nese momento tiñan que facer fronte á represión pola súa actitude de conciencia.

A Troita Armada séntese orgullosa de ter participado neste movemento de oposición cidadá ao recrutamento forzoso. Máis hoxe segue sendo imprescindíbel un movemento cidadá de desobediencia á lóxica militarista que tanta desgraza segue a ocasionar. Compre seguir traballado en propostas civilizadoras para a humanidade, nos dereitos humanos e no ben común.

E segue sendo necesario o apoio solidario ás persoas que noutros lugares do mundo desobedecen as “obrigas” militares, negándose a matar ou morrer nas guerras e son perseguidas por iso.

Por este motivo saudamos este “renacemento” e damos a benvida a “Rompamfilas“, “reloaded”.

https://www.facebook.com/profile.php?id=100091988544207