Saber e poder

Episodio de estrea de Bicos de Nai

ATENCIÓN: 40 PRAZAS ADXUDICADAS POR ORDE DE RESERVA NO EMAIL info@atroita.org

Formato

O público acomódase en mesas. A comida, a bebida e a cociña intégranse no transcurso do show. Ás 21:30 ábrense as portas. Ás 22:00 comeza o espectáculo.

Sinopse programa #1: Saber e Poder

Bicos de Nai explora o inmediato futuro do ser humano, nun mundo no que as máquinas e o poder técnico parecen pór en cuestión a mesma noción de humanidade.

Entrevista coa pensadora Rebeca Baceiredo a partir dos seus últimos libros, o ensaio Como não ser, tranquilamente, human@s e a novela Éxodo.

Na entrevista cun ser de ficción, contaremos co mestre do humor infame, Carlos Meixide, que dará a réplica satírica aos nosos profundos temores metafísicos, encarnando a un dos seus personaxes máis carismáticos, o cantante Arturito Puy, membro do dúo musical Os Da Ría.

Convidadxs

Rebeca Baceiredo (Ourense, 1979) é Licenciada en Ciencias da Comunicación e Doutora en Filosofía. En 2005 recibiu o Premio de Ensaio Ramón Piñeiro por O suxeito posmoderno. Entre a estética e o consumo, e foi Premio Extraordinario en 2011 coa súa tese doutoral Achegas onto-éticas para a liberación do suxeito. Unha aproximación a partir da filosofía de Gilles Deleuze.

A partir de aí, desenvolveu unha brillante traxectoria no eido do ensaio filosófico con títulos como A revolución non vai ser televisada, Capitalismo e fascismo, Oikonomía do xénero, A verdade errada e a representación errante, Animais de estimação e bestas de companhia.

Sublimou logo o seu pensamento en pura prosa poética con obras como (repeat to fade) e E meterei a miña lei no seu peito, e xa desatada, poetizouse a si mesma en O canto da Sibila, e Libro de Horas.

A reflexión de Rebeca encara o mundo desde o si á vida, e alén de verdades e realidades, interrógase pola posibilidade mesma de transcendermos as nosos propias ficcións e vir a ser outra cousa, dito así á bruta, que non ten mal ningún.

En Bicos de Nai tomaremos como pretexto para coñecer o seu pensamento os seus dous últimos libros: o ensaio Como não ser, tranquilamente, human@s. Técnica e política da Antiguidade à era neoliberal, no que indaga sobre a conflitiva relación entre a portentosa capacidade técnica do ser humano para se autotransformar e a súa minguante capacidade para ser algo digno de mérito; e Éxodo, primeira incursión de Rebeca na narrativa, da que só citaremos esta frase: “quixeron fuxir do deserto, mais o deserto perseguiunos”.

Carlos Meixide, (Vilagarcía de Arousa, 1977) é escritor, xornalista e humorista. Debutou na literatura, para non asustar, co libro infantil A Miragaia. Para compensar a timidez inicial, a súa novela O Home Inédito, converteuse en 2005 na primeira novela en galego publicada e distribuída pola rede. Devoto da auto-edición, alcanzou notábel popularidade coa serie de aventuras adolescentes conformada polas novelas Ons, Cans, Guitiriz, Arousa e Portugal. O éxito procuroulle un público novo e fervoroso que agarda con ansiedade a inminente publicación da súa novela sobre a Comuna de París, unha xoia da novela histórica, damos fé, que leva por título Viva a Comuna.

É tamén editor dos volumes do Bestiario do Vestiario, do xornalista e escritor Martiño Suárez e da Ontoloxía Poética de Carlos Santiago.

Codirixiu con Tomás Lijó a curtametraxe O meu nome, o meu mundo, que en 2001 participou no Festival Internacional de Cinema e Vídeo Independente de Nova York mentres as Torres Xemelgas viñan abaixo diante dos seus ollos e dunha cámara que levaban consigo. A partir do material gravado do atentado en tempo real, Lijó e Meixide realizaron o documental Cascallos, proxectado en 2011 no Festival Cineuropa de Santiago de Compostela. Logo de tan catastrófica experiencia, Lijó e Meixide transmutáronse en Fabián Santomé e Arturito Puy para fundar o mítico dúo musical Os da Ría, que leva anos a revolucionar o mundo da verbena popular, sempre en permanente revival.

En 2018 recibiu o I Premio de Novela Camiño de Santiago pola súa obra Camiño de paixóns. E desde o 2021 dirixe canda a Berta Dávila o selo editorial Rodolfo e Priscila.

En Bicos de Nai coñeceremos de primeira man o seu talento para o humorismo destemido, que atinxiu o seu cume na serie Humor Infame, de ampla difusión nas redes.

E dende a cociña…