Santa Inocencia

Sábado 28 de decembro do 2024 ás 21:30. Bicos de Nai 10 Especial Santa Inocencia. Un Late Night sen cámaras pero con moito teatro.

ATENCIÓN: 40 PRAZAS ADXUDICADAS POR ORDE DE RESERVA NO EMAIL info@atroita.org

É preciso deixar teléfono de contacto. O prezo desta cea-espectáculo é de 15€ para socixs, 20€ para non socixs.

Conducido por Carlos Santiago, dramaturgo e poeta, entre outros labores, o BdN ofrécenos entrevistas, monólogos cómicos e varias pezas audiovisuais de carácter satírico.

Nesta sesión, no 28 de Decembro, contaremos coa presenza da escritora compostelá Berta Dávila que nos falará das súas últimas creacións, “Os seres queridos” e “A ferida imaxinaria”; e co resucitado dúo Os da Ría, en plena resaca do seu regreso aos palcos galegos.

Durante o BdN, co ánimo de mercar a súa vontade, o público será agasallado cun selecto cocktail beirista-leninista, criado para a ocasión polo chef do programa, o Comandante Manrique, en honra da finalidade culinaria da Troita Armada, e da súa irrenunciábel militancia nas causas gastronómicas perdidas, por revolucionarias. Haberá caldo de nai, que vai frío, selectas tostas e un cócktail explosivo, como é costume.

Sinopse

Chega un novo nadal e aí lle andamos a lembrar o nacemento de cristo máis unha vez. Xa dixo Mayor Oreja, esa luminaria do pensamento imbécil, que entre os científicos está a gañar quen defende a verdade da creación frente ao relato da evolución. E debe ser certo, porque hai trinta anos a verdade era a evolución, e a creación o relato. Por outra banda, a simple existencia do pensamento imbécil xa é de por si inquietante, pois tal sintagma é un oxímoro en si mesmo. Oxímoro en grego vale por “sabio estúpido”, o que quere dicir que a propia palabra oxímoro é exemplo de si mesma. Cando as palabras e as cousas se confunden ata tal extremo só resta unha única conclusión posíbel: mexan por nós e hai que dicir que chove. Ou dito en arxentino, tómannos por parvos.

Por iso en Bicos de Nai apetécenos celebrar a nosa parvidade cun programa especial de nadal no día máis acaído para iso, o 28 de decembro. Ainda que hai entre nós moito reintegrata que reclama celebrar mellor o día das mentiras, como teñen por costume na república irmá de alá abaixo, non temos paciencia para esperar ata o 1 de abril. Despois de todo os irmáns de aquí arriba aínda non temos república nin independencia para tomarnos semellante liberdade. Así que o día dos santos inocentes válenos na mesma para celebrar a nosa indixencia intelectual. Nunha época inzada de bulos e falsos rumores, pode ser que o máis sorprendente dese día sexan as poucas verdades que se filtran de contrabando na prensa, e non as mentiras.

Segundo conta o relato creacionista elevado por Mayor Oreja a supina verdade científica, o día dos santos inocentes garda memoria de todas as criaturas executadas no berce por Herodes para evitar que deus montase o cristo cando o montou, no ano cero da nosa era. Hoxe, novos Herodes mandan executar parecidas criaturas no mesmo sitio, na aflixida Palestina, o que é mais unha proba da altura intelectual de Mayor Oreja. Asumámolo. Somos parvos e non temos remedio.

Ou si. Para comprobalo, contaremos nesta edición coa presenza da escritora compostelá Berta Dávila, unha mestra na arte de facer emerxer a perversión do mar da pura inocencia. Faremos con ela un percorrido pola súa brillante carreira literaria e falaremos das súas últimas obras, onde destacan títulos como “Os seres queridos” ou “A ferida imaxinaria”, que sen ser oxímoros de todo, case chegan a iso.

E na segunda parte, daremos conta dun fermoso milagre, a resurrección do dúo musical máis galegueiro da Galiza, Os da Ría, absolutamente inmunes a calquera sentido do ridículo, que afagarán a nosa parvidade mental na resaca do seu arrasador regreso aos palcos no Teatro Principal o día 27. Con eles desentrañaremos o misterio do seu eterno éxito, que eles cifran nun “cinco por cento de talento e o resto… descanso, descanso e descanso”.

Berta Dávila

Berta Dávila naceu en Santiago de Compostela en 1987 e iniciouse na escrita na adolescencia, consolidando a súa carreira literaria en breve prazo, tanto na poesía como na narrativa, con títulos como “Corpo Baleiro”, “Carrusel” ou “Illa Decepción”, á parte dos xa citados “Os seres queridos” e “A ferida imaxinaria”. Largamente premiada, é tamén unha consumada escritora de literatura infanto-xuvenil, e editora da colección Rúa dos Lagartos de Euseino?. En 2021 fundou xunto a Carlos Meixide o selo editorial Rodolfo e Priscila, na que publica en galego obra de novas e novos narradores europeos.

Os da Ría

Os da Ría é un dúo cómico-musical creado por Arturito Puy e Fabián Santomé en Santiago de Compostela, activa entre 2009 e 2017 e de novo dende 2022 coa formación orixinal. O seu repertorio musical recorre, desde o territorio do absurdo, da crítica máis ácida e da parodia, a vida social, cultural e política de Galicia. Os seus tres traballos discográficos Disco Díscolo, Disco Póstumo e Os da Ría íntimos falan ás claras sobre o imbatíbel sentido do humor do que fan gala en todo momento e lugar Arturito Puy e Fabián Santomé, trasuntos artísticos de Carlos Meixide e Tomás Lijó, os seres humanos reais por debaixo da mascarada.