Televisión, cociña e nen@s

Sempre houbo na televisión espazos de recreo nos que o obxectivo era gañar: os de Vilagarcía contra os de O Barco de Valdeorras, Marta e Antón, casadas e residentes en Lugo contra Uxío e Xiana, amigos e residentes en Viveiro (mágoa de tempos nos que a televisión e a sociedade silenciaba e agochaba parellas coma a de Uxía e Xiana), ou a equipa dos “tigres” contra a equipa das “leonas”. Todos eses concursos que levamos no recordo tiñan elementos comúns de competición, ás veces en sabiduría, ás veces en habilidades, outras en inxenio, ou directamente sorte. Mais case todos estes espazos tiñan dous elementos que os rondaba prácticamente dende o inicio ata o final: o humor e o pasatempo.

Chegaron tempos peores, e as televisións, xa foran públicas ou privadas, pasaron a ofrecer concursos nos que pasar cen días sen sair dunha agobiante casa, percorrer kilómetros e kilómetros metidas nun autobús, ou pasar fame e penurias nunha illa artificialmente salvaxe, eran escenarios teatrales onde o único obxectivo era esperar o conflito entre persoas. Xerar morbo para un público consumidor e consumista que, nesa época de poucas preocupacións que nos fixeron crer vivir, esperaba esas dosis de “edredoning”, ou que “fulano de tal” lle reventara un prato na testa a “mengano de cual” por unha mala mirada.

Mais como todo o bo, tamén o malo remata, ou se transforma. E neste caso, transformouse nos “Talent Shows”. Concursos con enfoque profesional, xa sexa para cantantes, magas ou equilibristas. Gañar o concurso xeraba a posibilidade dun lanzamento no mundo artístico ou profesional. E comezouse a escoitar algunhas voces que chegaron a despuntar e outras que caeron rápidamente no olvido.

Tamén a cociña pasou a ocupar o seu espazo na televisión. Argiñano, os seus pratos e os seus chistes, fixeron un bo traballo a prol da divulgación gastronómica. Durante anos, e en diferentes canles, prodigouse en realizar receitas de pratos que aos poucos días reproducíanse en milleiros de cociñas domésticas. Cheguei a coñecer a algún carniceiro que intuía as pezas de carne que vendería na súa tenda en función das receitas que, en días previos, realizara Karlos na pequena pantalla.

Ao mesmo tempo, en todo o Estado español, alcanzouse un nivel gastronómico espectacular, con moitos restaurantes da vangarda nos primeiros postos do recoñecemento gastronómico mundial. Unha cociña de altura que, merecidamente, adiantaba pola esquerda a outras tradicións culinarias que avanzaban a ritmos menores.

E o tempo que a televisión adicou á cociña medrou de xeito exponencial, case descontrolada. Ser unha cociñeira ou cociñeiro de éxito, levaba case que por decreto a aparición nalgún programa de divulgación da cultura gastronómica. Coas súas cousas boas, as máis, e as súas cousas malas, as menos.

Como efecto negativo salientable, desde o meu humilde punto de vista (o de un “cocinillas” que aprende os seus limitados coñecementos nunha escola de hostelaría), é o feito de que o exceso de visibilización das modernas técnicas na cociña actual, en detrimento da cultura e a historia gastronómica, xera unhas expectativas no alumnado que o leva, case que de xeito automático a querer correr antes de ter aprendido a camiñar sen apoio. Sei que me repito ata a saciedade co mesmo exemplo, mais, para obter unha boa escuma de lentellas é imprescindible ter preparado con antelación un bo prato de lentellas. Parace obvio, mais … compre facer fincapé. Acompañar a devandita escuma cun dado de foie, unha crema fina de patacas e un cristal de xamón ibérico é algo que o saber facer e a experiencia da cociñeira/o levaranlle a dar con esta combinación. Coñecer o produto, a súa calidade e saber cal é o resultado que del se pode obter é algo que leva o seu tempo.

Pero, volvendo á televisión e os seus concursos. Dende hai dous ou tres anos, os talent shows adicados ás artes, abarcan unha especialidade máis. A cociña. Xa sexa para afeccionados ou para profesionais con maior ou menor percorrido, xurden programas nos que gañar, e por elo facerse un hoco no mundo da gastronomía mediática ou favorecer o recoñecemento dun restaurante xa consolidado, pasan a ser os obxectivos dos concursantes.

Mais, o meu interese por estes espazos dilúense cando se xeran ou propician situacións de conflito. Sendo sinceiro, non os vexo coa frecuencia que unha persoa que se adica á cociña sería (quizais) máis loxico. Ainda que recoñezo momentos de verdadeiro aprendizaxe.

Nembargantes, esta impresión, cos seus “pros” e os seus “cons”, pasa a estar case que en sombra total cando os protagonistas do concurso son persoas que teñen idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos.

Entregar a un grupo de nenas e nenos (repito, de 8 a 12 anos) unha plancha de masa de follado e un anaco de solombo, e que todas recoñezan, non só que a combinación de eses dous produtos pode levar á preparación do prezado “Solombo Wellington”, senon que a meirande parte delas digan como o fixeran con anterioridade, xérame incredulidade en primeiro termo e unha dosis de pena seguidamente.

Non concibo unha cociña que xere estrés. Non a nivel doméstico. Cociñar nun restaurante é outra cousa, mais este non é o tema.

Non podo soportar ver a nenas e nenos sufrindo porque non foron capaces de converter unha receita nun éxito. A cociña debe ser espazo de diversión, de mancharse as mans, derramar líquidos e comer, a hurtadillas, mentras se van arrefriando as filloas no prato (espero que as miñas fillas tarden en ler esta última frase e tomala ó pé da letra).

É hora de reclamar programas gastronómicos educativos, adicados á infancia *, mais non só na televisión. A escola, cun enfoque menos competitivo que o que vai adoptando na actualidade, é o lugar idóneo para que nenas e nenos comecen a ter contacto coa alimentación e a gastronomía. Coñecer o produto autóctono, preservalo e promocionalo, como parte da nosa historia, priorizándoo sobre produtos de percorrido incerto.

Ao fin e ó cabo “somos o que comemos”.

 

* 1ª lección de cociña infantil. Para saber cociñar, debemos aprender a mercar (ou polo menos é a primeira lección que eu dou ás miñas fillas).

 

Fonte da imaxe

http://commons.wikimedia.org/wiki/File:Jugando_a_aprender_BAJA.jpg