Troitas vivas
Vén un ricome das truitas,
que compra dúas por muitas,
e coce ende a unha.
Por cuanto xi quer, apenas,
compra en dúas pequenas,
e coce ende a unha.
Venden cen truitas vivas
e compra en dúas cativas,
e coce ende a unha.
E u as venden bulindo,
vaise en con dúas rindo,
e coce ende a unha.
Roi Paez de Ribela.
Na Troita Armada non hai ricos homes como ese escarnecido no século XIII, pero tamén non somos así tan agarrados nin famentos. Aquí cómense peixes ou o que lle cadre con fartura e con arte na sazón e nos preparos da cociña. Unha sociedade gastronómica vén sendo un foco de civilización, porque o acto de comer sobrepasa o de nutrirse e implica tanto o pensamento como o pulo creativo.
Así o certifican estas palabras escritas a medias por Álvaro Cunqueiro e polo conde de Clermont-Tonnerre: “As xentes imaxinativas son as que comen mellor, asocian a súa substancia terrea ao lugar de onde son e así comungan coa terra nun festín de amor. Son xentes que coñecen as riquezas da cociña propia, requisito sen o cal nunca se apreciarán os misterios das cociñas alleas.”
No entanto, as razóns que aconsellan xuntarse para degustar un prato exceden os gozos dos larpeiros (nada desdeñables pois o sabor é tan importante como o saber) e lévannos ás altas esixencias da amizade. A conversa amigable nos instantes que deixa libres o movemento dos padais e dos vasos faise a cada paso máis necesaria nun mundo de solitarios coa boca aberta cara o computador. Un xantar ou cea ben regados son outros tantos medios de combate contra a sociopatía da taberna cibernética global, que refuga o contacto das olladas, das voces e das mans que apalpan o pan compartillado entre amigos.
A vantaxe dunha rede social comellona e bebedora radica en que, amais de trocar chistes ou chismes sen o límite dos 140 caracteres, permite pulsar o carácter (o estilo, a alma) dos convivas estimulados por viandas sabedeiras e bebidas espirituosas. Un cenáculo como a Troita Armada fomenta a compaña e protexe contra o frío da multitude encovada nas pantallas.