Volve a noite do polbo

Cea e festa troiteira na noite do 24 de xullo

E volve con forza. A última vez que puidemos celebrar o encontro de troiteirxs da noite de 24 de xullo, un evento que se mantén dende os inicios como un dos pratos fixos da nosa programación anual, foi en 2018. Mudaron os tempos, cambiaron gobernos e directivas, pasamos confinamentos pandémicos, crises económicas e climáticas, mais a asociación segue aquí e o noso amigo cefalópodo volve chamarnos insistentemente cos seus oito brazos para que unamos os nosos nunha noite de confraternidade, irmandiñade e troula. A nosa masa social estáse sumando ao encontro con entusiasmo e saudade. Farán falta todos os brazos para levar adiante unha boa festa de reencontro, pois nos últimos tempos estamos pouco afeitos a convocatorias tan concorridas. Será outra volta unha boa celebración. E a partir deste 2022, que non pare máis!