Xornada de reflexión

Sábado 17 de febreiro de 2024

Bicos de Nai Programa #8 Especial Xornada de Reflexión
Con Antón Sánchez, Clara Gayo e Carlos Santiago.

Un Late Night sen cámaras pero con moito teatro. BdN é un programa de entrevistas e variedades con cea incluída, a decorrer no local social da Troita Armada, sociedade gastronómica e cultural compostelá en permanente proceso de innovación.

ATENCIÓN: 40 PRAZAS ADXUDICADAS POR ORDE DE RESERVA NO EMAIL info@atroita.org.
É preciso deixar teléfono de contacto.
O prezo desta cea-espectáculo é de 15€ para socixs, 20€ para non socixs.

Conducido por Carlos Santiago, dramaturgo e poeta, entre outros labores, o BdN ofrecenos entrevistas, monólogos cómicos e varias pezas audiovisuais de carácter satírico. Neste programa especial, o 17 de Febreiro, dedicado á reflexión electoral, contaremos coa presenza, do lado do hemisferio esquerdo, do enxeñeiro e político Antón Sánchez, ex-portavoz nacional de Anova, que partillará connosco a súa experiencia, con certeza esclarecedora, no labirinto político galego actual.

E do lado do hemisferio dereito, contaremos en exclusiva, con dous pesos pesados do pensamento reaccionario español: a Virxe do Pilar e o Apóstolo Santiago. Na súa condición de entes transcendentes, ambos os dous foron unánimes en pedir prestadas as voces de Clara Gayo e Carlos Santiago, para se expresar convenientemente. Durante o BdN, co ánimo de mercar a súa vontade, o público será agasallado cun selecto cocktail beirista-leninista, criado para a ocasión polo chef do programa, o Comandante Manrique, en honra da nalidade culinaria da Troita Armada, e da súa irrenunciábel militancia nas causas gastronómicas perdidas, por revolucionarias. Se a televisión non vén a nós, vaiamos nós ao teatro, da man de Bicos de Nai.

SINOPSE


O noso amado e teimudo país, a Galiza, atravesa como cada catro anos a épica contenda entre a realidade e o desexo, que habitualmente se resolve coa vitoria do poscaciquismo de toda a vida. Pero desta volta, hai signos no horizonte que delatan certo nerviosismo entre a rede clientelar máis sólida da península ibérica, capaz de sucederse a si mesma desde hai case noventa anos, con apenas algún que outro atranco cada quince. Iso quere dicir que estamos no devalo do ciclo e que cabe a posibilidade de que se cadra, xa se verá, haxa sorpresa en San Caetano. Os signos no horizonte agoiran ademais unha catástrofe. Unha muller podería rexer, por primeira vez na historia, o noso vello reino, tan afectado de gota e pirolismo desde os tempos da desventurada Inés de Castro. O noso vello reino, que se lle vai facer, xa non existe, pero tampouco acaba de concretarse en nova república, e anda aí a debaterse entre a extinción definitiva e o futurismo incerto. E que o futuro inmediato teña rostro de muller, dá que pensar en todas as tabernas do país, que, para alén do dominó, o subastado e os chinos, é onde se xoga sempre todo. Se a maioría das tabernas apoian a dereita hiperrealista, non teremos remedio, coma sempre. Pero se nun exceso de licor café, a masa tabernaria decide apoiar a esquerda desexante, estamos feitos, que dirían en Portugal, espello sempre oportuno dos nosos desvelos republicanos.

Toca reflexionar, e rápido. Reflexionar, non no sentido do voto de cadaquén, que está mais claro que as augas que corren polos Altos do Ulla, se non na maneira de adaptar a mente unha vez máis á dura realidade do día despois, que é cando hai que asumir se o mandato do inconsciente colectivo foi botalos ou non. O día despois é sempre duro, e en Bicos de Nai estamos polos coidados mutuos e a prevención política maternal. Por iso, toca edición especial no único día da campaña no que políticos e políticas teñen proibido atorrarnos a cabeza co ton monocorde das súas voces. Ese absurdo electoral que vén sendo a xornada de reflexión, vén tamén que nin pintado para vacinarnos contra o día despois en alegre convivio.

Antón Sánchez

Para iso contaremos, por primeira vez na historia do programa, cun político de mérito, que non emérito, capaz de explicarnos as reviravoltas do labirinto político galego desde a súa dura experiencia no terreo. Chámase Antón Sánchez, ex-portavoz nacional de ANOVA, e promete non ser tendencioso na súa reflexión, a non ser que o obriguemos. Se algo se pode dicir de Antón é que bregou o país de arriba abaixo, na loita polos seus ideais, e coñece ben a dureza da placa granítica que certo sector do inconsciente colectivo aínda teima en axitar.

Na segunda parte, sendo edición especial, darémoslle voz á dereita por boca de dous dos seus máis destacados referentes na actualidade. Non nos estamos a referir obviamente a ningún ex-decano de ciencias políticas nin a ningún profesor de dereito consitucional con praza xa na TVG, senón a dous pesos pesados do pensamento reaccionario español: o Apóstolo Santiago e a Virxe do Pilar, xente de liderado que coñece ben a raigame do sistema político galego e español, e pode esclarecernos sobre o que nos cabe esperar o día despois mellor ca ninguén. A negociación cos seus representantes, para traelos a Bicos de Nai, foi severa, por causa da delicada situación autonómica provocada polo Opus Deis, pero finalmente, como nos expresaron en sucinto comunicado, “por España somos capaces de todo, incluso de visitar las cuevas célticas del independentismo y el monolingüismo radical para defender la verdad”.

A xornada de reflexión está servida. Se tes dúbidas, non o dubides. Apúntate.