Xuntanza con Luis Villares

Crónica dun encontro-cea celebrado 1 de xullo de 2022

Empezamos o mes de xullo na Troita Armada con Luis Villares, quen tras insistir moito, accedeu a facer con nós un “Balanço das Marés”. Tarefa complicada, pois como participante nos sucesos que abranguen o periodo político comprendido entre a primavera do 2016, cando é convidado a participar como candidato a presidir a Xunta de Galicia polo proxecto En Marea, ata febreiro do 2020, cando decide abandonar o proxecto, sucédenlle moitas cousas, algunhas moi desagradables para alguén acabado de chegar á política. Aínda así, Luis Villares, con mais resignación que rancor, fai un relato que aínda que para el no mais persoal comeza no 2016, en realidade comeza moito antes…

Luis explica as Mareas e En Marea comezando co movemento 15M no 2011, coa fractura do BNG en Amio no 2012 e coa irrupción de AGE, tamén no 2012, na política galega e o seu éxito electoral, caldo de cultivo para que en Galicia sucedese o fenómeno das Mareas municipais, (a estas alturas do relato pensamos que iamos quedar sen cear na Troita Armada…) pero nun exercicio de síntese e coa distancia que dan dous anos para dixerir todo o acontecido, Luis fai un percorrido desde a Asemblea do 30 de xullo en Vigo do 2016, na que se acorda a constitución de En Marea como partido político, superando (ou non) o formato previo de coalición. Toda a historia posterior de Luis e En Marea pasa pola necesidade de dotar de estrutura ao partido político e comeza unha fase na que os fitos son marcados pola organicidade, polo control do partido, por supostos consensos que non son tales, por resultados en primarias non recoñecidos polas partes; un periodo no que practicamente non hai debate de ideas nin político, unicamente transcenden novas á prensa e á opinión pública sobre o orgánico e as desavinzas internas. Xa no periodo no que rompe o grupo parlamentario no Parlamento Galego, no 2019, para Luis Villares e os tres deputados que o acompañan ao grupo mixto comeza un periodo de certa calma antes da tempestade, no que traballan como equipo no Parlamento presentando achegas en formas de PNL, de preguntas parlamentarias, etc. Chegamos ao final do periplo de Luis e en febreiro do 2020 anuncia que non se presenta ás eleccións ao Parlamento de Galicia e que abandona a política.

É difícil sintetizar todas as posibles causas do fracaso de En Marea como proxecto nacional, pero hai momentos clave como é a entrada de Podemos, a golpe de chamada do líder madrileño Pablo Iglesias minutos antes do peche legal para presentar candidaturas, (este modus operandi repítese despois…) Que pasaría se non entra? De todas formas, tras o Vistalegre 2 xa Podemos define un camiño á marxe das confluencias, deixando de lado tanto ás Mareas municipais como a En Marea, presentándose xa nas seguintes eleccións, tanto locais como de ámbito nacional e estatal, enfrontados nalgúns casos ata en tres espazos políticos, co lóxico desconcerto do electorado.

A mala xestion do caso da deputada que esgrimiu o seu cargo para defender a un amigo é un momento crítico na historia de En Marea, pois consegue dividir o único que seguía unido, polo menos formalmente, que era o grupo parlamentario galego. A historia de non acreditar nos resultados das primarias é unha constante na evolución do que se coñece como nova política e que vai xerando moito desgaste. A viraxe de Anova na construccion de En Marea no 2017 é quizais o punto de non retorno na construción de En Marea como espazo nacional… A inexperiencia de moitas das participantes, e o seu dogmatismo, a falta de lealdade co proxecto En Marea, cando os motores auxiliares deixan de selo e son de explosión, cando os partidos deixan de apoiar a creación do Espazo e directamente pasan a boicotear… en fin, moitas causas, pero o efecto finalmente foi o que todas coñecemos: a desaparición do espazo En Marea.

No debate posterior ao coloquio, moitas das presentes manifestaban frustración; quizais o peor de todo o que pasou non é a perda da inxenuidade, senón a perda da ilusión, por iso é importante facer relato do periodo, que non o escriban outros; quedan aprendizaxes no camiño. A seguinte palestra que teñamos sobre En Marea será sobre as aportacións no Parlamento, sobre o traballo feito, sobre os temas postos na mesa da vida política, que agora están de plena actualidade pero que hai uns anos non eran tan habituais: Renda Basica Universal, decrecentismo, ecoloxismo político, etc.

Finalmente na Troita ceamos e bebemos, porque como dixo Mary Poppins, cun pouco de azucre esa pílula pasa millor. O debate posterior ao coloquio xa é material para outra palestra que só as altas horas da mañá impediron prolongar.

Moitas grazas a Luis Villares por facer este exercicio de catarse persoal coa Troita Armada.

Saúde e República, amigas.

Ánxeles Faraldo