XXIX asemblea

O 28 de xaneiro celebramos a asemblea anual da Troita Armada

O 22 foi un bo ano. A Troita espeliuse e encheuse de actividades. Estreáronse novos formatos de actuación, o local púxose a andar. Démonos a coñecer en novos ámbitos como un centro de axitación cultural activo e iso reflectiuse en que puidemos darlle a benvida a novas persoas asociadas. A comunidade troiteira medra e o ruxerruxe fai xurdir expectativas. Nun Santiago turistificado e hostaleiro nun alarmante proceso de homoxeneización cultural son moitas as voces que nos chegan dicindo o mesmo sobre as nosas propostas: facía falta algo así. Isto énchenos de alegría e encirra o noso entusiamo, mais coa entrada dun novo ano a realidade ponnos no noso lugar e mostra os limites operativos dunha asociación coma a nosa: carencia de recursos, instalacións precarias, dependencia do traballo voluntario ante a imposibilidade de manter persoal con plena dedicación, necesidade de facer encaixe palilleiro ante os requirimentos económicos imprescindibles para emprender novos proxectos culturais. Nada que non saibamos. Como Sísifo, volveremos empurrar a nosa pedra cara ao alto da montaña. Seguiremos inventando xeitos de facelo posible. A Troita continúa.