Defuntaza Ataque Escampe
Ataque Escampe. Foi um cálido reencontro coas atividades exteriores da Troita Armada logo duns meses mui longos de restricçons.
Tentando seguir os locais apuntados na letra de Ataque Escampe fumos baixando “do Tambre ao Pulpo e ao bar da senhooora” , e assi mais de trinta troiteir@s cantamos e bebimos acompanhados de varios membros do grupo e a nossa Cantarea 21.
E para rematar degustamos ceia no local da rua Pombal 18 e escoitamos as palavras telúricas de Pepe Sendón invocando aos espíritus nesta clásica rota de vinhos:
Defuntaza 2021
A apocalipse ecolóxica que arrasa o planeta aínda non conseguiu exterminar unha teimuda especie, a troita armada, ou salmo trutta beligerans, na taxonomía de Lineo.
Ninguén pode explicar que nun pico histórico de contaminación ambiental e descontrol climático, coa humanidade escangallada por unha pandemia global e unha crise económica de cabalo opiáceo, a nosa salmo trutta beligerans non só resista, senón que mesmo prospere vizosa contra todo pronóstico.
Como é posible? Cal é o segredo?
Será o viño? O orfidal? As microdoses de AstraZeneca, Janssen, Moderna ou LSD? Non!
O que protexe a intrépida troita armada é a súa perfecta adaptación a un medio inhóspito: a Galicia Profunda. Esta vocación underground levouna a repregarse, ante a ameaza vírica, ás recónditas profundidades da cova máis fonda do río que corre pola Galicia Profunda. E dende alí, ao acubillo da escuridade, asexa a desfeita que corre pola superficie.
Nese porco río superficial que pasa ante os seus ollos, todo é unha ameaza para a trutta beligerans: perigosas riadas de máscaras desbotadas, trampas xudiciais, ensarilladas redes clientelares, abusivas facturas enerxéticas, tramas políticas neofascistas, enxurradas de ratas e peregrinos, mesmo a propia rúa do Pombal se desbandalla nun verquido incontrolado de gallos e bugallos… e a troita armada está mosca. Está mosca, mais non vai picar en ningunha mosca ou engado que o furor extractivista do furtivismo popular poña diante do seu camiño.
Resistirá na súa fonda cova nunha revolta do río da Galicia Profunda, en sintonía coas forzas telúricas dos devanceiros longo tempo enterrados, e rexurdirá un día, un día que pode ser hoxe, para poder erguer a taza e que os mesmos defuntos vexan que polo Sar abaixo vai unha troita de pé, e polo Sarela, outra coma ela.
Viva a Troita Armada!
Palitos de cangrexo nunca máis!