O poder do local e o local do poder
Sábado 20 de maio ás 21:30 BDN#4
Regresa Bicos de Nai á noite estrelada de Compostela, con anovada vontade de entreter a escaravellar na indómita realidade que nos envolve. A unha semana das eleccións municipais que decidirán a comandancia da aldea apostólica para os vindeiros catro anos, en Bicos de Nai propomos unha reflexión imponderábel sobre o que nos cabe esperar da concorrida batalla polo Pazo de Raxoi. Pazo con vistas excelentes desde o xardín da Troita Armada, sede oficial do noso programa. E quen queira entender, que entenda. Mais como non só de política vive o ser humano, aproveitaremos para compensar a noite cunha ollada perspicaz sobre o estado actual da cultura galega, estado que algúns físicos teóricos sitúan no eido da mecánica cuántica.
Como sempre, pensamento, sátira e teatro, baixo a irredenta batuta de Carlos Santiago, aliaranse coa gastronomía anti-imperialista do Comandante Manrique e a video-creación de última hora para ofrecernos un retrato da actualidade transido de nocturnidade e aleivosía.
Desta volta, alongamos horizontes aquén da filosofía cunha entrevista a unha das xornalistas culturais de referencia do país, Montse Dopico, cunha longa traxectoria no rexistro e comentario da creación artística e literaria galega, quen nos ofrecerá un singular photocall desa entidade electrocástica que vén sendo a nosa cultura.
E na entrevista a un ser de ficción teremos a honra de recibir a todo un experto en asuntos varios, Armando Guerra Troitiño, reputado opinador e polemista compostelán que tanto che fai unha analítica como unha colonoscopia. Co seu proverbial espírito crítico, Armando esclareceranos sobre as chaves do éxito político e as virtudes da competencia desleal na loita polo poder municipal. O seu diagnóstico ultraísta sobre o 28M, tras someter os candidatos a un duro escrutinio, ameaza con crear época.
Convidadas
Montse Dopico (Pontenova, 1977) é profesora e xornalista cultural. Estudou Xornalismo e Historia, Antropoloxía, Socioloxía e Ciencias Políticas, consciente de non ir gañar moitos cartos con todo iso. Foi colaboradora en medios como Galicia Hoxe, El País, Nós Diario, a Revista Luzes, a TVG e Praza Pública, onde aínda publica regularmente. En 2010 formou parte do Dioivo, proxecto dixital de xornalismo independete, e en 2014 promoveu o espazo de xornalismo cultural Magazine Cultural Galego. En 2017 recibiu o Premio de Xornalismo Johán Carballeira pola súa reportaxe “Galaxia vs Galaxia. A construción de hexemonía cultural”, publicada na revista Luzes. E en 2021 foi Premio Follas Novas do Libro Galego, na sección de xornalismo cultural. Afirma que se está quitando do Xornalismo, pero non o consegue de todo.
Montse Dopico é unha entrevistadora tenaz que levanta acta de todo canto se move no campo cultural galego. Unha das súas reportaxes máis celebradas “Galaxia vs Galaxia” confrontaba as visións sobre o piñeirismo de dúas investigadoras, Cristina Martínez e Dolores Villanueva. A reportaxe acababa por evidenciar a existencia dunha oligarquía cultural na Galiza que aínda traba a apertura da nosa cultura a territorios, estéticas e temáticas completamente asumidas noutros sistemas culturais da nosa contorna xeopolítica. O talento de Montse é ese: deixar que entrevistados e entrevistadas falen por si mesmas e a monten parda.
Pepe Sendón (Lira, 1964) cunha ampla traxectoria en diversos ámbitos da produción cultural e membro do comité central da Troita Armada, Sendón intervirá nesta edición de Bicos de Nai baixo a máscara de Armando Guerra Troitiño, compostelán de pro e analista de asuntos varios. Armando é dono dun espírito crítico insobornábel, que nunca rexeita a ocasión de ser obxectivo se non pode ser todo o contrario. O público de Bicos de Nai devece pola súa análise do 28M.