Picheleir@s

15228684716_76f7ce8d1dSempre que percorremos unha cidade, a nosa ou calquera outra, fixámonos nos seus edificios, admirándoos, pensando con mentalidade de hoxe como puideron erguerse tales marabillas cuns medios que nos semellan rudimentarios e pouco sofisticados. En Compostela coñecemos moitos nomes de ilustres promotores de monumentos: Xelmírez, Fonseca, Monroy, Raxoi; de arquitectos que os proxectaron: Bernardo, Mateo, Domingo de Andrade, Casas Novoa, Ferro Caaveiro; de tallistas que os embeleceron: Mestre de Praterías, Gambino, Ferreiro…Todos perdurarán por sempre no imaxinario popular, pero ao seu carón existiron miles de anónimas persoas que co seu esforzo calado fixeron que esta cidade sexa hoxe Patrimonio da Humanidade recoñecida en todo o mundo. Sen elas é impensable a súa creación, pois unha urbe, en palabras de Justin Cartwright, vén sendo como unha colmea: “Unha grande cidade é como un tecido de inmortalidade; é a pel refugada de xeracións e xeracións” .

Estaría ben recuperar esas xeracións de picheleiros que foron tecendo a rede urbana. Como deixou dito Castelao na Alba de Groria pronunciada en Bos Aires o 25 de xullo de 1948 “Esas ánimas sen nome son as que crearon o idioma en que vos estou falando, a nosa cultura, as nosas artes, os nosos usos e costumes, i en fin, o feito diferencial de Galiza. Elas son as que, en longas centurias de traballo, humanizaron o noso territorio patrio, infundíndolle a todalas cousas que na paisaxe se amostran o seu propio esprito, co que pode dialogar o noso corazón antigo e panteísta”.

Non poden estar todos, por iso escollemos unha pequena presada de mulleres e homes cos seus humildes oficios, a maioría desaparecidos, para que os representen, para traelos de novo onda nós a fin de coñecelos, admiralos e mostrarlles a nosa gratitude por axudar a conformar Compostela. Estamos falando de veciños e, ao igual que Dante no seu descenso ao Purgatorio no canto 133 tropezou coa Pia dei Tolomei que lle implora: Ricorditti di me, tamén eles pídennos que non os esquezamos. De paso, comprenderemos mellor como se foi tramando o tecido urbano, os cambios grandes ou pequenos acaecidos no noso entorno.

A data de 1200 pode ser un bo punto de partida para convocar veciños desde ese momento ata o presente. A maioría son espectros que non chegamos a coñecer, outros, os da derradeira centuria, si, e non estará de máis lembralos con agarimo.

No ano 1200, como nos ensina o Calixtino, “Entre dous ríos, un dos cales chámase Sar e o outro Sarela, está situada a cidade de Compostela”. Desde os tempos do arcebispo Cresconio (1037-1066), era unha urbe amurallada que conformaba esa trama coñecida como améndoa. Escoitemos de novo ao Calixtino: “Sete son as entradas e portas da cidade. A primeira entrada chámase Porta Francesa (Porta do Camiño); a segunda, Porta da Pena; a terceira, Porta de Subfratibus (Porta de San Francisco); a cuarta, Porta do Santo Peregrino (Porta da Trindade); a quinta, Porta Faxeira, que leva a Padrón; a sexta, Porta de Sussanis (Porta da Mámoa); a séptima, Porta de Mazarelos, pola que chega o precioso viño á cidade”.

A muralla, construída para defender o territorio de inimigos e ameazas de epidemias, foi ata a súa desaparición un perenne dor de cabeza para as autoridades que se viron incapaces de mantela en pé na súa totalidade. A mala conformación, os apaños deficientes e a continua expansión extramuros do tecido urbano foron outros tantos quebrantos de saúde e peculio que sufriu o Concello, encargado da súa reparación. Cando empeza esta andaina, a cerca acollía unha catedral e nove igrexas: San Pedro de Fóra, na rúa de San Pedro, mosteiro derruído en 1839, do que se aproveitaron as pedras para enlousar a Quintana e a Porta Faxeira (no seu lugar ergueuse a actual capela de San Pedro); San Miguel da Cisterna (hoxe dos Agros, renovada no XIX); San Martiño Pinario (renovado no XVII); Capela da Trindade, na esquina da rúa das Hortas, derrubada nos anos trinta do pasado século, cun solar ocupado na actualidade por un edificio; Santa Susana; San Fiz (renovado no XVIII); San Bieito do Campo (a actual é do XIX) e San Paio de Antealtares.

A partir do ano 1000, o xiro de tres millas arredor da Catedral, o Locus Sancti Iacobi foi medrando. Un privilexio de Ordoño II dado no ano 915 ampliábao en doce millas ao tempo que decretaba que calquera persoa que puidese permanecer corenta días sen ser reclamado consideraríase home libre. A consecuencia foi a chegada de numerosos habitantes da contorna, pero tamén de peregrinos que decidiron ficar entre nós. O primeiro compostelán coñecido era un francés chamado Bretenaldo Franco, citado nun documento do ano 995. Esa avalancha trouxo como consecuencia a urbanización do territorio controlado polas autoridades que todo o regulaban: o tamaño dos solares, a altura dos predios, o establecemento dos oficios… por iso non estraña que ese novo locus se chamase Compostela, que ven do latín composita e quer dicir lugar ben edificado.

Nacen rúas (Vilar, Nova, do Camiño, Mazarelos, Faxeira, Algalia, Raíña) e prazas (Quintana, do Campo, do Paraíso, dos Ourives), habitadas por burgueses dedicados na súa maioría a atender as necesidades dos miles de peregrinos que ata aquí chegaban. Pero tamén contabamos con hospitais para curalos e cemiterio onde darlles descanso eterno. Deses anos son os mosteiros das ordes mendicantes, todos situados extramuros: San Francisco, fundado no 1214, as clarisas, en 1270 e os dominicos que se instalan en 1219.

2ffaa1b9-f538-47b7-a298-a541ad40c9cbFóra da muralla medraron arrabaldos con campos e hortas que lle proporcionaban o alimento traído directamente polos labregos que adornan e ennobrecen as súas rúas, “sen os campesinos non se pode entender nin a arquitectura nin a historia de Santiago”, interrelacción que por fortuna segue viva.