Troita ou peixe sapo
Grande dilema! Peixe azul ou branco?
A diferenza entre eles non está na súa cor,senón no seu contido en graxas. Os peixes azuis, como o bonito, o salmón ou a sardiña, teñen un gran contido graxo que frecuentemente supera o 10% do seu peso, mentres que os peixes brancos, como a pescada, o bacallau ou o peixe sapo, a penas teñen graxa na súa composición (menos do 2%). A troita é un peixe semi-graxo a camiño entre os dous tipos anteriores.As graxas dos peixes están formadas fundamentalmente por ácidos graxos de tipo insaturado, a diferenza da graxa procedente dos animais terrestres, que é de tipo saturado.
O noso corpo é capaz de sintetizar, a partir doutros nutrientes, todos os ácidos graxos que precisa, excepto un grupo deles que teñen que ser achegados na dieta e aos que denominamos ácidos graxos esenciais. Estes divídense en dous grupos: omega-3 e omega-6. Entre os omega 3 destacan dous tipos que son o ácido eicosapentaenoico (EPA) e o docosahexaenoico (DHA), que son case o 50% das graxas do peixe azul. Estes ácidos graxos proveñen de algas microscópicas, fitoplactón e pequenos peixes herbívoros e carnívoros, que actúan como intermediarios na cadea alimentaria mariña. Neste senso, os peixes producidos en piscifactorías, como os salmónidos, terán menor contido de omega-3 que os seus homónimos salvaxes por seren alimentados con pienso rico principalmente en aceites de sementes.
Os omega 3 do peixe azul son un compoñente fundamental das membranas de todas as células. Tamén teñen un papel principal no metabolismo, na regulación da temperatura corporal, na resposta inflamatoria e na neurotransmisión, entre outras funcións. O DHA é un constituinte maior das membranas celulares no cerebro e na retina. Diferentes estudos amosan os efectos positivos destes omega 3 sobre a agudeza visual e sobre o desenvolvemento cognitivo e motor en nenos/as.
Ademais, o consumo de peixe tense amosado inversamente proporcional ao deterioro mental e o consumo de máis de 2 racións de peixe á semana está asociada a un menor risco de desenvolver a enfermidade de Alzheimer. Todos estes beneficios engádense ao xa coñecido dende hai tempo da menor presenza de enfermidades cardiovasculares nas poboacións máis consumidoras de peixe, como a xaponesa ou os esquimós. Os omega-3 (DHA e EPA) son precursores de sustancias cunha importante acción antitrombótica e antiinflamatoria, de aí a súa repercusión positiva na enfermidade cardiovascular.
Voltando á pregunta, haberá que dicir a favor do peixe sapo que, ademais do rico que está, contén proteínas de alto valor biolóxico, ao igual que o resto dos peixes, sen a graxa saturada presente nos produtos de orixe cárnico. Polo que o seu consumo é moi recomendábel tamén!
Xa o dixo Xurxo Souto cando nos visitou o pasado outono: Troita Armada rica en omega-3!!!
Imaxe do cartel da XLIII Festa da Troita de Ponte Caldelas. 2009