Terra

11 Outubro, 2018

Xurxo Mariño presentará na Troita as experiencias recollidas no seu último libro “Terra”, acompañada de material gráfico. O vindeiro venres 19 de outubro ás 20,30h. Tomaremos despois uns viños e petiscos.

Xurxo Mariño é un infatigábel divulgador científico, doutor en bioloxía pola universidade de Compostela, profesor de medicina na universidade de A Coruña, membro da sección de natureza e sociedade do Consello da Cultura Galega e colaborador do Massachusetts Institute of Technology (MIT).

Con “Terra” preséntanos a viaxe que realizaron el e a súa compañeira, saíndo da Coruña e regresando á mesma, despois dunha viaxe ao redor do mundo. O libro é de moi entretida lectura, con moitas anécdotas, e grazas a el podemos coñecer moitos aspectos, tanto sociais coma naturais de todas as zonas polas que van pasando, que supoñen un pequeno resumo do planeta.

Segundo a presentación da propia editorial “Este é un libro de viaxes convertido nunha aventura de divulgación científica, o relato dun periplo de once meses arredor do planeta Terra no que se mesturan as anécdotas que van xurdindo ao longo das distintas etapas coas descricións da ciencia que hai detrás dos espectáculos que a natureza lles vai amosando aos viaxeiros: illas volcánicas en plena formación, desertos aos que non se lles albisca a fin, termiteiros xigantes, glaciares de cor azul que roxen coma monstros, raposos voadores e quilómetros, moitos quilómetros de percorrido polo mar, o aire e os revirados camiños dun planeta observado cos ollos atentos e cheos de curiosidade de Xurxo Mariño. Como indica o escritor Xavier Queipo no limiar, «cada capítulo, cada etapa, cada anécdota é unha porta aberta aos sentidos e ao coñecemento, unha incitación á observación da natureza e, en particular, á natureza humana coma se se tratase.”

 

Unha interesante entrevista con Xurxo Mariño

lhttps://www.publico.es/ciencias/entrevista-xurxo-marino-tierra.html